calcario -ria

calcario -ria

(< lat calcārĭu ‘relativo ó cal’)

  1. adx

    Que contén cal.

  2. [XEOL]
    1. calcaria pisolítica

      Rocha sedimentaria de orixe química, de textura granular, formada por precipitación de calcita, dolomita e siderita, ao redor dun núcleo de cuarzo ou de carbonatos, no seo de auga cálida en axitación.

    2. relevo calcario

      Relevo cárstico.

    3. s f

      Rocha sedimentaria formada principalmente por carbonato cálcico. As calcarias pódense clasificar atendendo á súa orixe (orgánica, química, detrítica), idade, textura ou composición mineral. Son tipicamente solubles en ácidos diluídos fríos, teñen un peso específico de 2,6-2,8 e xeralmente son brandas, xa que a calcita ten unha dureza de 3. Se padecen metamorfismo dan orixe a mármores. O carbonato cálcico, procedente de tecidos, esqueletos ou cunchas de organismos, precipita cando diminúe a concentración de CO 2 das augas, por exemplo cando estas se axitan ao aumentar a temperatura, diminuír a presión, etc. A apreciable solubilidade da calcaria en augas enriquecidas con CO 2 e en ácidos orgánicos dá orixe a un relevo peculiar denominado cárstico. En función da substitución crecente de calcita por dolomita, as rochas calcarias clasifícanse en: calcaria, con máis do 95% de calcita; calcaria magnesiana, cun contido en calcita do 90 ao 95% e o resto de dolomita; calcaria dolomítica, cun 50 ao 90% de calcita e o resto de dolomita; dolomía calcaria, dun 50 a 90% de dolomita e o resto de calcita, e dolomía, con máis do 90% de dolomita. Utilízanse esencialmente para a fabricación de cal e de cemento para a construción. Tamén se utiliza na industria química (fabricación de sosa, produción de gas carbónico) e na agricultura, para aumentar a fertilidade de solos ácidos. En Galicia as calcarias constitúen materiais xeolóxicos do Paleozoico Inferior, presentadas como unha serie de bandas que afloran, de xeito puntual e discontinuo, dende Vegadeo ata A Fonsagrada e dende a comarca de Mondoñedo cara a Valdeorras e ao Bierzo, cunha orientación NO-SL. Representan o 0,52% da superficie galega, de gran singularidade vexetal, ao levar asociadas gran número de plantas endémicas ou raras que teñen un importante papel biodiversificador no conxunto da flora galega.

    4. calcaria compacta

      Rocha sedimentaria organóxena, de cor moi variable e estratificación pouco aparente, de orixe biostrómica e biohérmica. Durante o proceso de diaxénese, os restos de grandes organismos consérvanse baixo a forma de moldes que se enchen de cristais de calcita. Cando están traballadas en láminas pulimentadas reciben a denominación de mármores, aínda que non sufriron recristalizacións en condicións distintas ás de deposición. As de gran moi fino chámanse pedras litográficas, por ser empregadas como pranchas para litografías, e nelas pódense atopar fósiles en excelente grao de conservación.

    5. calcaria fosilífera

      Rocha sedimentaria e organóxena formada pola acumulación de esqueletos de organismos mariños. Distínguense: calcarias fosilíferas biohérmicas, constituídas nunha masa de desenvolvemento fundamentalmente vertical, formada por organismos vivos tales como algas, corais, crinoideos e braquiópodos e de estrutura porosa que presenta poucos fósiles ben conservados; calcarias fosilíferas biostrómicas, formadas a partir de cunchas de animais bentónicos (como lamelibranquios, braquiópodos ou gasterópodos), sobre grandes fondos planos; e calcarias fosilíferas peláxicas, formadas por acumulación das pequenas cubertas calcarias de animais planctónicos, e que constitúen un bo soporte para unha fosilización estruturalmente moi precisa de organismos maiores.

  3. [ANIMAL]
    1. s f

      Esponxa da clase das calcarias.

      Sinónimos: calciesponxa.
    2. s f pl

      Clase de esponxas mariñas de ata 10 cm de altura, con representantes do tipo ascon, sicon e leucon, con espículas de carbonato cálcico aciculares ou con tres ou catro radios. Aínda que normalmente son de cores apagadas, algunhas especies presentan aparencia amarela intensa, vermella ou violeta. Son representativos desta clase os xéneros Sycon, Leucosolenia e Grantia.

Palabras veciñas

calcapapeis | calcar | calcarenita | calcario -ria | calcarone* | calcarroeiro | calce