Camilo/Camila

Camilo/Camila
[ONOM]

Prenome procedente da forma latina Camillus, que amais de nome persoal era un substantivo común da linguaxe relixiosa que significaba ‘rapaz de condición non servil que servía de asistente nos sacrificios’. Probablemente, este termo deriva do nome dunha antiga divindade etrusca, Camillus, correspondente ao grego Hermes ou ao latino Mercurio. Foi o cognome empregado por moitas persoas da gens Furia, como Marco Furio Camilo, que venceu a Veio e liberou Roma dos celtas. Unha lenda conta tamén como o Rei Metabo, na súa fuxida, se viu obrigado a atarlle á súa filla Camila unha pica para pasar un río e lanzouna á outra banda ofrecéndolla á deusa Diana se a salvaba. El pasou a nado e criou a Camila vivindo os dous agachados nunha fraga e alí, afeita á caza, fíxose unha amazona que loitou contra Eneas. San Camilo de Lelis fundou en Roma os Clérigos Regulares dos Enfermos, orde dos camilos ou Padres da Boa Morte. A súa festa celébrase o 14 de xullo.