CAD
Programa de Deseño Asistido por Ordenador que se emprega para traballar en campos como a enxeñería, o deseño téxtil ou a arquitectura. Traballando con este programa pódense calcular as dimensións e a configuración de estruturas automaticamente fronte aos programas de debuxo ordinarios e é posible facer cambios tales como engadir unha parede nova nun plano, deseñar con facilidade estruturas repetitivas, ampliar imaxes para obter unha vista próxima a unha parte particular ou reducilas para obter unha vista xeral. Se ten capacidade tridimensional, pode xirarse a imaxe para ser observada desde moitas perspectivas diferentes. Ademais, os edificios, os barcos, os avións ou os automóbiles poden ser planificados ata o máis mínimo detalle nun tempo menor ca nos métodos tradicionais. Así, o avión Boeing 777, que voou por primeira vez en 1994, foi deseñado completamente por ordenador, mentres que os anteriores foran deseñados con debuxos, polo que se necesitara construír unha maqueta a escala real para garantir o correcto encaixe das pezas.