Cancioneiro Gallego-Castelhano

Cancioneiro Gallego-Castelhano
[LIT]

Obra publicada no ano 1902 polo erudito suízo-americano Henry R. Lang. Esta publicación -de título completo Cancioneiro gallego-castelhano. The extant galician poems of the Gallego-Castilian Lyric School (1350-1450)- constitúe un piar básico no estudo da denominada escola lírica galego-castelá, manifestación literaria encadrada entre a produción trobadoresca dos ss XIII-XIV e as escasas mostras dos Séculos Escuros (ss XVI-XVIII). Recóllense nesta obra 74 composicións escritas entre 1350 e 1450, en galego ou nunha lingua híbrida que mestura elementos e estruturas lingüísticas castelás con outras máis ou menos galeguizadas. Estes poemas atopábanse espallados por diferentes cancioneiros peninsulares dos ss XV e XVI, sendo o Cancionero de Baena o principal fornecedor de autores e poemas desta escola e desta obra de Lang. Exceptuando a Macías o Namorado e aquelas composicións de carácter anónimo, o resto dos autores son de fóra de Galicia (Alfonso Álvarez de Villasandino, o Marqués de Santillana, Pedro de Santa Fe, Gómez Manrique e outros), o que reflicte o prestixio de que gozaba a lírica galega, se ben cada vez máis escaso e deturpado. O traballo de Lang non se viu, sen embargo, completado, xa que nunca saíu á luz un prometido segundo volume de estudo lingüístico e literario. Por outro lado, apareceron con posterioridade artigos, reseñas e estudios que revisaron os criterios empregados por Lang para incluír ou excluír autores e poemas ou a súa excesiva galeguización de poemas casteláns.