Camiños da Vida, Os

Camiños da Vida, Os
[LIT]

Obra que saíu do prelo no ano 1928 na imprenta Nós, na Coruña, considerada como a primeira novela longa de Ramón Otero Pedrayo. Na cuberta desta primeira edición figuraba xa como “Novela en tres partes” que se titulaban respectivamente “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante”. No ámbito da narrativa oteriana e enraizada na vida galega contemporánea, está construída con técnica tradicional e cosmovisión realista. Trátase da primeira gran contribución novelística do escritor. A fábula narrativa sitúase na época do provincialismo e ten como coordenadas o ano 1835, cando se produce a desamortización de Mendizábal, e 1868, ano da Revolución da Gloriosa na que se destrona a Isabel II. Galicia, escenario da novela, é un microcosmos rural, atrasado, empobrecido e inmerso nun caos económico e social provocado pola desamortización dos bens eclesiásticos. Para Otero era a fidalguía a forza chamada a desenvolver un papel reitor e orientador do país naquelas circunstancias, pero esta, en troques, aparece como un estamento ignorante e retrógrado que no seu ocaso destrúe os valores do campesiñado e deixa espazo libre ao pragmatismo dos comerciantes. Desenvólvese, por outra banda, como unha verdadeira saga familiar da que son protagonistas os Doncos, os Puga e os Soutelo. A fusión dos Soutelo-Puga na terceira parte da obra e a súa instalación no galeguismo dende o compromiso intelectual coa terra representa un final esperanzador na novela, na que paulatinamente a aldea perde presenza en favor da cidade; é dicir, no capítulo titulado “Unha tertulia”, Trasouto -aldea e pazo- substitúese por Ourense e Compostela. En perfecta simetría, cada unha das tres partes da novela está configurada en sete capítulos. Poboada de numerosos personaxes de distinta condición (fidalgos, criados, estudiantes, cregos, campesiños, etc) que o escritor describe dende unha perspectiva física e psicolóxica, esta novela amosa a oposición entre unha Galicia real, deseñada cunha riqueza de datos históricos, sociais e económicos, e outra ideal que puidese responder aos cambios que anuncian a modernidade e o protagonismo dos intelectuais con conciencia galeguista.