Cabana de Bergantiños
Concello da comarca de Bergantiños, situado na provincia da Coruña no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa ría de Corme e Laxe e co municipio de Ponteceso, ao S cos concellos de Coristanco (Bergantiños) e Zas (Terra de Soneira), ao L con Coristanco e ao O co de Laxe. Abrangue unha superficie de 100,3km 2 cunha poboación de 5.091 h (1997), distribuída en dez parroquias: Anós, Borneiro, Canduas, Cesullas, Corcoesto, Cundíns, O Esto, Nantón, Riobó e A Silvarredonda. A capital municipal, A Carballa, na parroquia de Cesullas, está a 43° 12’ 40’’ de latitude N e 8° 54’ de lonxitude O, a 56 km de distancia tanto da Coruña como de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Carballo e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Cabana de Bergantiños está baixo o dominio climático oceánico húmido, e máis concretamente se inclúe no subtipo do litoral atlántico do NO, caracterizado pola influencia directa do Océano e pola situación de abrigo fronte ás correntes perturbadas do SO, aínda que recibe a influencia directa e intensa dos fluxos ciclónicos do NO. A suavidade térmica e as precipitacións moderadas definen as características climáticas esenciais. Os rexistros de precipitacións medias anuais sitúanse ao redor dos 1.400 mm, distribuídos segundo un réxime estacional simple, cun máximo nos meses do inverno (estación na que se recolle o 36% das chuvias) e un mínimo acusado no período estival (con só o 12%). A primavera e mais o outono compórtanse a estes efectos como estacións de transición, repartíndose o resto das precipitacións, aínda que son algo máis abondosas no outono (29%). Como consecuencia deste réxime pluviométrico, obsérvase un déficit hídrico durante os meses de xuño, xullo e agosto. É frecuente a presenza de días sombrizos e chuviñentos, que propician un elevado número anual de días de chuvia (máis de 150). Esta pluviometría acompáñase dunha suavidade térmica, manifesta tanto na temperatura media anual, 13,5°C nas terras máis baixas, como na escasa amplitude anual, 9°C. O inverno térmico é escasamente perceptible, de xeito que a temperatura mínima das medias rexístrase en febreiro: 9,4°C. Nestas condicións as xeadas son excepcionais. O mes máis cálido é agosto, con 18,4°C de temperatura media. A estrutura xeomorfolóxica do concello de Cabana de Bergantiños ofrece unha gran variedade xeolóxica e topográfica. Forma parte da Galicia xistosa central e occidental. O seu relevo converteuse polos procesos erosivos nunha penechaira durante o período mesozoico, posteriormente fracturada pola oroxenia alpina en fallas perpendiculares de dirección NL-SO e NO-SL. Nos bloques resultantes interveu a tectónica, de xeito que se dá unha alternancia de bloques elevados (monte Penol, 438 m; Castelo, 318 m; A Capela, 229 m) e vales situados en fosas que seguen unha rede ortogonal. Na costa contrastan os sectores de acantilados abertos á ría de Corme e Laxe, con fortes pendentes, e a enseada da Insua, baixa e abrigada. Este terreo tan compartimentado é cortado polas concas dos numerosos regos que percorren o municipio, a maior parte deles afluentes do río Anllóns, ao N, que serve de límite natural co municipio de Ponteceso. A enseada da Insua é un espazo natural marismeño de excepcional interese tanto ecolóxico como paisaxístico.
Xeografía humana
Malia primar a dispersión por todo o municipio, a poboación de Cabana de Bergantiños aséntase en boa medida no espazo ribeireño situado nas proximidades da enseada da Insua, debido ás boas condicións topográficas, climáticas e de accesibilidade. Como non existe ningunha entidade urbana, os seus habitantes repártense entre as áreas de influencia doutros municipios, como Carballo e A Coruña. A evolución demográfica seguida dende o primeiro censo de 1887 (no que se rexistraban 4.304 h) non foi uniforme, senón que coñeceu unha serie de altibaixos. Ata 1900 existiu un crecemento a un ritmo medio do 0,75% anual, froito dun saldo vexetativo altamente positivo. No período 1900-1920 apareceu o primeiro episodio de recesión demográfica (-0,23% anual) como consecuencia da forza que acadou a emigración cara a América (fundamentalmente a Uruguay e Arxentina) e da virulencia da epidemia de gripe de 1918. A partir de entón e ata 1970 (ano no que se dá o máximo poboacional con 6.850 h) retomouse a senda do crecemento sostido, a un ritmo de 1,03 % cada ano. Nesta evolución positiva incidiu o recorte da emigración pola forte crise económica a nivel mundial na década dos trinta e os conflictos bélicos subseguintes (Guerra Civil española e Segunda Guerra Mundial). Ademais, durante as décadas dos cincuenta e sesenta non afectou a Cabana de Bergantiños a segunda grande onda migratoria galega: os variados recursos económicos dos que extraer ingresos (agricultura, gandería, pesca, marisqueo, madeira, minería, construción e pequena industria) contribuíron a fixar a poboación. Curiosamente foi nas décadas dos setenta e oitenta, momento no que xa concluíra o negativo saldo migratorio exterior do conxunto galego, cando se deron as maiores intensidades migratorias, na maior parte dos casos cara ás áreas urbanas do propio país. Así, ata 1991 perdeu anualmente un 0,87% da súa poboación. No período 1991-1996 apréciase un repunte forte, cun crecemento dun 1,5% anual, consecuencia das contratendencias de perda de poboación nas principais cidades galegas e da relativa proximidade dos municipios de Carballo e A Coruña, cidades cara ás que se rexistran numerosos movementos pendulares diarios. No período seguinte, 1996-2001, produciuse un descenso do -7,42% que continuou no período 2001-2007 nun -8,64%. En 2006 o concello presentaba un saldo vexetativo moi negativo (-8,1‰), froito dunha baixa natalidade (3,4‰) que é superada pola mortalidade (11,5‰). A estrutura demográfica mostra síntomas de avellentamento: os maiores de 654 anos supoñen o 21,5% dos efectivos demográficos, mentres que os menores de 20 anos son o 13,4%;o grupo intermedio representa o 61,5%. Existe un equilibrio case perfecto entre sexos (49,08% homes fronte ao 50,48% mulleres).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cabanas de Bergantiños é do 52,4% (63,2% a masculina e 42% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,6% (57,9% a masculina e 37,8% a feminina) e a taxa de paro é do 9,1% (8,5% a masculina e 9,9% a feminina). A base económica do municipio aínda xira en boa medida ao redor das actividades agropecuarias, que empregan o 22,5% da súa poboación ocupada. A agricultura (19,7%) está pouco orientada cara ao mercado, predominando un policultivo de autoconsumo a base de millo, patacas e hortalizas. A gandería vacúa ten certa implantación, pero o número de cabezas por explotación é baixo. A agricultura a tempo parcial está moi estendida entre os traballadores doutros sectores económicos. A pesca, que presenta unha cativa significación malia ser un municipio costeiro (2,8%), está centrada case exclusivamente no marisqueo. A escasa industria local está baseada no sector da madeira, que aproveita os importantes recursos forestais de Cabana. Existen numerosos serradoiros, algún deles de certa entidade, como Maderas del Bosque, en Cesullas, e pequenas industrias de transformados de madeira como carpinterías, carpinterías de ribeira e un estaleiro en Canduas. Noutros tempos a minería foi unha actividade importante pero hoxe é residual, aínda que conta con xacementos importantes de volframio, rutilo, granito e lousa. En conxunto, o sector industrial emprega o 22,9% dos traballadores. Moitos dos traballadores da industria e a práctica totalidade dos que o fan na construción (25,9%) desprázanse a outros concellos para realizar o seu labor, especialmente á Coruña e Carballo. Os servizos están pouco desenvolvidos a pesar de ser a principal fonte de emprego (28,8%). A inexistencia de núcleos urbanos no municipio e o seu cativo artellamento territorial condicionan este escaso volume terciario, que cobre as necesidades máis básicas da poboación. Os escasos servizos públicos e a hostalería destacan por riba das restantes actividades terciarias. A rede viaria é deficiente, as únicas vías de entidade son a estrada AC-552 (A Coruña-Fisterra) que atravesa o concello polo extremo SL, e a estrada local AC-430 (Ponteceso-Laxe) que segue a costa, e a AC-431.
Historia
O poboamento máis antigo do que se ten noticia en Cabana de Bergantiños remóntase á cultura megalítica (3500-2500 a C). Posúe un dos monumentos deste período máis importantes e singulares de Galicia, o dolmen de Dombate, situado no Chan de Borneiro. Da Idade do Bronce tamén apareceu un enterramento, a cista da Insua, datada entre o 1500 e o 600 a C. A cultura castrexa tivo importancia no municipio, así o atestan os sete poboados coñecidos deste período, entre os que destaca o castro da Cibdá, en Borneiro, datado con C-14 entre o s VI e I a C. Conserva os seus parapetos, accesos e restos de máis de dezaoito construcións, sen apreciarse nel sinal algunha de romanización. Na época romana cruzaba o Anllóns a via per loca marítima, no límite con Ponteceso, e en Corcoesto había explotacións mineiras para a extracción de ouro. Durante a Idade Media foron intensas as disputas nobiliarias polo control do mosteiro benedictino de Canduas, fundado no s X, ata que pasou ao control do cenobio compostelán de San Martiño Pinario, no s XVI. A Torre de Penela en Riobó, orixinaria do s XVI, era a sede dunha ampla xurisdición do Antigo Réxime. Ademais dela existían en terras cabanesas outras tres xurisdicións: Mens, Soneira e Vimianzo, que pertencían á provincia de Santiago. O concello do que se ten constancia neste territorio data de 1820, cando a Deputación da provincia de Galicia estableceu a división en partidos; daquela as súas parroquias estaban repartidas entre os partidos de Bergantiños e Vimianzo. No primeiro deles constituíuse o concello de Corcoesto, que incluía as parroquias de Corcoesto, Esto, Riobó e A Silvarredonda. As parroquias do segundo estaban adscritas ao concello de Allo ou Laxe. O actual concello xurdiu en 1835, data da definitiva restauración do municipalismo. Orixinariamente se chamou Cesullas, parroquia onde se atopaba a aldea de Cabana que era a capital, da que pronto tomou o nome (1836). Dende entón, non se produciu máis variación que o traslado da capitalidade ao lugar de Ponteceso, primeiro, e á aldea do Bosque a partir de 1900, aínda que sempre na mesma parroquia de Cesullas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as Entre as igrexas románicas do s XII de Cesullas e de Riobó, esta última conserva un retablo barroco de estilo compostelán do s XVI e o sepulcro dos condes de Penela do s XVII. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Canduas, Corcoesto, a Casa Vella de Nantón e a Torre de Penela, así como os cruceiros do Sacramento e das Virtudes en Cesullas. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte e do Río Anllóns, declarados Lugares de Interese Comunitario dentro da Rede Natura 2000. En Cesullas celébrase unha das romarías máis coñecidas da comarca, a de San Fins do Castro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Bergantiños |
| Extensión | 100 Km2 |
| Poboación Total | 5091 h |
| Poboación Homes | 2499 h |
| Poboación Mulleres | 2592 h |
| Densidade de poboación | 50.91 h/Km2 |