Camariñas

Camariñas


Concello da comarca da Terra de Soneira, situado na provincia da Coruña no centro do litoral da Costa da Morte, no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e ao O co Océano Atlántico, polo S cos concellos de Muxía (na comarca de Fisterra), Vimianzo (Terra de Soneira) e co Océano Atlántico, e ao L con Vimianzo. Abrangue unha superficie de 51,9 km 2 cunha poboación de 6.275 h h (2007), distribuída nas parroquias de Camariñas, Camelle, A Ponte do Porto e Xaviña. A capital municipal, a vila de Camariñas, na parroquia homónima, situada a 43° 07’ 50’’ de latitude N e a 9° 10’ 07’’ de lonxitude O, dista 80 km de Santiago de Compostela e 88 km da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Corcubión e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio do concello de Camariñas está baixo o dominio climático oceánico húmido e, dentro das variedades galegas, pertence ao subtipo do litoral atlántico do NO, caracterizado por suavidade térmica e precipitacións moderadas. Está condicionado pola influencia directa dos fluxos ciclónicos do NO, aínda que queda abrigado fronte ás correntes perturbadas húmidas do SO, debido á interposición no seu camiño das plataformas occidentais galegas. A temperatura media anual sitúase nos 14°C, cunha escasa amplitude estacional (9°C). O inverno térmico é escasamente sensible, e a temperatura do mes máis frío, xaneiro, é de 9,3°C. As xeadas son moi excepcionais, xa que raramente se dan mínimas absolutas inferiores a 0°C. O verán é suave, a máxima temperatura media acádase en agosto con 18,5°C, debido á influencia refrescante do océano. Estas características térmicas están acompañadas de precipitacións relativamente modestas para a súa situación litoral, que a penas superan os 1.500 mm, aínda que se distribúen en máis de 150 días de chuvia ao ano. O réxime pluviométrico acada o máximo estacional no inverno, no que se recolle o 38% das precipitacións. O verán é seco, só se rexistra o 10% das precipitacións e presenta sinais de aridez nos meses de xullo e agosto. A primavera e o outono compórtanse como estacións de transición e repártense o resto das chuvias, rexistrando respectivamente o 23% e o 29%. O relevo está caracterizado pola presenza dun extenso bloque granítico que ocupa a práctica totalidade do concello, que descende abruptamente cara á costa N e O e de xeito máis suave cara ao S, onde se abre a ría de Camariñas. A altitude vai ascendendo dende o cabo Vilán (81 m) cara ao interior onde no NL, na serra de Pena Forcada, se acadan as maiores alturas (montes Cantadeiro de 239 m e Brañas de 247 m). Dende Camelle á vila de Camariñas a costa é moi rochosa e está chea de numerosos baixíos, que converten este treito nun dos máis perigosos da Costa da Morte. Só nas enseadas de Arou e do Trece se abren amplos areais. A partir desa vila a paisaxe muda de aspecto, dominando as pequenas chairas no fondo da ría e as praias. En canto ao modelado, as microformas graníticas ofrecen unha variada gama ao longo de todo o municipio (penedos, laxas, bolos). A rede hidrográfica está dominada polo río Grande que vén desembocar na ría, ao S do concello. Nel tamén verten as súas augas unha serie de pequenos ríos e regos bastante caudalosos que baixan da serra de Pena Forcada. Toda a orla costeira setentrional comprendida entre Camelle e Cabo Vilán é unha área natural de excepcional riqueza paisaxística e ecolóxica, incluídos os espazos naturais protexidos da Enseada do Trece, a Illa Vilán de Fóra e o Cabo Vilán.
Xeografía humana
O trazo definitorio da poboación de Camariñas é o seu asentamento concentrado en catro núcleos principais: Camariñas, Camelle, A Ponte do Porto e Arou. A costa setentrional está moi pouco poboada, e nese sector só destaca a presenza dos portos de Camelle e Arou, mentres que no S, ao abrigo das rigorosas condicións oceánicas, se asenta a maior parte da poboación. A evolución demográfica dende o primeiro censo de 1887, cando contaba con 3.773 h, experimentou unha tendencia sostida á alza grazas aos abondosos ingresos da actividade pesqueira. Así, ata 1940, o incremento demográfico verificouse a un ritmo medio do 1% anual, favorecido pola localización de fábricas conserveiras que propiciaron unha fonte de traballo complementaria á pesca, e que impediron unha forte incidencia da emigración. Entre 1940 e 1950 fixéronse notar os efectos demográficos negativos derivados da Guerra Civil española (1936-1939) e da posguerra, cun estancamento da poboación. Unha vez superada esta situación experimentouse unha maior intensidade no crecemento demográfico de Camariñas, a un ritmo medio do 1,9% anual, que culminou co máximo poboacional do municipio en 1970, con 7.865 h. Esta dinámica expansiva estivo relacionada coa nova puxanza económica da pesca, das actividades dela derivadas e co alto crecemento vexetativo existente, favorecido pola escasa emigración. Pola contra, entre 1970 e 1981 rexistrouse unha seria mingua demográfica, cun crecemento medio do -1,4 % anual, debido á crise na que entrou a actividade pesqueira. Produciuse unha emigración cara ás cidades galegas máis desenvolvidas, especialmente cara á Coruña. Dende entón retomouse a senda do crecemento a un ritmo do 0,49% anual. O s XXI comezou cun crecemento da poboación de -2,27% (2001-2007). A capital municipal asume o papel de centro de atracción demográfica, ao mesmo tempo que acrecenta as súas funcións terciarias e industriais. Malia esta tendencia progresiva, o crecemento vexetativo amosábase en 2006 negativo, cun -5, froito dunha natalidade moi baixa (5,4‰) que se vía amplamente superada pola mortalidade (10,4‰). Ao non incidir de xeito notable a emigración en Camariñas, a súa poboación non presenta uns índices de avellentamento acusados, pois unha o 16,6% da poboación son menores de 20 anos mentres que o 22,1% son maiores de 65; o grupo intermedio representa o 61,3%. Por sexos a poboación está equilibrada: 50,40% de mulleres e 49,59% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Camariñas é do 41,1% (54,1% a masculina e 28,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,2% (49,4% a masculina e 25,7% a feminina) e a taxa de paro é do 9,4% (8,8% a masculina e 10,5% a feminina). A base da economía de Camariñas é a explotación dos recursos mariños. A actividade pesqueira destaca non só como fonte de traballo (26,7%), senón tamén como sector exportador e creador de industrias derivadas. A pesca de baixura é maioritaria aínda que tamén destacan o marisqueo e a recollida de algas. A actividade mariñeira concéntrase nas vilas de Camariñas e Camelle. A agricultura e a gandería só desempeñan funcións complementarias (2,6% dos ocupados). As explotacións agrícolas experimentaron unha fonda reestruturación grazas á concentración parcelaria e á mecanización. O sector forestal está moi presente, pois unhas tres cuartas partes da superficie municipal teñen a este uso. A escasa actividade industrial céntrase na transformación dos produtos do mar; existe unha planta de fabricación de fariña de peixe e varias conserveiras, entre as que destaca Industrias Cerdeimar. A forza das brisas costeiras propiciou a instalación do parque eólico de Cabo Vilán para aproveitar ese potencial natural na produción de enerxía eléctrica; de todos os xeitos, a súa incidencia no emprego é mínima. A construción non ten moita presenza no municipio. En conxunto, a industria e a construción empregan o 36,6% dos traballadores residentes en Camariñas. O sector terciario acadou un certo desenvolvemento, feito que o converteu no primeiro xerador de emprego co 34,1% dos traballadores, favorecido polo relativo afastamento de centros comarcais ou urbanos de maior entidade. A distancia foi unha barreira protectora do comercio e dos servizos locais, entre os que sobresae a hostalería e os servizos persoais
A vía de comunicación principal é a estrada local AC-432 que parte de Vimianzo, e percorre circularmente o territorio municipal, unindo as principais vilas.
Historia
O porto de Camariñas tivo importancia dende épocas antigas, así parecen testemuñalo os castros de Mourín (monte da Croa) e A Rega. A construción dunha calzada confirma a presenza romana na zona. Existen referencias documentais de incursións normandas e almorábides, se se ten en conta a posible orixe viquinga de Arou e Camelle. A tradición artesá dos encaixes de palillos, que xurdiu a raíz dos intercambios comerciais cos portos de Flandres, parece remontarse ao s XVI. No s XVIII, durante o reinado de Carlos III, levantouse o castelo do Soberano para defender a ría, pero cando este perdeu importancia estratéxica, abandonouse e desapareceu. No Antigo Réxime, o concello pertencía á xurisdición de Vimianzo, dentro da provincia de Santiago. A orixe do actual municipio remóntase á división municipal de 1835, momento no que xorde con tres parroquias. En 1964 a parroquia de Camelle segregouse da de Ponte do Porto e quedou Camariñas configurada tal e como hoxe se coñece. A súa perigosa costa foi testemuña de numerosos naufraxios, o máis grave foi o do buque escola inglés The Serpent, en 1890, no que morreron 300 cadetes, que foron soterrados preto de Xaviña, no lugar coñecido como Cemiterio dos Ingleses.
Patrimonio cultural
Do patrimonio arquitectónico do concello destaca a igrexa románica de Xaviña, do s XII, con nave e ábsida rectangular, e a barroca de San Xurxo do s XVIII. A arquitectura dos pazos está representada polo pazo dos Mouzo (Tasaraño) e polo pazo de Dor, rematado en 1582. Destaca tamén o faro de Cabo Vilán, construído en 1896, e o primeiro de España en contar con enerxía eléctrica para o seu funcionamento; e a ermida da Virxe do Monte, entre Cabo Vilán e Camariñas. Na Punta do Castelo estivo situada a fortaleza do castelo do Soberano, que desapareceu despois de que as súas pedras se empregasen na ampliación do peirao. Tamén cómpre mencionar o museo de escultura ao aire libre en Camelle, obra do alemán Man. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria de Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan, en Xaviña, as de San Brais o 3 de febreiro, as de Santa Mariña o 18 de xullo e as de Santa María o 15 de agosto. A Virxe do Carme celébrase na vila de Camariñas o 16 de xullo e o primeiro domingo de agosto en Camelle, onde tamén se conmemora o luns de Pentecoste. Na vila de Camariñas festexan ademais, o luns de Pascua e a romaría da Virxe do Monte.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Terra de Soneira
Extensión 51 Km2
Poboación Total 6275 h
Poboación Homes 3112 h
Poboación Mulleres 3163 h
Densidade de poboación 123.04 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa parroquias