Camanzo, San Salvador de

Camanzo, San Salvador de

Antigo mosteiro beneditino situado en Vila de Cruces do que soamente se conserva a igrexa románica da segunda metade do s XII, hoxe pertencente á parroquia. Fundado no s X polo conde Gonzalo e pola súa dona Tareixa, foi mosteiro masculino e posteriormente feminino. En 1115 dona Urraca doouno á igrexa de Santiago, e logo pertenceu ao mosteiro de San Paio de Antealtares. A igrexa é de planta basilical con tres naves con cuberta de madeira e tres ábsidas semicirculares, pechadas en forma de ferradura no arranque. Os tramos das naves están modificados e consérvanse os catro tramos da nave principal e dous das laterais, polo que o seu aspecto actual é de planta de cruz grega. A división das naves realízase mediante piares de sección rectangular e con columnas acaroadas sobre as que se erguen os arcos formeiros, apuntados os máis achegados á cabeceira e semicirculares os demais. A ábsida central, rectangular no interior e de ferradura no exterior, está cuberta por unha bóveda de canón rematada en cuarto de esfera; as ábsidas laterais son de ferradura no interior, semicirculares na parte exterior e están cubertas por unha bóveda de forno. O arco triunfal da capela maior e os arcos que dan acceso ás capelas laterais da ábsida son apuntados. A fachada refíxose pero consérvase a porta principal, formada por arquivoltas decoradas con anxos e cunha figura que está bendicindo na clave central. No tímpano está a imaxe do Salvador en actitude de bendicir. No muro norte hai unha porta románica con arquivoltas peraltadas cunha decoración de arquiños superpostos e cun tímpano coa figura do Agnus Dei, no lintel da porta atópase unha inscrición con data de 1204, ano 1166 da era cristiá. No interior consérvanse pinturas murais. Do primitivo mosteiro soamente se manteñen en pé uns arcos semicirculares levantados sobre dous pares de columnas exentas que pertenceron á sala capitular.

Palabras veciñas

Camaño | Camaño Fandiño, María Mónica | Camanzo | Camanzo, San Salvador de | cámara | cámara | Cámara