camelia

camelia

(< antropónimo Camellius,prenome latinizado do botánico moravo do s XVII G. J. Kamel)

  1. s f [PLANTA]

    Árbore, arbusto ou planta gabeadora do xénero Camellia, da familia das teáceas, que se cultiva para uso ornamental. As follas son perennes, coriáceas e lustrosas, dispostas de xeito alterno. A flor orixinal silvestre ten cinco sépalos e cinco pétalos vermellos, pero existen variedades con moitos máis pétalos, produto da regresión espontánea de estames a pezas florais, feito que pode dar lugar a plantas estériles que dependen enteiramente da propagación artificial mediante clonación por estaquiña. Distínguense preto de 5.000 variedades, segundo a cor, o tamaño da flor e o número de pétalos. Os froitos son leñosos e redondos. É orixinaria do sur do Xapón e precisa solos ácidos ben drenados e un certo grao de humidade ambiental; ao mesmo tempo, soporta ben o frío e as xeadas curtas. As primeiras camelias chegaron a Galicia por Portugal a mediados do s XVII e no resto de Europa introducíronse a través de Inglaterra no s XVIII. Mentres que noutros países o cultivo ten lugar en invernadoiros, en Galicia aclimatouse facilmente, especialmente nas Rías Baixas onde se poden atopar plantas naturalizadas. En Galicia están presentes as especies: C. japonica, á que pertencen a maior parte das variedades; C. reticulata, de flores rosadas e pétalos ondeados; e C. sasanqua, de follas e flores pequenas que florecen no outono. Durante o mes de marzo organízase un certame rotatorio entre Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa no que se expoñen moitas das variedades obtidas polos cultivadores galegos.

  2. s f

    Flor da planta homónima.

    Ex: Regalámoslle un ramo de camelias polo seu aniversario.