cálculo

cálculo

(

  1. s m

    Acción e efecto de calcular.

  2. [MAT]
    1. s m

      Conxunto de métodos que, aplicados a unha colección de símbolos ou números, permiten obter o resultado dunha operación ou, en xeral, dun problema. O cálculo constitúe o fundamento de toda a matemática cuantitativa. Limitado á álxebra e á aritmética ata o s XVII, a aparición e o desenvolvemento posterior do cálculo diferencial, do cálculo integral e do cálculo de variacións fixeron prever para o cálculo unha amplitude e unha capacidade de resolución case absolutos. Isto levou a Leibniz a pensar na redución de todas as ciencias nunha soa baixo a dirección dun cálculo superior, síntese da álxebra e da lóxica. Modernamente, o cálculo quedou absorbido polo ámbito máis xenérico da análise matemática.

    2. cálculo de variacións

      Estudio da teoría dos extremos de integrais, definidas de xeito que a súa integrante é unha función coñecida dunha ou máis variables independentes, dunha ou máis variables dependentes e das súas derivadas. O problema consiste en determinar as variables dependentes, de xeito que a integral sexa máxima ou mínima. No caso máis simple, a integral é da forma


      FORMULA


      onde cómpre determinar a función y(x) de maneira que I sexa máxima ou mínima.

    3. cálculo diferencial

      Parte da análise matemática e, máis concretamente, da análise infinitesimal que trata sobre todas as cuestións relacionadas cos conceptos fundamentais de derivada (ordinaria ou parcial) e de diferencial dunha función. Considérase unha teoría conceptual, estendida tamén como técnica de cálculo, que permite traducir as propiedades xeométricas e físicas do espazo en forma analítica, independentemente do sistema de coordenadas concreto ao que está referido o espacio.

    4. cálculo gráfico

      Método de cálculo baseado na substitución das cantidades numéricas ou funcións por representacións gráficas (curvas). Obtéñense os resultados, previamente fixada unha escala de medidas, por métodos xeométricos. Entre os métodos máis empregados pódense destacar o das isoclinas e os métodos de iteración.

    5. cálculo numérico

      Serie de métodos que permiten obter aproximacións das solucións dun problema matemático. O concepto de aproximación queda determinado pola natureza do conxunto ou espazo sobre o que se calcula e pola métrica ou distancia definida nel. Dado un espazo funcional onde hai definida unha métrica, esta permite definir unha topoloxía que, ás veces, dá o concepto de proximidade. Unha vez fixado o espazo e a métrica, o proceso do cálculo numérico resúmese da seguinte maneira: recollida dos datos iniciais do problema (datos de entrada), determinación dun algoritmo de cálculo e obtención de resultados coa aproximación desexada. A avaliación dos resultados obtidos teoricamente a partir da matemática formal e a aproximación numérica de resultados en problemas que teñen unha formulación teórica moi complexa, incluso imposible, son as dúas aplicacións máis directas do cálculo numérico. Os procedementos máis empregados son o método das diferencias finitas, a interpolación, a resolución numérica de ecuacións lineais e non lineais, e a integración numérica.

  3. s m

    Avaliación non exacta.

    Ex: Segundo os cálculos que botou, o remate da tese vaille levar un ano.

  4. s m [PAT]

    Concreción sólida de volume e aspecto variables formada principalmente a expensas dos sales contidos nos líquidos do organismo, especialmente a saliva, a bile e os ouriños. Estes sales deposítanse ao redor dun núcleo, xeralmente proteico, aínda que nalgúns casos, como nos cálculos urinarios, pode ser arredor dun corpo estraño; ou ben fórmanse pola interacción de distintos factores, como a estase biliar, a inflamación ou a discolia, nas afeccións das vías biliares. Os cálculos salivais acostuman presentarse na glándula submaxilar e están constituídos por fosfato e carbonato cálcico en unión con substancias orgánicas. Os cálculos biliares desenvólvense na vesícula biliar e, menos frecuentemente, nas vías biliares; poden estar constituídos por colesterol, pola asociación de colesterol, bilirrubina e calcio, ou ben por bilirrubina e calcio. Os cálculos urinarios orixínanse principalmente nos riles; a maior parte pasan á vexiga e son eliminados cos ouriños; os máis comúns son os de oxalato cálcico, os de ácido úrico, os de fosfato cálcico e os doutros fosfatos. Os cálculos producen a miúdo inflamacións e cólicos e predispoñen ás infeccións de ril e vexiga.

  5. [INFORM]
    1. s m

      Conxunto de operacións realizadas nas que se empregan e procesan uns datos coñecidos para encontrar outros que se desexan coñecer. Existen aplicacións informáticas con este fin específico chamadas follas de cálculo.

    2. cálculo con coma flotante

      Sistema no que as operacións aritméticas que se realizan son complexas, e que nun microprocesador acostuma executar unha unidade especializada.

    3. cálculo de clave

      Mecanismo no que se almacenan os elementos dos datos en posicións que están determinadas por unha función matemática dos mesmos.

  6. cálculo astronómico [ASTRON]

    Conxunto de operacións necesarias para determinar a posición do observador a partir da vista dun astro ou dunha estrela.

  7. cálculo económico [ECON]

    Cuantificación, comparación e regulación dos datos económicos coa finalidade de calcular unha óptima asignación de recursos produtivos, atendendo ao valor do custo dos recursos e ao valor xerado por estes. A realización deste cálculo no conxunto dun sistema económico recorda dun xeito isomorfo a regulación automática, en tanto que ten en conta o axuste de elementos relacionados polo vínculo causa-efecto, segundo as teses de Oscar Lange. O estudo do problema do cálculo económico depende dunha análise previa do valor, xa que a teoría do valor que sexa aceptada permitirá determinar sobre qué bases e qué rectificacións complementarias cómpre valorar, por exemplo, o custo da produción e os valores de cambio en xeral. O cálculo económico privado, típico dunha unidade económica de produción ou de consumo, compara o uso (do ben de consumo ou do factor de produción) e o seu custo ou prezo en tanto que afectan a esta unidade. Desta comparación sairá para a empresa a elección dos produtos a obter, dos recursos e os factores produtivos a empregar e dos métodos produtivos. De feito, as categorías sobre as que se pode efectuar unha comparación esixida polo cálculo económico responden, aínda que só parcialmente, a unhas situacións históricas. Establecer unha concordancia entre o que é xeral e o que é particular supón unha das dificultades do cálculo económico na forma de planificación chamada imperativa. O cálculo económico social pode tomar a forma de comparación entre unidades físicas ou entre unidades de conta. Pódese remarcar que a idea da xeneralización da aplicación do cálculo económico privado cara á consecución óptimo social, atribuída basicamente a Vilfredo Pareto, foi discutida, incluso considerando confusamente esta aplicación como sinónimo de concordancia entre comportamentos privados e cálculo xeral, de xeito que se podía trasladar a un sistema de dirección central. De súpeto, as reservas apuntaron sobre a súa posibilidade teórica; nunha fase posterior a discusión non afecta á aceptación teórica do cálculo económico nunha economía socialista planificada, senón á súa viabilidade práctica. Non obstante, actualmente se tende a considerar de novo os supostos teóricos do cálculo.

  8. cálculo lóxico [FILOS]

    Sistema de signos non interpretados, no que os enunciados se tratan algoritmicamente e as formacións e as operacións se efectúan de acordo cunhas regras explícitas. O cálculo é obxecto da sintaxe lóxica. Consta dun conxunto de símbolos elementais, dunhas regras de formación e combinación de símbolos e dunhas regras de transformación. Esbozado xa por Ramón Llull e máis tarde por Leibniz, acadou o primeiro pulo importante coa álxebra da lóxica do s XIX (George Boole, Ernst Schröder), e foi perfeccionado pola lóxica simbólica contemporánea (Gottlob Frege, Giuseppe Peano, Bertrand Russell e outros).

Palabras veciñas

calcular | calculatorio -ria | calculista | cálculo | calculose | calculoso -sa | calcurreiro