Cabilia
Nome das comarcas montañosas da metade oriental do N de Alxeria, entre a planicie da Mitidja ao O, a chaira de Bona ao L, o Mediterráneo ao N e os altiplanos de Alxer e Constantina ao S. Divídese en catro partes: a Gran Cabilia, a Pequena Cabilia, a Cabilia de Collo e a Cabilia Oriental. A Gran Cabilia é un macizo montañoso, constituído por terreos calcarios que limita ao O co val do río Isser e ao L e SL co val do río Soummam-Sahel. É unha das áreas máis poboadas de Alxeria e está habitada por bérberes sedentarios que practican unha agricultura primitiva e pobre. A capital da Gran Cabilia é Tizi Ouzou. A Gran Cabilia é a que conserva de xeito máis puro a lingua e os costumes bérberes. A Pequena Cabilia está formada polo hinterland de Bougie. Trátase dunha comarca moi arabizada, cunha alta densidade de poboación. A paisaxe está dominada por grandes bosques, onde o cultivo de cebada e a gandería son a base da súa economía. A Cabilia de Collo situada ao N da cadea de Numidia é unha rexión de macizos cristalinos e volcánicos. A densidade de poboación é baixa, ocupando principalmente pequenas aldeas nos claros. A Cabilia Oriental está constituída polas montañas que rodean a chaira de Bona. A súa poboación é principalmente sedentaria. Fronte á conquista francesa (1830), os cabilos opuxeron unha forte resistencia. A Pequena Cabilia foi ocupada en 1853. A Gran Cabilia someteuse logo da campaña do mariscal Randon (1857) que construíu a cidadela de Fort Napoleon, chamada máis tarde Fort National, e logo El-Arbaa-Nath-Irathen. A poboación autóctona sublevouse en 1871, pero a revolta foi novamente sufocada. A partir de 1955 as Cabilias convertéronse nun continuo foco de insurrección, e máis tarde (1963-1965) tiveron un importante papel na política alxeriana polo seu enfrontamento co presidente Ben Bella.