cacheno -na
(< 1 cacho)
-
adx
Que lle falta un corno ou os dous.
-
-
adx
Relativo ou pertencente á raza cachena.
-
raza cachena
[ZOOL]
Raza bovina morena orixinaria de Galicia de perfil cóncavo, cabeza pequena con órbitas saíntes e ollos oblicuos, orla branca no fociño, beizos grosos e cornos en lira alta e moi desenvolvidos. O pelame é de cor castaña clara e as mucosas, cascos e partes extremas da cornamenta, son de cor negra. Os bois acadan un peso medio superior aos 620 kg. Aínda que tamén foron empregados na realización de labores agrícolas, o seu máximo interese céntrase na calidade da carne. Son propios da comarca galega da Baixa Limia e das serras da Peneda, Soajo, Amarela e Gerês, en Portugal; xa que logo, constitúe un ecotipo de alta rusticidade, axeitado a condicións de pastos pobres sobre solos ácidos e a un clima húmido e frío. No s XX tivo lugar un descenso brusco no seu número de cabezas, que pasou de preto de 6.000 animais a pouco máis de 200. Considerada en perigo de extinción, a administración galega puxo en marcha en 1983 un programa para a súa conservación; logo dunha selección de exemplares que non presentaban evidencias de cruzamento con outras razas, constituíuse un rabaño no concello de Entrimo que garante a súa conservación.
-
adx