Canal+
Canle privada de televisión por pago dependente do grupo Sogecable que comezou as súas emisións en setembro de 1990. A súa programación inclúe cine de estrea en televisión sen cortes publicitarios, versións orixinais dalgúns filmes, transmisións deportivas, documentais e programas de produción propia emitidos en aberto como Lo+Plus, Las noticias del Guiñol, El día después, El tercer tiempo ou Contrarreloj. Xunto a ela, Canal Satélite Digital, creada en xaneiro de 1997, ofrece emisións en dixital a través do sistema de satélites Astra, incluíndo son de calidade estéreo láser e dolby surround, tres canles (Canal+, Canal+ Rojo e Canal+ Azul) e máis de 150 servicios de programación. Ambas as dúas plataformas colaboran coa CNN e o grupo Turner. En canto á programación relacionada con Galicia, Canal+ e Continental Producións produciron, co gallo da celebración do Xacobeo 99, a película La Rosa de Piedra, rodada no Camiño de Santiago coa participación de actores galegos como Quico Cadaval e a modelo Laura Ponte, e coa banda sonora dos grupos folk Leilía e Berrogüetto. O 25 de xullo de 2000, no marco da programación de Compostela, Cidade Europea da Cultura, coa colaboración da empresa municipal Incolsa, Canal+ ofreceu música, documentais, curtametraxes e longametraxes relacionadas con Galicia; entre eles Seis miradas de Compostela, videocreacións de Isabel Coixet, Xavier Bermúdez, Manuel Palacios, Ricardo Boo, Manel Iglesias e Antón Reixa. Amais, Canal+ emitiu diversos concertos do Xacobeo 99, o documental Percebeiros e a reportaxe Compostela: Vivir de Santiago. En xullo do 2000, Canal+ e TVG subscribiron un acordo de cooperación para a realización de numerosos filmes e documentais de temática galega.