cabrales
(
Queixo asturiano de tipo azul elaborado con mesturas de leite cru, principalmente de vaca, con engadidos de leite de ovella e cabra, segundo dispoñibilidade estacional. Está protexido pola Denominación de Orixe. Madúrase en covas naturais situadas en paraxes escarpadas de grande altitude, propias da comarca asturiana de onde procede, dando lugar a un queixo de fina codia e masa semidura veteada (por balorecemento interno co fungo Penicillium glaucum) e pastosa, cun aroma complexo e intenso e cun gusto forte e picante. O callado é mixto, predominantemente enzimático. Haino desde graxo a extragraxo e consómese de semicurado a curado. A súa forma é cilíndrica irregular, cun tamaño moi variable; adoita pesar entre dous e catro quilogramos. Tradicionalmente, envolvíase en follas de pradairo para o seu transporte. O de mellor calidade é o da primavera e verán. Pódese consumir untado en pan ou batido con sidra. Calcúlase unha produción media de 180.000 kg cada ano de maneira artesanal. Tamén recibe o nome de cabraliego.