bunraku
(< voz xaponesa)
ariedade do teatro de marionetas que se desenvolveu en Xapón a partir do s XVI. Trátase dun espectáculo, realizado á vista do público, no que os bonecos, normalmente vestidos de negro, teñen un tamaño similar ao dos seus manipuladores. Nun principio o elemento fundamental do espectáculo consistía nunha narración cantada e ilustrada polos movementos dos bonecos; sen embargo, na actualidade os bonecos e os seus movementos gañaron maior protagonismo, feito que incidiu na elaboración dos mesmos, co aumento do número de partes articuladas, e na súa manipulación, coa participación de tres actores para os que a tradición ten asignadas funcións específicas, sendo o actor principal o que manipula a cabeza, o corpo e a man dereita do boneco. A cabeza constitúe un dos elementos centrais deste xénero teatral e existen ata 50 tipos de cabezas diferentes que serven para recrear os máis variados personaxes que, á súa vez, poden ser presentados con cinco ou seis cabezas expresando diversos estados de ánimo. Outro dos elementos fundamentais deste xénero é a música, que actúa sempre en total consonancia coa narración, co curso da acción e co movemento dos bonecos. O bunraku foi amplamente explorado polo grupo madrileño La Tartana que presentou en Vigo o espectáculo Lear. En Galicia foi Matarile Teatro o colectivo responsable da súa introdución co espectáculo O cumpreanos da infanta, realizado en coprodución con Tanxarina e estreado en 1996. En 1994 o Centro Dramático Galego presentou un espectáculo, O mariscal, dirixido por Marcelino de Santiago Kukas, a partir dunha adaptación literaria do coñecido texto de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte, que sería realizado con técnicas propias do bunraku.