Calipso

Calipso
[MIT]

Ninfa da mitoloxía grega, filla de Atlante e Pléione ou de Sol (Helio) e Perseis, segundo as diferentes tradicións. Vivía nunha frondosa espenuca na illa Oxixia, no mar Xónico, e dedicábase a tecer e fiar rodeada das súas criadas, tamén ninfas. A Odisea narra cómo acolleu a Ulises e se namorou fondamente del. Retívoo ao seu carón durante sete ou dez anos pero non conseguiu que quedase alí para sempre, como ela quería, malia ofrecerlle a inmortalidade. Ao final foi liberado por Hermes, quen fora enviado por Zeus ante os lamentos de Atenea.