calibrador
(< calibrar)
-
s
m
[TECNOL]
Instrumento empregado para verificar de maneira rápida, sinxela e precisa se as dimensións dunha peza están dentro das tolerancias preestablecidas, sen necesidade de realizar unha medición directa. O calibrador materializa as medidas máxima e mínima admisibles da dimensión a verificar; así, se esta é o diámetro interior dun buraco, é necesario que o extremo ‘paso’ do calibrador de interiores entre con facilidade, mentres que no lado ‘non paso’ non debe entrar de ningún xeito. Os calibradores para diámetros exteriores, para roscas ou outros, funcionan segundo o mesmo principio. O máis usual dos calibradores de interiores é o calibrador de tapón, que consiste en dous discos ou barras metálicos montados de banda a banda dun mango. Dos calibradores de exteriores, o máis usual é o calibrador de ferradura, que consiste nun arco metálico que ten nos extremos uns topes. Algúns calibradores son de medida fixa, pero noutros pódese regular dentro dun límite. A parte do calibrador que materializa a dimensión a controlar ten que ser resistente ao desgaste e indeformable, polo que se constrúen con aceiros especiais, cocidos lentamente para darlles unha grande estabilidade e recubertos dunha capa de cromo duro.
-
calibrador óptico/de curvatura
[TECNOL]
Peza de vidro, cunha das caras esmeradamente pulida para conseguir un aplanamento ou unha esfericidade o máis perfecta posible. Utilízase para verificar a perfección das superficies ópticas xa que, ao colocar o calibrador enriba desta, fórmanse franxas de interferencia que poñen de manifesto os defectos.