Canedo, San Diego de

Canedo, San Diego de

Convento franciscano situado en Ponteareas. Diego Sarmiento de Soutomaior, conde de Salvaterra e marqués de Sobroso, mandou construír o primitivo convento en 1603 e no 1642 as tropas portuguesas destruírono. En 1715, Xosé Francisco Sarmiento Velasco Isasi, conde de Salvaterra e marqués de Sobroso, cedeu o pazo de Canedo para a creación dun convento de franciscanos. Estes pactaron colocar na fachada as armas do condado de Salvaterra e construír unha cripta baixo o altar maior que servise de panteón familiar. Funcionou como convento desde o s XVIII agás no período da desamortización. Na actualidade conta cunha pousada. O antigo pazo foi reformado para adaptalo ás necesidades do convento. A porta principal é do s XVI. A igrexa, construída a mediados do s XVIII, é unha mostra da arquitectura mendicante. Na fachada destaca a torre campanario de estilo barroco, que consta dun corpo prismático, un balcón con balaustrada e o campanario propiamente dito, cun corpo cadrado e rematado nunha pequena cúpula.

Palabras veciñas

Canedo | Canedo | canedo -da | Canedo, San Diego de | Canedo, Xosé | canéfora | caneforias