Bueu, porto de
Bueu, porto de
Porto da vila de Bueu, na parroquia e concello homónimos, situado no fondo da enseada de Bueu, na beira meridional da ría de Pontevedra e setentrional da península do Morrazo. É un dos portos de baixura máis importantes de Galicia, e posúe lonxa propia. Xunto cos de Cangas e Moaña, tamén no Morrazo, é un dos primeiros portos na descarga de mexillón. Nas súas instalacións opera ademais unha compañía de transporte de pasaxeiros dedicada ao tránsito local na ría. Ofrece tamén servicios ás embarcacións de recreo e deportivas.