1 camón
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Ave do xénero Porphyrio da familia dos rálidos, de patas longas, peteiro grande, cunha prolongación superior en escudo e de cor vermella. Pendura as patas durante o voo e caracterízase por desprazarse sobre a vexetación acuática grazas aos longos dedos cos que se sostén, á vez que se abanea coa cola ergueita. A plumaxe é azul escura con tons violetas. Viven en medios húmidos e aliméntanse principalmente da vexetación acuática, especialmente de espadanas.
-
camón americano
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de ata 33 cm, co escudo do peteiro azul brillante e as patas amarelas. Vive no SL de EE UU, en Centroamérica, nas Antillas e en Sudamérica ata o N de Arxentina.
-
camón europeo
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de ata 48 cm de lonxitude, de peteiro grande e vermello, e patas vermellas. A plumaxe é azul escura con tons violetas na parte superior e case negra na inferior. Presenta unha distribución indoafricana con algunhas poboacións no S de Europa, como as do L e S da Península Ibérica, onde ocupa humidais da costa mediterránea, marismas do Guadalquivir e algúns encoros e lagoas artificiais de Toledo e Madrid. En Galicia é unha ave ocasional no inverno.
-
camón takahe
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de ata 63 cm, sen capacidade para voar, de peteiro groso que lle serve para alimentarse das sementes e dos talos grosos de herbáceas nos vales de montaña de Nova Zelanda e Illa Sur. Trala drástica diminución da que foron obxecto as súas poboacións ao ter que enfrontarse a novos depredadores, como os gatos que os europeos introduciron na illa, considerouse extinta ata que, en 1948, se descubriu unha pequena poboación en grave risco de desaparición.