Briand-Kellog, Pacto de
Briand-Kellog, Pacto de
Acordo multilateral asinado en París o 27 de agosto de 1928 polo que se renunciaba ao recurso da guerra como medio para resolver os conflitos internacionais. Asinado polos representantes de 15 nacións, conseguiu a adhesión doutros 54 estados ata finais de 1929. O documento foi promovido e elaborado polo secretario de Estado para Asuntos Exteriores de EE UU, Frank Billings Kellog, e polo ministro de Asuntos Exteriores francés, Aristide Briand. O pacto non cumpriu os obxectivos previstos, dado que non conseguiu evitar os conflitos que se sucederon na década dos trinta e que culminaron co descrédito total tralo estoupido da Segunda Guerra Mundial.