Cabanas

Cabanas


Concello da comarca do Eume, situado na beira dereita do curso baixo do río Eume, na provincia da Coruña, no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Fene (comarca de Ferrol) ao S cos de Pontedeume e Monfero, ao L co da Capela (os tres da comarca do Eume) e ao O coa ría de Ares e o municipio de Fene. Abrangue unha superficie de 30,3 km 2 cunha poboación de 3270 h (2007 ), distribuída nas parroquias de Cabanas, Irís, Laraxe, Regoela, San Martiño de Porto, Santa Cruz do Salto e Soaserra. A capital municipal, Cabanas, está a 43° 24’ 07’’ de latitude N e 8° 09’ 50’’ de lonxitude O, 15 km ao SL de Ferrol, 37 km ao NL da Coruña e 80 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ferrol e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Cabanas está baixo o dominio climático oceánico húmido, aínda que presenta certos matices derivados da súa situación de abrigo no interior da ría de Ares que o protexen, en certa medida, das borrascas da fronte polar. O mar actúa como regulador térmico atenuando tanto as temperaturas invernais como as estivais. A temperatura media anual ronda os 14°C na franxa costeira, cunha escasa amplitude térmica, 11°C, froito duns invernos suaves (xaneiro, o mes máis frío, rexistra unha temperatura media de 9°C) e uns veráns non moi calorosos (agosto, o mes máis cálido, presenta 20,5°C de media). Non obstante , cara á área oriental do concello, máis elevada, estes valores térmicos fanse máis rigorosos (xaneiro, 8°C; agosto, 19,5°C). Cabanas presenta unha clara orientación ao mediodía, recibindo unha maior insolación e gozando polo tanto dunha benignidade térmica tamén maior que en concellos veciños. As xeadas son excepcionais na beira da ría, pero conforme se eleva a altitude teñen unha maior presenza. As precipitacións alcanzan os 1.500 mm anuais na costa e os 1.700 mm no extremo L. O réxime de distribución estacional da chuvias é simple, cun máximo no inverno (estación na que se recollen o 36% das precipitacións) e un mínimo pronunciado no verán (meses nos que só se rexistran o 11%), dando lugar á aparición de déficit hídrico e aridez nos meses de xullo e agosto. As estacións intermedias repártense o resto das precipitacións (primavera, 25%; outono, 28%). Os días de chuvia son numerosos, aínda que con precipitacións pouco copiosas, situándose nuns 140 ao ano. O relevo aparece caracterizado pola transición en diversos chanzos topográficos entre a área costeira e a superficie aplanada situada entre 200 e 400 m nas terras interiores ao L. Este sector elevado desenvólvese sobre granitos e gneis, presentando as maiores altitudes no límite coa Capela (monte Daxea, 475 m; Mariña, 454 m e Golpes, 358 m). O sector costeiro, en cambio, presenta unha litoloxía de rochas metamórficas de tipo xistoso, que se traducen en formas suaves e de escasa altitude. Polo S do concello discorre o río Eume, con dirección L-O, encaixado nunha gorxa de máis de 200 m de desnivel con pendentes moi pronunciadas. A rede hidrográfica susténtase en varios cursos: o do Eume, ao S, que recolle as augas de varios afluentes que baixan das terras altas do L; o Belelle, ao N e outros varios regos que van desembocar directamente á ría polo O, como o Ventín. A praia da Madalena é un areal en punta de frecha, froito dos depósitos de sedimentos na confluencia das augas do río coas do mar. As Fragas do río Eume, que se desenvolven no seu tramo máis encaixado, son un espazo natural protexido de excepcional riqueza ecolóxica, tanto no referente á flora como á fauna.
Xeografía humana 3.226 h (1996
No termo municipal de Cabanas dáse un contraste estacional moi significativo no número de habitantes, multiplicándose por tres durante a época estival, debido á súa potencialidade turística. As parroquias de Porto, Cabanas e Laraxe son as máis urbanizadas, destacando a área residencial existente entre o Areal e A Madalena. Máis do 70% da poboación vive en núcleos concentrados. A evolución demográfica experimentada no municipio dende o primeiro censo de 1887, estivo totalmente mediatizada polo devir da industria naval de Ferrol. Ata 1920 obsérvase un crecemento moderado da poboación, un 0,44% anual, inducido polo peso das actividades agrarias tradicionais e o crecemento vexetativo positivo. Con posterioridade e ata 1960 o incremento demográfico disparouse a un ritmo do 1,45% anual. Era o momento do desenvolvemento das comunicacións e da industria naval en Ferrol, que pola súa proximidade facilitaba os desprazamentos diarios sen que cambiasen de residencia as persoas que pasaban da actividade agraria á industrial. Nese último ano acadouse o máximo poboacional do municipio, 5.014 h, malia que quedou estancado ata 1970, para logo descender de xeito vertixinoso ata 1991 por mor da crise industrial que afectou a toda a comarca de Ferrolterra. A poboación, sen perspectivas de solución á crise, emigrou procurando mellorar a súa situación económica noutros lugares de Galicia e do estado. Cabanas perdeu nese lapso temporal o 38,5% do seu volume demográfico. Ata 1996 deuse unha certa recuperación (1% anual) xurdida polo desenvolvemento do sector terciario ante o pulo do turismo. Entre 1996 e 2001 o crecemento foi do 3,96%, sen embargo, e entre 2001 e 2007, o crecemento foi negativo -2,50%. En 2006 o saldo vexetativo era negativo (-13,5‰) como consecuencia do escaso número de nacementos (6,5‰) e a elevada proporción de defuncións (20‰). Neste feito incide directamente o elevado grao de senectude motivado pola emigración, de xeito que os cabanenses menores de 20 anos (14,3%) son inferiores aos maiores de 65 (23,2%); o grupo intermedio representa o 62,5%. A maior esperanza de vida feminina e a menor incidencia que nas mulleres tivo a emigración, propicia que superen en número aos varóns (51,68% fronte a 48,32%). Por sexos dominan lixeiramente as mulleres: 50,48% fronte a 49,51% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cabanas é do 46,14% (57,5% a masculina e 35,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,8% (51,5% a masculina e 29,8% a feminina) e a taxa de paro é do 13,7% (10,4% a masculina e 18,6% a feminina). A base económica do concello de Cabanas depende en gran medida das relacións cos municipios próximos, especialmente cos da área de Ferrol, a onde acoden moitos dos seus residentes diariamente a desenvolver a súa actividade laboral. Malia non ser un concello urbano, a poboación activa empregada a tempo completo no sector primario é bastante baixa, só 4,7%. A agricultura a tempo parcial é moi practicada e serviu en certa medida de amortecedor da crise industrial. Os produtos hortícolas, os viñedos e as froiteiras (cerdeiras) son as producións principais. A gandería está pouco desenvolvida. O sector forestal ten certa puxanza, pero as súas posibilidades de desenvolvemento son aínda moi amplas. A industria emprega o 23,1% dos traballadores, a maior parte deles nos estaleiros da ría de Ferrol, aos que se desprazan mediante movementos pendulares diarios. A profunda crise que viviu o sector naval dende a súa reconversión fixo que se reducisen paulatinamente os traballadores nesta actividade, que en 1970 se aproximaban ao 50% dos empregos dos residentes no concello. A construción, que acolle o 17,3% da poboación ocupada, vese favorecida pola edificación de segundas residencias, que son preto da metade do parque de vivendas. O terciario, que xera o 55% do emprego, preséntase como o sector económico máis dinámico, bastante polarizado na orientación cara ao turismo, desenvolvido ao redor da praia da Madalena, moi preto do núcleo de Cabanas, onde se sitúan grandes espazos recreativos, os establecementos de hostalería e a maioría das segundas residencias. O comercio é outra puxante actividade empresarialSon tamén significativos os empregos xerados polos servizos sociais e as administracións públicas. O tramo Guísamo-Ferrol da autoestrada AP-9, e a N-651 na variante Betanzos-Ferrol discorren polo O. Desta última vía sae outra cara a Ares e Mugardos, e a estrada local AC-141 enlaza coas Pontes de García Rodríguez. Destaca tamén a AC-564. O ferrocarril Betanzos-Ferrol tamén pasa por terras cabanesas.
Historia
Os vestixios máis antigos de civilización humana coñecidos en Cabanas son os túmulos megalíticos (3.500-2.000 a C) da necrópole de Monte dos Golpes e Monte Puxeiro, con vinteún monumentos funerarios. A cultura castrexa tamén está representada no municipio (s VI a C- II d C), destacando os castros de Piñeiros en Regoela, Monte Castro en Eirís e o das Modias, en Porto, onde apareceu un torques de ouro, hoxe no Museo Arqueolóxico da Coruña. Durante a Idade Media e ata o s XVI, as terras do concello estiveron vinculadas á Casa dos Andrade e ao seu señorío. No Antigo Réxime as parroquias que integran o actual territorio cabanense dividíanse entre as xurisdicións de Caaveiro e Pontedeume, baixo administración de reguengo a primeira e do conde de Lemos a segunda. Ademais, a parroquia de Regoela constituía un couto redondo. Todas elas pertencían á provincia de Betanzos. O primeiro axuntamento constitucional do que se ten constancia que se establecera no territorio do actual concello foi o de San Martiño do Porto, en 1821, adscrito en principio á provincia de Galicia e logo da súa desaparición á da Coruña. Todas as parroquias quedaron daquela unidas ao partido de Pontedeume. Na División Municipal de 1835 xurdiu o actual concello, aínda que contaba cunha parroquia máis, a de Caaveiro, que en 1925 se incorporou ao concello da Capela.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan no eido da arquitectura relixiosa pola igrexa de San Martiño de Porto, obra barroca de Bartolomé Raxoi. Da arquitectura civil salienta o pazo ou casa grande de Rioboó en Cabanas, do s XVII polo arcebispo Seixas Losada Ventín. Nesta vila existiu a Ponte dos Andrade, erixida entre 1380 e 1386, considerada na súa época como a máis grande de Europa na súa clase, e que se arruinou en 1683. Como mostras da arquitectura popular salientan os máis de medio cento de muíños hidráulicos existentes, especialmente os conxuntos situados no curso do río Castro ou Fraile no límite co municipio de Ares. Do seu patrimonio natural destaca o espazo das Fragas do Eume, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de santo Andrés e san Martiño.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Eume
Extensión 30 Km2
Poboación Total 3272 h
Poboación Homes 162 h
Poboación Mulleres 1652 h
Densidade de poboación 109.07 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias