Cadenas de Ondas Populares
Emisora radiofónica im-plantada no ámbito estatal que iniciou as súas emisións en 1958 cando a Dirección General del Secretariado Nacional de la Comisión Episcopal de Cine, Radio y Televisión e os representantes das distintas dioceses españolas e das diferentes emisoras parroquiais, acordaron transformar a súa estrutura local e crear unha cadea de radiodifusión nacional. As emisoras pioneiras foron Radio Vida, chamada posteriormente Radio Popular de Sevilla, e Radio Popular de València. Un ano máis tarde nacían Radio Popular de Burgos, de Lleida, de Pamplona, de León e de Zaragoza, ata completar a cifra de 43 emisoras de Onda Media, 67 de Frecuencia Modulada e 49 de Cadena 100. En 1981, por imperativos legais, adoptou o nome de Radio Popular SA-Cadena de Ondas Populares. En febreiro de 1983, baixo a dirección xeral de José Andrés Hernández, ex-director de Radio Popular de Vigo, iniciou unha programación baseada na emisión de magazines, boletíns informativos, debates, coloquios e programas deportivos, coa presenza de destacados locutores como Luis del Olmo, Encarna Sánchez e Alejo García. En Galicia conta con delegacións e frecuencias nas principais vilas e cidades, dirixida por Fernando González Macías (2000).