Calderón

Calderón
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe de orixe castelá que se estendeu por Cantabria, León, Castela, Andalucía, Extremadura, Perú e Arxentina. En Galicia esta caste asentouse en Verín, Padrón, Santa María de Pesqueiras, concello de Chantada, e en Castroverde. A esta familia estiveron vinculados os títulos de marqueses de Siete Iglesias, de Casa Calderón, de Algara de Gres, de Reinosa, os de condes da Oliva, de San Juan e de Villanueva de la Barca. Membros desta estirpe ingresaron nas ordes militares de Santiago, Calatrava, Alcántara e San Xoán de Xerusalén. As súas armas levan, en campo de prata, cinco caldeiros de sable, postos en aspa; bordo de goles, con oito aspas de ouro. Outros traen, en campo de ouro, cinco caldeiros de sable, postos en aspa con cadansúa bandeira de goles. Algúns heraldistas recollen para a rama galega outras dúas variantes: en campo de ouro, dous caldeiros de sable postos en pau e bordo de goles con oito aspas de ouro; en campo de azul, un caldeiro axadrezado de ouro e goles, e bordo tamén axadrezado de ouro e goles en dúas ordes.