Burela

Burela


Concello da comarca da Mariña Occidental, situado na provincia de Lugo no extremo NL da Comunidade Autónoma. Limita ao N e L co Mar Cantábrico, polo S co concello de Foz (A Mariña Central) e ao O co de Cervo (A Mariña Occidental). Abrangue unha superficie de 8,2 km 2 c unha poboación de 8.873 h (2007), distribuídos nunha soa parroquia, Burela. A súa capital é a vila de Burela, situada a 43° 39’ 29’’ de latitude N e 7° 21’ 45’’ de lonxitude O, 105 km ao N de Lugo e 177 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Viveiro e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O concello de Burela está baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por abundantes precipitacións distribuídas regularmente ao longo de todo o ano (1.250 mm) e unha suavidade térmica notable, cunha temperatura media anual de 13,5°C. Nesta área costeira dáse a oscilación térmica anual máis pequena de toda a fachada occidental europea (9°C-10°C), como consecuencia da combinación de invernos suaves e veráns con poucos días calorosos. As temperaturas máis baixas, tanto as medias mensuais como as absolutas, rexístranse en decembro, xaneiro e febreiro. O mes máis frío é xaneiro, con 9,1°C de media. As mínimas absolutas é moi raro que baixen de 0°C, de xeito que se pode afirmar que en Burela non existe un verdadeiro inverno térmico gracias á acción moderadora do Océano. As temperaturas medias máis altas son propias de agosto (18,9°C), relativamente baixas para esa época do ano debido á acción refrescante das masas de aire procedentes do N, que converten este sector litoral no menos caloroso de Galicia. A distribución das precipitacións ao longo do ano obedece á sucesión anual dos tipos de tempo: o inverno é a época máis chuviosa polo paso frecuente de sistemas ciclónicos (entre novembro e marzo cae o 65% das chuvias), e o verán coñece un descenso das precipitacións, malia que ningún mes baixa moito dos 50 mm, gracias á maior influencia do anticiclón dos Açores (de xuño a setembro caen o 20% das chuvias). Tanto a nubosidade como a humidade son abundantes todo o ano, aínda que o número de días de chuvia non supera os 130, sendo dos máis baixos de Galicia. O risco de xeadas pódese considerar practicamente nulo. A estrutura xeomorfolóxica da franxa setentrional galega, na que se inclúe Burela, defínese a partir dun zócolo de materiais precámbricos e paleozoicos moi diversificados. Burela está no dominio do manto de Mondoñedo, cunha litoloxía dominante de xistos. Trátase dunha unidade alóctona constituída pola unión de múltiples dobramentos deitados, cortados na base por un encabalgamento importante. Esta base paleozoica posúe unha intrusión granítica herciniana de notables dimensións, o chamado macizo de Burela-San Cibró, que se estende pola costa dende Burela ata a ría de Viveiro e penetra polo interior ata o concello de Muras. Forma unha paisaxe dominante de outeiros pouco elevados, de xeito que as maiores elevacións do concello presentan alturas moderadas, destacando a Cima de Abedoenda (418 m, que delimita os concellos de Foz, Burela e Cervo), sen superar o resto os 300 metros (montes de Vilar, Pena da Guía, Castelo e Berdión). A outra unidade do relevo destacable no municipio é a rasa litoral ou planalto cantábrico. Esta rasa percorre toda a costa cantábrica dende Santander ata Burela, presentando aquí a súa menor altitude, uns cinco metros, e unha anchura duns poucos centos de metros. A súa orixe está nos ciclos eustáticos do período cuaternario e parece estar vinculada á abrasión mariña, con posteriores retoques de tipo continental.
Xeografía humana
A poboación do concello de Burela coñeceu un espectacular crecemento dende o primeiro censo de poboación de 1887. Este censo contabilizaba, daquela, 711 h; xa no ano 1996 a poboación chegou aos 8.000 h. O incremento poboacional foi continuo, aínda que con distintas intensidades. Así, ata 1930 os seus efectivos medraron nun 36,7%. Máis importante foi o crecemento rexistrado entre esa data e 1960, cun 92,5%. Pero o momento máis relevante tivo lugar entre ese ano e 1996, cando se situou nun 323,6%. Nos últimos tempos parece ralentizarse ese forte ritmo de aumento, pois entre 1991 e 1996 foi só do 2,35%. Entre 1996 e 2001 o crecemento foi do 2,97% e, entre 2001 e 2007, do 8,72%. O seu crecemento hai que unilo ao feito de que esta vila se converteu nun espazo receptor de emigrantes, debido ao pulo que acadou o seu porto grazas á modernización da súa flota pesqueira e á instalación da factoría de Alúmina-Aluminio preto do concello, en San Cibró. Ao aumento demográfico axudou tamén o forte crecemento vexetativo dos anos sesenta e setenta, manténdose en valores positivos (2,3‰ de media entre 1990 e 1995) ata 2006 (-0,5‰), primeiro ano no que as defuncións superaron os nacementos, aínda que en 2006 volveu ser positivo, 0,9‰),. A importancia da inmigración en Burela (coa chegada de xente nova) constátase en que a súa poboación non presenta uns índices de avellentamento acusados, xa que os menores de 20 anos constitúen o 17,9% dos individuos, mentres que os maiores de 65 anos o 13,6%; o grupo intermedio representa o 68,5%. O equilibrio entre sexos é bastante notable, 50,02% homes e 49,97% mulleres. Practicamente, a totalidade do crecemento demográfico do concello aconteceu na capital municipal, Burela, de xeito que se converte nunha das vilas galegas con maior ritmo de desenvolvemento poboacional e económico, producindo uns notables efectos na paisaxe urbana. Así, o núcleo presenta unha tipoloxía arquitectónica de edificios de varias plantas distribuídos anarquicamente no seu espazo, buscando a maior rendibilidade do investimento inmobiliario e deixando de lado a planificación urbanística. A vila presenta dúas áreas de expansión, unha ao longo da estrada que une Foz e Viveiro, paralela á costa, e outra seguindo a vía que leva a Cervo. Estes dous enlaces crúzanse transversalmente, favorecendo a apertura de rúas de unión entre ambas, xerando un núcleo de carácter compacto. A expansión urbana vese favorecida pola topografía de carácter chairo da rasa litoral.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de é do 55,1% (69,9% a masculina e 40,7% a feminina); a taxa de ocupación é do51,1 % (66% a masculina e 36,6% a feminina) e a taxa de paro é do 7,3% (5,6% a masculina e 10,1% a feminina). A pesca é a actividade que define a economía de Burela tanto polo volume de emprego directo que xera (o 15,3% dos activos burelenses dedícanse a ela), como pola súa capacidade para xerar actividades complementarias e procesos de industrialización afíns (conxelación, conservas e transformación dos produtos do mar, transporte e distribución do peixe fresco, construción e reparación de embarcacións, efectos navais, aprovisionamento de buques, etc). O seu porto é o cuarto de Galicia no referente á pesca desembarcada e ao valor económico que esta acada na súa primeira venda en lonxa. Posúe unha flota de 150 barcos que empregan a uns 1.100 tripulantes, aínda que moitos deles non residen no concello. As artes utilizadas son o palangre, que faena en caladoiros comunitarios, a flota artesanal de baixura, a do arrastre litoral e, a máis significativa, a tradicional boniteira, na que Burela é o principal porto de toda a orla cantábrica peninsular. O sector servizos é a segunda actividade en importancia da vila, malia xerar o maior volume de emprego (53,3% da poboación ocupada). Burela desenvolveu unha serie de actividades terciarias moi significativas que dan cobertura non só á súa crecente poboación, senón tamén a amplos espazos da Mariña.. As actividades agrarias a penas teñen importancia á hora de xerar emprego (1,4%), debido á especialización produtiva da vila na pesca. A industria crea o 20,6% do emprego, que se concentra no subsector de elaboración de derivados e transformación do peixe, así como na metalurxia e fabricación de efectos navais. Cómpre destacar tamén que un volume importante dese emprego industrial desenvolve o seu labor na veciña industria de Alúmina-Aluminio, en San Cibró. A construción móstrase, así mesmo, como unha actividade potente, favorecida polo pulo edificativo do núcleo urbano de Burela como consecuencia do seu destacado crecemento demográfico. Engloba o 9,4% do emprego, aglutinado en grandes empresas como Construcións Mon ou Construcións Fontenla, que contan con máis de cen traballadores. A vía de comunicación máis importante que atravesa o concello é a estrada nacional N-642, que une Ferrol e Ribadeo. Posúe ademais varias estradas locais, destacando entre elas a que leva a Cervo, antiga capital municipal antes da segregación. Dispón tamén da liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Gijón.
Historia
A orixe do termo Burela está moi discutido aínda que a maioría dos investigadores coinciden en sinalar que o máis probable é que se refira á palabra empregada neste lugar para denominar a boia de cortiza con bandeira ou sen ela usada na Mariña. O primeiro vestixio de poboamento en Burela pertence á cultura castrexa, no Castro do Chan, situado no lugar de Cabo de Burela, moi preto do mar. Nel apareceron o torque de Burela, peza de ouro de 1.800 gramos de peso, datado entre os ss III e II a C, considerado como unha das pezas máis destacadas da ourivería castrexa, e a arracada do mesmo metal (s II d C). Preto do Castro aparece un vilaris romano, orixe da actual parroquia de Santa María no s IX ou X. A primeira mención documental de Burela aparece a fins do s XI cando o conde Ramón e a súa dona, Urraca, ceden á diocese de Mondoñedo a metade da igrexa de Nois, asentada na beiramar entre Burellum e Aurium. No ano 1250 delimítase definitivamente o territorio que pertence á parroquia por medio dunha carta de poboamento na que se reparten as terras e se establecen os dereitos e deberes que se concedían aos poboadores do lugar, quedando así fundado o pobo. En 1593 o Rei Filipe II incorpora á Coroa a xurisdición de Santa María de Burela, reservándose a potestade civil e criminal (nomeamento de funcionarios municipais, administradores de xustiza e escribáns), así como as rendas e cargas fiscais que xera a freguesía, agás o décimo do pan, viño, aceite, gandería e outros froitos que seguen en mans do bispo de Mondoñedo. No Catastro do Marqués de la Ensenada, de mediados do s XVIII, cénsanse na parroquia 116 veciños, na súa maior parte labradores e pescadores, aínda que xa se constata a presencia dalgúns xastres, relacionada coa incipiente e prometedora industria téxtil do liño que existía na costa e que se malogrou no s XIX. A pesca da balea foi unha actividade moi importante en Burela dende o s XVI, pero no s XVIII esta industria pesqueira esmoreceu ante a desaparición da especie das augas cantábricas, de xeito que Burela paralizou o seu crecemento demográfico e económico, caendo nunha fonda depresión da que non se recuperou ata a transformación da flota artesanal en semiindustrial nos anos sesenta e setenta do s XX. Durante o Antigo Réxime a parroquia de Burela constituíu un couto redondo pertencente á provincia de Mondoñedo. Co establecemento do municipalismo ao abeiro da Constitución de 1812 creouse o concello de Cervo, ao que quedou adscrita a parroquia. Esta división permaneceu vixente ao igual cá mesma Constitución, nos períodos 1812-1814 e 1821-1823. A administración do Antigo Réxime restableceuse en 1814 e 1823 ao se derrogar a Constitución por senllos decretos do Rei Fernando VII. A restauración definitiva do municipalismo produciuse en 1835; daquela a parroquia de Burela foi integrada no concello de San Xulián de Nois, no que permaneceu ata a súa disolución. A anexión ao concello de Cervo foi consumada o 19 de outubro de 1840. O auxe demográfico e económico da vila e porto de Burela, propiciou o desenvolvemento dun forte movemento social e veciñal a prol da segregación da parroquia e da creación dun concello propio. A reivindicación, fundamentada en cuestións funcionais, sociais e económicas, viuse favorecida pola lembranza da condición histórica de couto redondo gobernado polos propios veciños e independente do poder señorial, factor que, aínda que afastado no tempo, podía supoñer un precedente válido para argumentar o sentimento diferenciado dos seus veciños. O 15 de decembro de 1994 consumouse a segregación e constituíuse a primeira corporación municipal, unha xestora provisoria que administrou o concello ata a celebración en xuño de 1995 das eleccións municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destaca a igrexa de Santa María, con trazas románicas (s XII), pero profundamente transformada no s XVIII. Unha restauración recente descubriu unhas pinturas góticas que representan varias escenas da vida de Cristo relacionadas coa Paixón. Celébranse, entre outras, as festas do Carme e a rinarñua di Monte Castelo.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Central, A
Extensión 7 Km2
Poboación Total 8873 h
Poboación Homes 4439 h
Poboación Mulleres 4434 h
Densidade de poboación 1267.57 h/Km2

Parroquias

Burela
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias