Brión
Concello da comarca de Santiago, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Negreira (comarca da Barcala) e Ames; ao S cos de Noia e Lousame (comarca de Noia) e Rois (O Sar); ao L co de Ames e Teo (os dous de Santiago) e ao O con Outes (Noia). Abrangue unha superficie de 74,9 km 2 cunha poboación de 7.087 h (2007), distribuídos nas parroquias dos Ánxeles, Bastavales, Boullón, Brión, Cornanda, Luaña, Ons, San Salvador de Bastavales e Viceso. A capital municipal é o lugar de Pedrouzos, situado na parroquia de Brión, a 42° 51’ 5’’ de latitude N e 8° 40’ 7’’ de lonxitude O, dista 13 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Negreira e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Brión está baixo o dominio climático oceánico húmido. A localización do concello, algo afastado da costa, e a disposición do seu relevo, fan que se deixen sentir matices continentais nos rexistros térmicos. A temperatura media anual sitúase en 12,5°C. A amplitude térmica anual acada os 11,5°C: o mes máis frío é xaneiro (6,7°C de media) e o máis cálido xullo (18,2°C). As baixas temperaturas invernais inciden en que as xeadas non sexan estrañas nesa estación, sobre todo na área occidental do municipio, de maior altitude. Os rexistros de precipitacións son elevados, superando os 2.000 mm de media anual. Polo que respecta á súa distribución estacional, a maioría das precipitacións recóllense no inverno, o 40%, mentres que no verán só se rexistran o 10% das mesmas. O número de días de chuvia ao longo do ano é de 140. As brétemas son frecuentes, sobre todo no inverno, nos vales dos ríos Tambre e Sar. Polo que respecta ao relevo, Brión presenta dúas áreas ben diferentes: a área oriental, que constitúe un treito da Depresión Meridiana galega (xurdida polo basculamento de bloques tralas fracturas orixinadas durante a oroxenia alpina), polo que se abre ao val da Amaía; e a área occidental, máis montañosa, na que existen afloramentos graníticos hercínicos que se superpoñen ao dominio xistoso da Galicia central e occidental, cunha cronoloxía silúrica-devónica. O primeiro sector presenta unha altitude media duns 100 m e está formado por chairas aluviais do río Sar e os seus afluentes. Na segunda área, na súa parte central levántanse os montes da Rañalonga (divisoria de augas dos ríos Tambre e Sar), con altitudes entre os 200 e 300 m, e no O aparecen as maiores alturas do concello (Alto do Queixal, 512 m), que descenden abruptamente ata os 50 m na foz que forma o Tambre no extremo occidental do concello. O territorio brionés pertence a dúas concas hidrográficas: a do río Tambre, que recibe as augas dos regos Viceso, A Graña, Chavielos e Vaqueiros, e a do río Sar, onde desembocan os regos Pego, do Crego, Perros e Cirro.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Brión nos últimos dous séculos cínguese en gran medida ás pautas xerais que rexen no conxunto do país: coñeceu dende o primeiro censo de poboación (1887) ata 1930 un crecemento moderado, no que se intercalaban anos de incremento e retroceso, pechándose o período con aumento do 6,48% (pasando de 5.756 a 6.129 h); o forte crecemento vexetativo non se reflectía nun maior incremento demográfico por mor da importante emigración, principalmente cara a destinos americanos. Dende esa última data ata 1950 o aumento foi do 13,65%, acadándose ao remate do período o máximo poboacional do municipio (6.966 h). Este incremento demográfico foi consecuencia do elevado crecemento vexetativo e das dificultades para emigrar durante esas dúas décadas, debido a factores de orde interna (a Guerra Civil española e os primeiros anos da posguerra) e externa (cesamento da demanda de traballadores pola crise económica de 1929 e posteriormente pola Segunda Guerra Mundial). Unha vez aberta de novo a vía da emigración, a poboación caeu ata os 5.679 h no ano 1970 (un descenso do 0,92% anual). A partir dese ano e ata 1981 os residentes de Brión volveron aumentar, esta vez tralo novo peche da emigración exterior debido á crise económica internacional. No período intercensual 1981-1991 a poboación decreceu, feito que é responsabilidade fundamentalmente do proceso de avellentamento e consecuente perda de dinamismo ao que levou a emigración anterior. Entre 1991 e 1996, coñeceuse un novo e espectacular incremento demográfico (a un ritmo do 2,2% anual), provocado pola construción en determinadas parroquias (especialmente nas atravesadas pola estrada comarcal AC-543), de varias urbanizacións residenciais nas que se estableceron fundamentalmente familias de profesionais e traballadores cualificados que desempeñan empregos na administración autonómica ou nos servizos radicados na cidade de Santiago de Compostela; estes residentes dispoñen na súa maioría dun nivel de rendas elevado, en correspondencia coa súa categoría laboral, polo cal a súa presencia contribúe a modificar o perfil socioeconómico do concello. Agás o período 1996-2001 no que a poboación descendeu nun -2,27%, o crecemento continua: 13,70% (2001-2207). Esta evolución tradúcese nunha estrutura demográfica bastante avellentada supoñendo os menores de 20 anos o 16,9% dos h e os maiores de 65 anos o 20,7%; o grupo intermedio representa o 62,4%. A tendencia que se pode prever para un futuro imediato parece ser a do rexuvenecemento, debido á chegada de adultos novos con postos de traballo radicados en Santiago de Compostela, atraídos pola oferta de vivendas de nova construción. Estes individuos presentan un acusado comportamento natalista, o saldo vexetativo é positivo (0,6‰) consecuencia dunha alta natalidade (10,1‰) a pesar da mortalidade (9,5‰). As mulleres superan en número aos varóns (51,33%) pola súa maior esperanza de vida e a menor incidencia que nelas tivo a emigración. A poboación concéntrase no sector oriental do concello, que presenta unhas mellores condicións para o asentamento (menor altitude, clima benigno, solos moi produtivos e proximidade ás vías de comunicacións). As parroquias dos Ánxeles, San Xián de Bastavales e Brión están coñecendo unha significativa densificación tanto do número de habitantes como do parque de vivendas, por ser onde se constrúen a maior parte das urbanizacións.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Brión é do 52,9% (64,5% a masculina e 42,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,3% (58,7% a masculina e 39% a feminina) e a taxa de paro é do 8,7% (8,9% a masculina e 8,4% a feminina). O sector agropecuario mantén unha importancia económica moi significativa en Brión, malia o intenso transvasamento de traballadores cara á construción e aos servizos nos últimos anos, empregando ao 14,4% da poboación ocupada. A mellora dos sistemas de explotación e a implementación de reformas técnicas, como a concentración parcelaria, favoreceron a orientación cara a pastos da maior parte das terras de cultivo. Así, existe unha importante habenza bovina dedicada á produción láctea (3.692 cabezas, 1999), e abandonáronse en boa medida os cultivos tradicionais. Ás actividades pesqueiras só se dedican o 0,5% dos ocupados. A industria ocupa a un modesto continxente de traballadores, 12%, pero a súa actividade acada un gran protagonismo na economía local polo seu carácter endóxeno, sacando partido das potencialidades locais. As máis importantes están vinculadas ao sector da madeira, que consegue colocar os seus produtos nos mercados nacionais e internacionais. A artesanía mantén certo pulo, conservándose oficios tradicionais (zoqueiros, cereiros, ferreiros, etc). A construción vese favorecida pola edificación de numerosas urbanizacións e vivendas de luxo, ocupando o 17,4% dos traballadores pero evidencia carencias significativas tanto polo pequeno tamaño das empresas como na cualificación dos seus traballadores. O sector terciario é a rama económica que máis volume de emprego xera, o 55,7%, pero non contribúe en gran medida ao desenvolvemento económico do municipio, pois moitos destes traballadores ocupan postos de moi alta cualificación e responsabilidade nos servizos e nas administracións públicas na veciña cidade de Santiago de Compostela, capital da Comunidade Autónoma. O comercio polo miúdo de alimentación e a hostalería son tamén relevantes. A principal vía de comunicación que atravesa o concello é a estrada comarcal AC-543 (Santiago de Compostela-Noia-Muros) que acolle un intenso volume de tráfico motivado polos numerosos movementos pendulares diarios en automóbiles particulares cara á capital. Destaca tamén a AC-450. Funcionalmente, Brión está vinculado a Santiago de Compostela en servizos especializados de todo tipo, pero Negreira é un centro secundario para comercio non especializado e de lecer.
Historia
A presenza humana está constatada dende a época megalítica co campo de mámoas de Rañalonga. Existen evidencias dunha intensa ocupación castrexa, que se denota na existencia dos castros de Castrigo, Ons, Lupario e Altamira, que xa aproveitaban as potencialidades agrícolas e gandeiras do val de Amaía. Consérvanse restos da calzada romana que unía Noia con Negreira e Corcubión e que atravesaba o municipio polas beiras do Tambre. Durante a Idade Media o concello pertenceu aos condados de Trastámara e Altamira, vinculados á familia Sánchez de Moscoso. En 1471 aconteceu a Batalla de Altamira que enfrontou á nobreza é ao poder arcebispal. Na Idade Moderna, Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso intentou frear sen éxito a política centralizadora dos Reis Católicos. No Antigo Réxime as freguesías que integran o actual concello de Brión pertenceron ás xurisdicións de Altamira e Amaía, integradas na provincia de Santiago e exercidas polo conde de Altamira e o arcebispo de Santiago, respectivamente. Os primeiros axuntamentos constitucionais que constan documentados son os establecidos no ano 1820, adscritos á provincia de Galicia ata 1822, ano no que se creou a nova provincia da Coruña. Nesa primeira data (1820), no territorio do actual concello de Brión constituíronse tres axuntamentos constitucionais, os de Maía, Bastavales e Altamira, que estiveron en vigor ata 1823, ano no que se suprimiu a Constitución e se restaurou o Antigo Réxime. Unha vez reinstaurada a Constitución, en 1835, creouse o concello de Brión, sen que se rexistrasen dende entón máis cambios que aqueles que afectaron á capital municipal, que pasou do lugar de Montello ao de Pedrouzos en 1900.
Patrimonio cultural
No eido da arquitectura relixiosa destacan o templo de Santa Minia, incluído no proxecto de creación dun santuario que non chegou a construírse, e as igrexas de San Salvador de Bastavales, barroca do s XVIII pero que conserva restos do primitivo templo románico, e a de San Xián de Bastavales, tamén barroca e que conserva o campanario que inspirou a Rosalía de Castro o seu poema “Campanas de Bastavales”. Da arquitectura civil destacan as torres de Altamira (BIC, 1994), morada dos condes do mesmo nome. Construídas no s IX, a Revolta Irmandiña derrubounas e foron reconstruídas no s XV. O pazo de Trasouteiro, que pertenceu tamén aos Moscoso, foi construído no s XIV e reformado no s XVII. O pazo de Armental estivo ligado aos Rivero de Aguilar. Consérvanse algúns cruceiros como os de Bemil, Boullón e Mourentáns. Do seu patrimonio natural salienta a praia fluvial de Ponte Nináns e os espazos naturais do esteiro do Tambre e polo Sistema Fluvial Ulla-Deza, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Entre as súas festas destacan a romaría de Santa Minia en Brión, en setembro, o Corpus nos Ánxeles e Bastavales, a Festa do Cabalo no monte Rañalonga, e a romaría de música e danza do Festival Internacional de Folclore na carballeira de Santa Minia.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Santiago |
| Extensión | 74 Km2 |
| Poboación Total | 7087 h |
| Poboación Homes | 3449 h |
| Poboación Mulleres | 3638 h |
| Densidade de poboación | 95.77 h/Km2 |