buraco

buraco

(< céltico buras ou latfurare?)

  1. Burato.

  2. s m

    Abertura ou cavidade realizada en calquera superficie de medidas variables.

    Ex: Cavou un buraco para plantar unha árbore.

    Sinónimos: burato, furaco.
  3. s m

    Perforación realizada nun corpo que o traspasa na súa espesura de lado a lado.

    Ex: Ten dous buracos nunha orella.

    Sinónimos: burato, furaco, orificio.
  4. s m

    Escavación feita debaixo da terra polos animais para vivir.

    Ex: A raposa escondeuse dos cans no seu buraco.

    Sinónimos: burato, tobeira, tobo.
  5. s m [FÍS]

    Nun semicondutor, nome que recibe unha partícula aparente que representa a vacante deixada no enlace do cristal por un electrón liberado e que se comporta coma se fose unha nova partícula libre cunha carga electrónica positiva (+q=1,602·10 -19 C) e unha masa comparable á do electrón. A súa presenza contribúe ao transporte de carga e enerxía. Nun cristal perfecto, onde todos os enlaces están saturados, o desprazamento de electróns ligados ou de valencia non pode producirse en virtude do principio de exclusión de Pauli. A presenza de enlaces vacantes é o que fai posible o desprazamento dos electróns de valencia cando un campo eléctrico externo se aplica a un semicondutor. Deste xeito, o conxunto de electróns de valencia participa tamén na condución. O aumento de temperatura no cristal provoca o aumento da enerxía cinética dos electróns de valencia e, cando esta é suficiente, un electrón pode pasar á banda de condución e volverse libre e deixar un estado desocupado (buraco) na banda de valencia. O mesmo efecto pódese obter mediante fotóns de enerxía superior á do intervalo de enerxía prohibida.

  6. [ASTRON]
    1. buraco branco

      Entidade astronómica hipotética que sería unha fonte continua de materia e radiación, localizada nun punto singular do espacio-tempo. A materia e a radiación provirían dun buraco negro situado noutro lugar do espacio-tempo. En 1930, pouco despois de que K. Schwarzschild estudiase teoricamente os buracos negros, Einstein e Rose atoparon para as ecuacións de Schwarzschild unha segunda solución, que permitía imaxinar a existencia de buracos negros que non retiñan a materia nin a enerxía que lles chegaba: os buracos brancos. A comunicación entre os dous tipos de buracos denominouse ponte de Einstein-Rose.

    2. buraco negro

      Corpo astronómico que se caracteriza por ter unha densidade moi elevada e un intenso campo gravitatorio que impide que se escape a luz. Constitúe o derradeiro estadio da vida dunha estrela de gran masa. O material que compón unha estrela atópase polo xeral en equilibrio baixo a acción de dúas forzas antagónicas: a forza da gravidade, que tende a condensar a materia cara ao centro da estrela, e a forza da presión, que tende a expansionala. Para estrelas dunha masa superior a tres masas solares este equilibrio non pode subsistir, xa que a materia da estrela se afunde sobre ela mesma e a estrela contráese indefinidamente (colapso gravitacional). Ningún tipo de radiación nin de corpo material pode fuxir do interior da estrela colapsada. Igualmente, un raio de luz que pasase polos arredores da estrela sería captado. Como non emiten luz, os buracos negros non poden ser localizados mediante métodos convencionais, senón que hai que empregar métodos indirectos como a detección de emisión de radiación de sincrotrón (especialmente raios X) ou de efectos gravitatorios (nun sistema binario de buraco negro e estrela visible). S. Hawking demostrou teoricamente que un buraco negro pode emitir radiación (coñecida como radiación de Hawking), o que lle permite perder materia progresivamente ata evaporarse. Semella que a Galaxia de Andrómeda, a súa compañeira M32 e a Vía Láctea poden ter un buraco negro no seu centro. Un posible buraco negro é a fonte de raios X GS2023+338, na constelación de Cisne.

  7. buraco de home [TECNOL]

    Abertura dalgúns aparellos ou dalgunhas instalacións (caldeiras, filtros, columnas e outros) de grandes dimensións, que ten tamaño abondo para que se poida introducir un home co fin de realizar reparacións, inspeccións, etc.

  8. [MAR]
    1. buraco do carro

      Tres buracos cadrados que ten o carro da dorna, nos que se introducen o extremo inferior dos paos das velas modificando a súa posición segundo a forza do vento.

    2. buraco do pao

      Abertura pequena que ten a cuberta da dorna cara á parte da proa, no que se colocan os paos das velas, estes buracos están protexidos por listóns de madeira, os malletes.

Frases feitas

  • Tapar os buracos. Remediar unha determinada situación, normalmente económica. Ex: Vou tapar os buracos cos cartos da lotería.

Palabras veciñas

Būr Sa’īd | bura | buraca | buraco | buraco | Buraco | Buran