Calvos de Randín

Calvos de Randín


Concello da comarca da Limia, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte da denominada Raia Seca, é dicir, da fronteira política con Portugal. Limita ao N co concello da Porqueira, ao L cos concellos dos Blancos e Baltar (todos eles da Limia), ao S con Portugal e ao O con Muíños, na comarca da Baixa Limia, e Portugal. Situado Abrangue unha superficie de 97,7 km 2cunha poboación de 1.110 h (2007), distribuídos nas parroquias de Calvos, Castelaus, Feás, Golpellás, Lobás, Randín, Rioseco, Rubiás dos Mixtos e Vila. A capital municipal é o lugar de Calvos. Atópase a 41° 56’ de latitude N e 7° 53’ de lonxitude O, a 174 km da capital autonómica, Santiago de Compostela, e 68 km da cidade de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Bande e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio de Calvos de Randín está baixo o dominio climático oceánico continental. Nas serras situadas ao S do termo municipal o clima pode ser cualificado como de transición ao oceánico de montaña e a maior parte da chaira da Limia, onde se localizan os asentamentos de poboación, encádrase dentro do clima continental. Esta afirmación pode ser contrastada examinando a elevada oscilación térmica anual de 14,2°C, unha das máis altas dentro do contexto xeral galego. Así, mentres que a media do mes de xaneiro é de 6,5°C (invernos fríos), a temperatura media de xullo é de 20,7°C, a mesma practicamente que nas Rías Baixas. Polo que se refire ás precipitacións, recóllense un total anual de 1.419 mm, unha cifra elevada, aínda que hai que ter en conta as modificacións que introduce o relevo sobre o modelo climático xeral e a facilidade que teñen os ventos do SO, cargados de humidade, para penetrar e remontar a depresión da Limia. Dende o punto de vista do relevo, o municipio de Calvos de Randín pecha polo S a fosa tectónica terciaria da Limia. Cunha altitude media arredor dos 1.000 m, o relevo ascende do N, no contacto coa chaira limiá, cara ao S onde na raia con Portugal hai unha aliñación montañosa que se estende de L a O, cunha serie de montes comprendidos entre as serras do Xurés e de Larouco. Destacan o monte Lomba (1.258 m) ou o Monteagudo, que chegan a superar os 1.400 m na serra da Pena. A rede fluvial está articulada ao redor do río Salas, afluente do Limia, que discorre en dirección L-O e que se aproveita para a produción de enerxía hidroeléctrica no encoro internacional de Salas. Completan a rede hidrográfica unha serie de regos de menor importancia que percorren o territorio municipal, pertencentes todos á conca do Limia.
Xeografía humana
A poboación do concello de Calvos de Randín coñeceu un descenso global dende finais do s XIX, aínda que se diferencian con claridade tres etapas. A primeira etapa, dende comezos da serie censual (1887) ata 1940, caracterízase por unha estabilidade do número de efectivos da poboación, matizada por pequenos altibaixos na evolución. A estabilidade foi practicamente absoluta (3.593 h en 1887, fronte aos 3.635 en 1940), como resultado do illamento do concello dos principais centros económicos do país e o repregamento da súa economía sobre un policultivo de subsistencia, con escasos intercambios comerciais e demográficos co exterior. Nunha segunda etapa, a poboación comezou a descender. Este ciclo prolongouse ata 1981, ano no que o número de habitantes era de 1.833, rexistrándose practicamente a perda da metade da poboación. O éxodo rural cara ás áreas urbanas e industrializadas de Galicia e de fóra da nosa comunidade explican este auténtico descenso demográfico. Por último, e aínda que no ano 1991 se producira un pequeno incremento da poboación que sobrepasou os 2.000 h debido á existencia de fluxos de retorno definitivo dos antigos emigrantes, na terceira etapa confirmouse o desolador panorama demográfico de Calvos de Randín, xa que a poboación descendeu ata o mínimo absoluto de toda a serie (1.394 h, 1996), cun crecemento anual medio do -3,1%. Entre esta data e 2001 o crecemento situouse no -11,04% e entre 2001 e 2007 no -10,48%. A paralización dos fluxos de retorno dos emigrantes e a ausencia de alternativas económicas para a poboación nova son factores decisivos, que explican unha estrutura por idades cada vez máis avellentada e unha taxa de natalidade moi baixa, o que se reflicte na ausencia de substitución xeracional e nun declive progresivo dos efectivos demográficos. Este retroceso da poboación amósase no crecemento vexetativo, de signo negativo, -15,9‰ (2006), froito dunha moi baixa natalidade (1.7‰) e unha elevada mortalidade (17,6‰). A pirámide de poboación reflicte claramente o avellentamento da poboación e amosa unha estrutura totalmente invertida, na que o grupo de idades máis numeroso é o de maiores de 65 anos (51,4%), mentres que o menos numeroso é dos menores de 20 anos (6,1%); o grupo intermedio representa o 42,4%. A composición por sexos está equilibrada: 50,09% de homes e 49,91% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Calvos de Randín é do 34,6% (34,2% a masculina e 27,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 30,9% (34,2% a masculina e 27,6% a feminina) e a taxa de paro é do 10,6% (12,6% a masculina e 10,1% a feminina). O sector primario xera o 30,9% dos ocupados na agricultura e gandaría e o 0,6% nas actividades pesqueiras. Polas características climáticas e topográficas do municipio, trátase dun sector baseado na gandería e con feble presenza da actividade agraria. Polo que se refire á gandería, o armentío máis importante é o bovino (523 cabezas, 2007), seguido do ovino (413 cabezas, 1999). O resto da gandería ten moita menor importancia e pode ser considerada como marxinal. Esta importancia da gandería vacúa apréciase ao observar os usos do solo. Así, dun total de 2.923 Ha de superficie agraria útil no municipio de Calvos de Randín, 1.792 Ha están dedicadas a prados e pastos, o que supón o 61,3% da superficie. Pola contra, a superficie cultivada representa só o 38,7%; mesmo a subordinación da agricultura ás actividades gandeiras confirma o predominio destas no sector primario de Calvos de Randín. Dentro dos cultivos destacan, ademais das plantas forraxeiras para a alimentación do gando que supoñen o 13,1% da superficie cultivada, os cereais de inverno,principalmente o centeo, con 240 Ha dedicadas, que supoñen o 21,2% do total da superficie cultivada. A pataca ten unha presenza similar, con 238 Ha. Outros cultivos menos importantes son o trigo, o millo ou as hortalizas. O sector secundario é practicamente inexistente, e dentro del o máis importante é o subsector da construción, pois non existe unha actividade industrial propiamente dita no municipio. A construción dá traballo ao 18,7% da poboación ocupada, mentres que as actividades industriais empregan o 9,6% dos traballadores. No sector terciario traballan o 40,2% dos ocupados, aínda que os seus postos de traballo non radican na maior parte dos casos no seu concello, senón nos veciños. As actividades terciarias, ademais daqueles servizos públicos máis elementais como a administración municipal e comercio polo miúdo dos produtos máis básicos, están representadas case exclusivamente pola feira que se celebra con periodicidade mensual. A precariedade da economía do municipio e a ausencia de postos de traballo nos sectores secundario e terciario orixinaron dende sempre fluxos migratorios cara aos principais centros urbanos non só de Galicia e do resto de España, senón tamén do estranxeiro. O aumento da accesibilidade e da mobilidade da poboación propicia que existan desprazamentos diarios de traballadores entre Calvos de Randín e, sobre todo, a capital comarcal, Xinzo de Limia, que ofrece un mercado laboral moito máis diversificado. As principais vías de comunicación son as estradas locais OU-302 e OU-303.
Historia
O territorio de Calvos de Randín destaca porque a parroquia de Rubiás dos Mixtos, xunto co lugar das Maus, na parroquia de Tosende, concello de Baltar, formaron o que se denominou Couto Mixto, un territorio fronteirizo entre España e Portugal que se mantivo ata o ano 1864, cando se asinou o Tratado de Límites entre os dous estados ibéricos. Ata a sinatura deste tratado, os habitantes do Couto Mixto podían elixir libremente a súa nacionalidade. Quedaban exentos da prestación do servizo militar ao rei e do pagamento de impostos, ademais de gozar de certas liberdades xudiciais e de privilexios e exencións nas actividades comerciais. Isto fixo que no Couto Mixto se acadase un gran desenvolvemento destas actividades indistintamente nos dous países ao longo da fronteira. Tamén o contrabando, pola súa situación raiana, acadou tradicionalmente unha grande importancia na economía do municipio. Foi en 1871 cando Maus pasou a formar parte do concello de Baltar e Rubiás do de Calvos de Randín, conformado o municipio tal e como segue na actualidade. Dende o punto de vista administrativo, no Antigo Réxime o territorio do actual concello de Calvos de Randín pertencía ás xurisdicións de Calvos de Randín, Güín, Castelaus, A Porqueira e Rairiz de Veiga, todas elas pertencentes á provincia de Ourense. En 1822 decretouse que unha das parroquias, Rioseco, fose concello constitucional. O decreto de xullo de 1835 incluía xa o concello de Calvos de Randín, dentro do partido xudicial da Limia. A este partido xudicial pertenceu Calvos de Randín ata 1965, ano no que se suprimiu o partido xudicial de Xinzo de Limia e pasou a pertencer ao de Bande.
Patrimonio cultural
Da arquitectura relixiosa destaca a igrexa de Santiago dos Mixtos. Na vila de Calvos destaca a praza do Eirao, rodeada de edificios señoriais. No eido da arquitectura popular sobresaen os fornos de Randín e de Rubiás dos Mixtos. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Baixa Limia, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. A festa de maior relevancia do concello é a dos Reis, o 6 de xaneiro, e destacan tamén as de San Martiño en Castelaus o 29 e 30 de maio, a de San Xoán en Randín, as de Santiago en Calvos, as de Rubiás dos Mixtos, e en maio as da Virxe da Peneda en Calvos.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Limia, A
Extensión 97 Km2
Poboación Total 1110 h
Poboación Homes 556 h
Poboación Mulleres 554 h
Densidade de poboación 11.44 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias