Caio
Prenome procedente do latín Caius ou Gaius, moi frecuente na antiga Roma. Utilizábase na fórmula do casamento Vbi tu Caius ego Caia ‘onde ti sexas Caio eu serei Caia’, e de tu Caius vén o termo tocaio ‘persoa que leva o mesmo nome’. Caio Mario (s II-I a C), adversario de Sila, venceu a Iugurta, rei de Numidia, dos cimbros e dos teutóns que invadira a Provenza. Cónsul sete veces e líder do partido popular, os inimigos converteron o seu nome, Mario, en sinónimo de político ambicioso, mentres que durante a Revolución Francesa simbolizou o heroe da liberdade e da democracia. Levaron tamén este nome Caio Mucio Scaevola, o político e literato Caio Xulio César, o poeta lírico Caio Valerio Catulo, o político Caio Cilnio Mecenas, o historiador e literato Caio Plinio Secundo, o Emperador Caio César Calígula e o historiador Caio Suetonio Tranquilo. San Caio (s III), natural da Dalmacia e parente do Emperador Diocleciano, foi papa (283-296) e morreu martirizado. Houbo outro santo do mesmo nome, mártir en Apamea (Frixia), xunto a santo Alexandre. A súa festividade celébrase o 10 de marzo e a do papa o 22 de abril.