Campo Lameiro
Concello da comarca e da provincia de Pontevedra, situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Cuntis (Caldas), ao L cos de Cerdedo e A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), ao S co de Cotobade (Pontevedra) e ao O cos de Moraña (Caldas), e Pontevedra. Abrangue unha superficie de 63,8 km 2 , cunha poboación de 2.119 h (2007), distribuídos nas parroquias do Campo, O Couso, Fragas, Moimenta e Montes, Morillas.A súa capital, o lugar da Lagoa, na parroquia do Campo, está a 42° 32’ de latitude N e 8° 32’ 30’’ de lonxitude O, a 52 km de Santiago de Compostela e a 20 km de Pontevedra. Está adscrito ao partido xudicial de Caldas de Reis e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Campo Lameiro está nunha área de transición entre o dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival e o oceánico de montaña. A súa situación, nos somontes occidentais das serras da Dorsal Meridiana, dá lugar a unhas condicións climáticas marcadas por temperaturas frescas durante os meses comprendidos entre decembro e febreiro e por rexistros de precipitacións moi elevados. A temperatura media anual é de 11,8°C. A temperatura media do mes máis frío, xaneiro, queda establecida nos 7°C, mentres que a de agosto nos 17,4°C. A amplitude térmica extrema chega aos 19°C. O número de días ao ano libres de risco de xeadas é de 211. A precipitación media anual supera os 2.000 mm, cunha distribución estacional que amosa unha moderada seca estival. As precipitacións concéntranse maioritariamente entre os meses de setembro e marzo: o 37,9% recóllese no inverno e o 31,6% no outono. O verán rexistra unha sensible baixa, cun total do 12,4% das precipitacións, mentres que a primavera, cun 18,1%, é a estación de transición en valores intermedios. O relevo de Campo Lameiro está protagonizado polos somontes máis occidentais das serras da Dorsal Occidental, aliñacións montañosas cunha dirección NL-SO, responsables, en combinación coa rede fluvial, da fragmentación do territorio. O relevo pódese resumir en tres partes, dúas montañosas no L e no O do concello e outra máis baixa no S. A primeira parte montañosa, con altitudes entre 400 m e 770 m, consiste en dúas aliñacións paralelas, na que destacan os montes Conla (769 m) na parroquia do Couso, e Longo (628 m), no límite entre as de Montes e Morillas; a segunda unidade abrangue o O, con altitudes máis modestas entre 400 m e 500 m, que culminan nos montes Xesta (529 m) na parroquia de Fragas e Pedroso (414 m) entre as do Couso e Campos. As terras baixas correspóndense cunha estreita franxa ao sur do municipio. A rede fluvial é moi simple, ao estar case totalmente articulada polo río Lérez que serve de límite meridional ao concello; entra pola parroquia de Montes seguindo unha dirección L-O, nas proximidades da capital municipal muda de dirección pasando a outra practicamente N-S e sae do termo municipal por Fragas. Neste río desembocan unha serie de regos nados nos montes do municipio, entre os que destacan o Grande, o Calvos, o Maneses ou o Amorín. O N do concello pertence á conca do Umia e é drenado pola cabeceira do río Sequeiros.
Xeografía humana
A poboación do municipio de Campo Lameiro experimentou un intenso proceso de despoboación nos últimos 110 anos. Este descenso non se fixo evidente ata 1940, ao manterse a súa poboación con altibaixos. Entre 1887 e 1900 a poboación medrou unha media do 0,22% anual e acadou un crecemento que, sen embargo, foi moi contrarrestado entre 1900-1910 e 1920-1930 ao diminuír nun 0,53% por ano en ambos os dous períodos. A década dos anos dez foi intermedia, de estancamento, pois só descendeu unha media do 0,06% anual. Finalmente, os anos trinta foron de recuperación ao subir un 1,04% de media anual. Este período está condicionado pola emigración a América, así as fases de retroceso corresponden á intensificación da corrente emigratoria, e as de estancamento ou subida con etapas nas que o contexto internacional minguaba a intensidade da emigración. A partir de 1940 o retroceso foi continuo ao proseguir a emigración, que actualmente se dirixe cara á cidade de Pontevedra, e tomar o seu dinamismo natural un progresivo sentido negativo, que diminuíu a un ritmo do 0,6% e que só nos últimos cinco anos do período analizado (1991-1996) parece atenuarse ao caer soamente un 0,2% anual. Non obstante , os primeiros anos do s XXI (2001-2007) mostran un descenso do 5,19%. O crecemento natural (2006) é negativo (-8,5‰) froito dunha natalidade moderada (6,3‰) e unha elevada mortalidade (14,8‰).
Os menores de 20 anos son o 13,8% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos son o 27%; o grupo intermedio representa o 59,2%. A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,47% da poboación fronte ao 47,52%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Campo Lameiro é do 45,6% (62,4% a masculina e 30,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,5% (56,2% a masculina e 25,5% a feminina) e a taxa de paro é do 11,2% (9,9% a masculina e 13,6% a feminina). Malia ser un concello do interior montañoso, o sector primario non posúe unha grande importancia; dá ao 6,5% da poboación ocupada. O 4,6% do total da poboación ocupada dedícase á agricultura e a gandaría. O principal cultivo é o millo, estendido polo 41,76% da superficie cultivada. É de especial relevancia a superficie dedicada a prados e pastos, estendida polo 8,47% da superficie total, e a superficie forestal baseada na plantación de especies madeireiras de crecemento rápido como as coníferas e os eucaliptos, que abrangue gran parte do territorio municipal. O gando porcino está representado por 130 cabezas reprodutoras (2005) e o armentío bovino xunta 359 cabezas (2007) maioritariamente destinadas á produción de leite. Ás actividades pesqueiras dedícanse o 1,9% do total dos ocupados. Máis importancia ten o sector industrial, co 19,8% da man de obra (1996), e no que destaca a industria alimentaria Quival. A construción é un dos principais sectores da economía local, pois dá emprego ao 27,4% dos traballadores residentes no concello, aínda que principalmente xeran estes postos de traballo as construtoras radicadas na cidade de Pontevedra. O sector terciario é a primeira actividade en termos de emprego, acada o 46,4 % dos traballadores do concello, man de obra que traballa maioritariamente noutros concellos veciños por mor da debilidade do comercio e dos servizos locais. As principais vías de comunicación dos a PO-230, a PO-223, PO-222 e a PO-221, ademais o concello atópase á beira da N-541.
Historia
Os abundantes gravados rupestres distribuídos ao longo do concello testemuñan a antigüidade do poboamento do concello, con restos datados desde 3.200 anos a C. Esta abundancia converte a Campo Lameiro no principal centro galego de arte rupestre ao aire libre. Durante o Antigo Réxime estaba dividido entre a xurisdición de Baños e a de Campo e Fragas; a primeira abranguía a maior parte do concello e estaba baixo a autoridade do arcebispo de Santiago, as parroquias de Campo e Fragas constituían a xurisdición do mesmo nome baixo o señorío do marqués de Sierra e da familia Aldao. En 1820 naceron os concellos constitucionais de Campo, Fragas e Moimenta, municipios refundidos no de Campo coa reforma administrativa de 1835. En 1907 mudou o nome polo de Campo Lameiro. Xudicialmente quedou adscrito ao partido de Caldas de Reis, a excepción do período de 1965 a 1988, anos durante os que permaneceu baixo a xurisdición, primeiro de Pontevedra e logo de Vilagarcía de Arousa.
Patrimonio cultural
Desde un punto de vista arqueolóxico o concello de Campo Lameiro é un importante núcleo de gravados rupestres de época prehistórica. De tal xeito que a aparición en diferentes lugares e parroquias deste concello de insculturas nas rochas permiten sinalar Campo Lameiro como a capital da arte rupestre galega. En todos os xacementos deste conxunto arqueolóxico as figuras están gravadas nas rochas mediante unha técnica de percusión indirecta con instrumental lítico; nelas aparecen representados motivos xeométricos ou naturalistas, de forma individual ou combinada, e todas elas son datables no tránsito do III ao II milenio a C. Os petroglifos máis significativos son o da Pedra da Boullosa, o conxunto dos Carballos en Paredes, a Laxe da Rotea de Mendo, a Laxe de Outeiro de Cogoludo, a Laxe da Forneiriña, o petroglifo do Chan da Carballeira, a Laxe dos Cabalos, o conxunto do Campo de Matabois e a Pedra da Serpe no Castro de Penalba. Tanto o petroglifo da Pedra da Boullosa coma os que configuran o conxunto dos Carballos destacan polo seu tamaño e pola calidade dos seus gravados nos que se representan un gran número de cérvidos, ademais de diferentes motivos xeométricos e figuras antropomorfas nunha escena de caza. Os cérvidos tamén son protagonistas noutros gravados como o da Laxe da Rotea de Mendo, onde a figura principal do conxunto é un cervo macho bramando, con gran cornamenta e falo, e coa cabeza alzada en dirección á outra figura da que xa non se aprecia case nada; o da Laxe do Outeiro de Cogoludo, onde na parte central están representados dous cuadrúpedes ao pé dun cadrado, que segundo as interpretacións dos estudiosos se trata dunha trampa; ou o da Laxe da Forneiriña, onde unha cerva aparece dando abrigo baixo o seu ventre a dúas crías. Os équidos tamén son elementos comúns nos petroglifos de Campo Lameiro, como acontece no petroglifo do Chan da Carballeira e no da Laxe dos Cabalos, onde as figuras antropomorfas montan varios cabalos. Finalmente, rexístrase o conxunto de gravados do Campo de Matabois, no que están insculpidas un gran número de espadas curtas, puñais e numerosas pegadas de animais dun gran realismo, e o gravado da Pedra da Serpe no castro de Penalba coa representación de dúas figuras ofiomorfas paralelas e en actitude reptante. Os castros de Castro de Orto, Coto da Cerca e Castro de Penalba completan o conxunto do seu patrimonio arqueolóxico. No eido da arquitectura destacan as igrexas románicas de Santa María de Fragas e San Miguel de Campo, e a barroca de Santa María de Moimenta. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Río Lérez, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan a Festa dos Mozos na Lagoa e a romaría de Santo Antón en Penalba.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Pontevedra |
| Extensión | 63 Km2 |
| Poboación Total | 2119 h |
| Poboación Homes | 1007 h |
| Poboación Mulleres | 1112 h |
| Densidade de poboación | 33.63 h/Km2 |