Camba
-
[ONOM]
Apelido de orixe dubidosa. Son abondosos os topónimos Camba en toda Galicia; por este motivo, o máis probable é que a maioría destes apelidos teñan orixe toponímica, o que se reflicte en documentacións antigas: “F. Iohanis de Camba” (doc ano 1258 en X. Ferro Couselo A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, I, 1967, p 19), “Maria de Camba” (doc ano 1429 en Emilio Duro Peña El Monasterio de S. Pedro de Rocas y su colección documental, 1972, p 240). Non obstante , tamén é posible que se remonten a un alcume, xa que na Idade Media se documentan moitos apelidos noutros dominios lingüísticos (provenzal: Camba, aragonés: Cama) coa mesma procedencia; nestas zonas a voz camba é a que corresponde á nosa voz común perna e designa as extremidades inferiores. Xa que logo, a orixe do apelido Camba pode ser o provenzal antigo camba ‘perna’, que provén do latín vulgar camba, ou a raíz céltica *camb- ‘cousa curva’ da que proceden os topónimos homónimos. Este apelido documéntase no s XII: “Froila Camba” (doc ano 1189 en P. Loscertales de García de Valdeavellano Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, I, 1976, p 227). Tamén se atesta a forma plural, tanto no pasado como na actualidade: “Froilla Cambas” (doc ano 1189 en P. Loscertales de García de Valdeavellano Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, I, 1976, p 227).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe galega que pasou a León, Portugal e Colombia. As súas armas levan, en campo de goles, unha roda de carro de ouro, acompañada de tres C de prata, dúas nos cantóns do xefe e unha na punta. Outros traen, en campo de goles, unha flor de lis de ouro, cantonada de catro aspas do mesmo metal, e bordo tamén de ouro. Algúns galegos e os de Portugal levan, en campo de azul, seis cambas de carro, de prata, postas de dúas en dúas. Entre os numerosos brasóns recollidos para esta caste, cómpre salientar estoutros: en campo de goles, dúas rodas de carro de ouro, postas en faixa, sumadas dunha torre de prata; en campo de goles, unha torre de prata, arrimada de dúas rodas de carro de ouro, unha a cada lado, que tocan cos seus bordos as paredes da torre; en campo de goles, dúas rodas de carro de ouro, postas en faixa; en campo de goles, dúas cambas de carro, de prata, postas en pau e invertidas, mirando os extremos da superior cara ao xefe e os da inferior cara á punta; en campo de goles, catro medias rodas de prata, postas de dúas en dúas e cos extremos mirando cara á punta; en campo de goles, seis rodas de carro de ouro, postas en dous paos de tres cada un; en campo de azul, seis medias rodas de carro de prata, cos extremos unidos por dous raios amodo de diámetro, que miran cara ao centro do escudo, postas en dous paos de tres cada un; en campo de prata, dez roeis de goles, postos de tres en tres e un de non; bordo de azul con catro leóns de sable e catro coroas de ouro, alternado; en campo de goles, seis rodas de carro de prata, postas en dúas faixas de tres cada unha, superadas por unha faixa de ouro e, brochantes sobre ela, tres medias lúas do mesmo metal, a do centro e a do flanco sinistro tornadas e a do flanco destro contornada, sobresaíndo as puntas a ambos os lados da faixa; en campo de goles, dúas rodas de carro, de ouro, postas en pao. Finalmente, outra variante leva escudo acuartelado: primeiro cuartel, en campo de prata, con tres estacas de sinople, espichadas nunha terraza da mesma cor e enlazadas entre si por unha cadea de sable; segundo cuartel, en campo de sinople, cun guerreiro armado, de prata, levando unha espada, do mesmo metal, na súa man destra; terceiro cuartel, en campo de ouro, con oito cambas de carro, de azul, postas en dúas faixas de catro cada unha, cos extremos mirando cara ao franco sinistro; cuarto cuartel, en campo de prata, cunha árbore de sinople sobre unha terraza da mesma cor, e cun león pasante da súa cor linguado de goles e atado ao tronco cunha cadea de sable; bordo de goles con doce castelos de ouro.