canastra

canastra

(< canastro)

  1. s f [ETN]
    1. Cesto de vimbios entretecidos, ancho e de pouca altura, de forma cadrada ou redonda, que pode ou non levar asas ou tapa.

      Ex: Enche a canastra de espigas e vainas debullar axiña.

      Confrontacións: banastra, canastro, cesta.
    2. Cesta baixa, cadrada ou redonda, feita de vimbios ou varas e empregada, entre outras cousas, para a descarga e lavado do peixe.

      Ex: Meteu os xurelos e os serráns dentro da canastra antes de quitarlle as escamas.

      Confrontacións: banastra, canastro, cesta.
  2. s f [DEP]
    1. No baloncesto, aro metálico suxeito horizontalmente a un taboleiro vertical, provisto dunha rede co fondo aberto pola que cómpre pasar o balón para encestalo.

      Ex: A canastra cedeu ó se colgar o xogador de xeito antirregulamentario.

    2. Acción de introducir o balón, no deporte do baloncesto, polo aro pendurado do taboleiro. Cada vez que os xogadores dun equipo conseguen realizar esta acción no aro defendido polo equipo contrario, anótanselle no seu marcador os puntos que corresponden á situación na que se produciu o lanzamento: lanzamento libre, 1 punto; lanzamento en xogo, 2 puntos; lanzamento en xogo máis aló da liña de 6,25 m (7 m no baloncesto NBA), 3 puntos.

      Ex: O equipo lituano gañou o partido cunha canastra de tres puntos no último minuto.

  3. s f [XOGO]

    Xogo de cartas, orixinario do Uruguay, no que con dúas ou máis barallas francesas participan dous bandos de xogadores. O xogo consiste en tomar en cada volta unha carta do montón e deixar unha das propias, para chegar a facer combinacións mínimas de tres cartas de igual valor, e tentar conseguir unha combinación de sete cartas do mesmo número que se espallan sobre o tapete por un só xogador ou axudado polos seus compañeiros.