bronquite
(< bronquio + -ite)
-
[PAT]
-
s
f
Inflamación dos bronquios, causada habitualmente por axentes infecciosos ou irritantes, físicos ou químicos.
-
bronquite capilar
bronquiolite.
-
bronquite crónica
Bronquite que presenta tose produtiva durante polo menos tres meses ao ano ao longo de máis de dous anos consecutivos. A causa fundamental é a inhalación de produtos irritantes, sobre todo tabaco, e tamén outros axentes ambientais ou laborais que determinan a estimulación da secreción de moco polas células das vías respiratorias, a parálise dos cilios destas células coa conseguinte dificultade para eliminar o moco, e a alteración da función dos macrófagos alveolares con diminución da resistencia á infección broncopulmonar. Clinicamente se caracteriza por tose, ás veces paroxismal, e por expectoración mucosa de predominio mañanceiro (bronquite crónica simple). Os síntomas exacérbanse periodicamente, sobre todo no inverno e despois de infeccións virais ou bacterianas; ás veces hai estertores sibilantes e poden darse crises de broncospasmo parecidas á asma (bronquite crónica asmática). Nun estado avanzado da enfermidade a tose é constante e a expectoración purulenta (bronquite crónica mucopurulenta). Nunha parte relativamente pequena de pacientes afectados de bronquite crónica prodúcese unha obstrución grave e irreversible das vías aéreas (bronquite crónica obstrutiva) que condiciona a aparición de enfisema e da denominada enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.
-
bronquite aguda
Bronquite que, na forma simple, se manifesta con tose, inicialmente seca e despois produtiva, cun esputo mucoso ou mucopurulento, hipertermia leve e, ás veces, estertores sibilantes e húmidos. A miúdo vai precedida de rinite, farinxite, larinxite e traqueite. O epitelio dos bronquios vólvese avermellado, descámase e énchese de moco, debido a unha hipersecreción. A súa orixe está nos axentes infecciosos como o adenovirus, o virus da gripe, Mycoplasma pneumoniae, o pneumococo, o estreptococo, o estafilococo, etc. Pode aparecer no curso doutras enfermidades (febre tifoidea, gripe, sarampelo, tose ferina, etc) ou como exacerbación dunha bronquite crónica ou de bronquiectasia; normalmente, asóciase a pneumopatías subxacentes (pneumoconiose, tuberculose ou enfisema).
-
s
f
-
bronquite verminosa
[VETER]
Enfermidade do aparello respiratorio que afecta o gando bovino, ovino e cabrún novo que pace en ambientes húmidos. Está causada por un nematodo (Strongylus fileria) que penetra nos bronquios e provoca unha inflamación. Os síntomas principais da enfermidade son: enfraquecemento, respiración dificultosa, ataques de tose, expulsión de mocos, desgana e febre.