Cambre, Santa María de

Cambre, Santa María de

Antigo mosteiro beneditino situado en Cambre, fundado no s X. No 942 os monxes Gutierre e Aloyto doaron todas as posesións do cenobio ao mosteiro compostelán de Antealtares. Funcionou primeiro como abadía dependente de Antealtares e despois como priorado. No 1141 a condesa Sancha González retirouse a Cambre e doou a igrexa de Santo Estevo de Morás. En 1489, trala reforma monacal, pasou a depender do mosteiro de San Martiño Pinario. Saqueado en 1489 por piratas ingleses, en 1809 foi incendiado polas tropas francesas e só permaneceu en pé a igrexa. Trala desamortización pasou a mans particulares. A igrexa, hoxe parroquial, é unha das catro construcións do románico rural galego que ten deambulatorio. Ten planta de cruz latina e tres naves no eixe lonxitudinal, e outra no cruceiro. As naves están datadas en 1194, segundo unha inscrición dun arco situado á beira do cruceiro feita por Michael Petri, mentres que o deambulatorio e as capelas son da primeira metade do s XIII. O presbiterio está rodeado por un deambulatorio, cuberto por unha falsa bóveda na que se abren cinco capelas semicirculares, a central de maior tamaño, que están comunicadas co deambulatorio e co cruceiro por arcos apuntados apoiados sobre columnas acaroadas ao muro. Todas teñen ventás enmarcadas por molduras volteadas dende as xambas e están cubertas por bóvedas de canón rematadas en casca sobre nervios. As naves están divididas en tramos por piares prismáticos sobre os que se apoian os arcos formeiros, peraltados, e os transversais das naves laterais, semicirculares. A cuberta é de madeira a dúas augas; orixinariamente a nave central tivo cuberta a dúas augas e as laterais nun só sentido. A fachada está dividida por medio de contrafortes en tres rúas que se corresponden coas tres naves. No van central sitúase a portada de arquivoltas semicirculares; a interior apóiase sobre columnas xeminadas e a exterior sobre columnas acobedeladas. No tímpano represéntase o Agnus Dei. Sobre a porta existe un tornachuvias apoiado en canzorros zoomorfos e sobre o que se sitúa un rosetón. O conxunto está coroado por unha espadana de dobre arco. Os vans laterais teñen unha ventá semicircular sobre columnas acobedeladas. A igrexa foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931, e o seu contorno en 1998.

Palabras veciñas

Cambre | Cambre | Cambre Mariño, Xesús | Cambre, Santa María de | Cambrésis | Cambria | Cambrianos, montes