Cangas
Municipio da comarca do Morrazo, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Bueu (O Morrazo) e coa ría de Aldán, ao L co de Moaña (O Morrazo), ao S coa ría de Vigo e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 38,1 km 2 cunha poboación de 25.402 h (2007), distribuídos nas parroquias de Aldán, Cangas, Coiro, Darbo e O Hío. A capital é a vila de Cangas, na parroquia de Cangas. Atópase a 42° 15’ 30’’ de latitude N e 8° 46’ 30’’ de lonxitude O, a unha distancia de 92 km de Santiago de Compostela, a 26 km pola autoestrada de Vigo, e a distancia entre as terminais de pasaxeiros dos portos de Vigo e Cangas é de 3 millas náuticas. Cabeceira de partido xudicial, está adscrito á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O termo municipal de Cangas está baixo o dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. A súa localización na península do Morrazo e no centro das Rías Baixas dá lugar a unhas condicións climáticas marcadas por temperaturas mornas durante todo o ano e por precipitacións abundantes. A temperatura media anual é de 14,9°C. A media de xaneiro é de 10,2°C, e a de xullo, de 20°C. A amplitude térmica extrema chega aos 17,6°C. A precipitación media anual é de 1.412 mm, cunha distribución estacional que provoca unha acusada seca estival e uns máximos no outono e no inverno: 35,4% de precipitación recollida en outono e 35,6 % en inverno, fronte ao 10% no verán e aos valores intermedios da primavera, como estación de transición (un 19% do total). O relevo do concello está condicionado pola súa pertenza á península do Morrazo, bloque granítico levantado con dirección NL-SO, flanqueado polas fracturas tectónicas responsables do xurdimento das rías de Pontevedra e Vigo ao N e ao S, respectivamente. O seu relevo é moi accidentado e está presidido polos somontes occidentais do macizo do Morrazo. O territorio cangués pódese dividir en dúas partes: unha oriental, prolongación do macizo do Morrazo, e outra occidental, marcada pola península do Hío. A primeira resólvese nunha sucesión de vales e depresións. No seu extremo nororiental encóntrase o final da aliñación principal do Morrazo e aparece outra serra máis ao O con dirección meridiana no centro do concello, separada da anterior polo val do río da Presa. Neste territorio as alturas máximas oscilan entre os 300 m e 350 m, inferiores ás do resto da península, destacando os montes Carballiño (331 m) e Libureiro (329 m), entre as parroquias de Coiro e Aldán. O O do municipio está ocupado pola península do Hío, bloque triangular que culmina nunha pequena elevación central cunha altitude entre os 100 m e 200 m, e que se prolonga con aliñacións de escasa altitude en sentido SL-NO e NL-SO. A rede fluvial, debido ao reducido tamaño da península do Morrazo, resólvese en ríos moi curtos e de fortes pendentes. Entre os ríos máis importantes destacan o río da Presa que nace no veciño concello de Bueu e, tras seguir unha dirección N-S a través das parroquias de Coiro e Cangas, desemboca na ría de Vigo, e o río Orxas, que tamén nace en Bueu e despois de drenar a parroquia de Aldán, seguindo unha dirección NL-SO, verte as súas augas na ría de Aldán. O litoral de Cangas é moi recortado e ten como principais accidentes a península do Hío e a ría de Aldán. A partir destes accidentes, a costa divídese en tres sectores: o norte, ocupado pola ría de Aldán, cunha forma de “v” pechado, estendida entre a punta de San Martiño (parroquia de Aldán) e a de Conso (parroquia do Hío); esta última marca a fin da marxe esquerda da ría pontevedresa na que abundan as sucesións de pequenos saíntes rochosos e praias (Menduíña, Pinténs). Un segundo sector coincide co frontal occidental da península do Hío; trátase dun litoral rectilíneo, exposto ao mar aberto, e estendido entre a punta Conso e o Cabo Home (ambos os dous na parroquia do Hío), este último accidente limita a marxe dereita da ría de Vigo. O terceiro sector do litoral cangués está bañado pola ría de Vigo e pódese subdividir en tres partes: de L a O atópase unha pequena enseada (onde se localiza a vila de Cangas) entre as puntas Rodeira (parroquia de Coiro) e Balea (parroquia de Cangas); un segundo entrante é o que ten ao fondo a praia de Liméns, entre as puntas Balea e Corveiro (parroquia do Hío); o terceiro subsector é outra enseada onde se sitúa a praia de Barra, delimitada polas puntas Corveiro e o Cabo Pequeno (parroquia do Hío). No tocante ás illas, en Cangas só destacan as pequenas illas de Ratas e de faro Borneira, ambas as dúas no sector da ría de Vigo. Como espazos naturais cómpre citar, entre os declarados oficialmente como tales, o complexo formado pola praia de Barra e o Cabo Home, na parroquia do Hío, e a carballeira de Coiro, localizada na parroquia do mesmo nome; ademais, a ría de Aldán é unha área de especial interese situada entre as parroquias do Hío e Aldán.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Cangas nos últimos 110 anos caracterizouse polo seu forte dinamismo, e polo feito de triplicar a súa poboación entre 1900 e 1996. Este crecemento foi practicamente continuo ao longo do s XX; só entre 1940 e 1950 perdeu poboación, mais en escasa contía. Os restantes períodos intercensuais foron de crecemento sen interrupcións, primeiramente moi débil (cunhas taxas de crecemento anual do 0,41% entre 1887 e 1900) e nas seguintes décadas cunha aceleración que orixinou o crecemento máis intenso de todo o período, con taxas do 3,07% anual, entre 1900 e 1910, e do 2,15% entre 1910 e 1920. A partir deste ano o incremento demográfico moderouse: o crecemento anual cifrouse no 1,34% para os anos vinte, e no 0,98% para os trinta. Despois da década dos corenta (cun -0,31% de decrecemento interanual), a poboación canguesa retomou o crecemento, que foi moderadamente intenso nos anos cincuenta e sesenta (con taxas anuais do 1,16% e 1,12%, respectivamente) e reduciuse progresivamente nos anos seguintes (0,93% nos anos setenta e 0,45% nos oitenta), para logo recuperarse nos primeiros anos noventa (1,38% de crecemento anual). O dinamismo demográfico de Cangas é moi semellante ao dos restantes concellos da súa comarca, onde a pesca ten un papel relevante. As necesidades de man de obra tanto nos labores de extracción de produtos mariños (pesca e marisqueo) como nas industrias derivadas do mar (fabricación de conservas de pescado e elaboración de redes e cordoería), actúan como freos á emigración; a esta circunstancia débese engadir a proximidade de Vigo, que se presenta como un segundo elemento favorecedor do crecemento da poboación de Cangas. Só crises puntuais de limitada duración, como a dos anos corenta, conseguen rachar a dinámica de crecemento. O s XXI mantén o aumento da poboación e así, entre 2001 e 2007, o crecemento situouse no 5,92%. O resultado desta evolución é unha poboación nova, onde os menores de 20 anos representan o 17,8% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que só suman o 15,4%; o grupo intermedio representa o 66,8%. A distribución por sexos amosa un leve desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 50,26% da poboación, fronte ao 49,74% dos homes. A vila de Cangas tivo unha evolución demográfica moito máis caótica có conxunto do seu concello. O seu crecemento ao longo do s XX foi porcentualmente menor, ao seren os seus efectivos demográficos actuais só 2,5 veces superiores aos de 1887. Cómpre sinalar a maior frecuencia e incidencia neste hábitat urbano dos períodos de retrocesos demográficos e da maior intensidade dos mesmos: nos anos corenta a súa poboación caeu nun -1,8%, feito que se repetiu nos anos sesenta ao retroceder nun -0,32%. En contraste, as fases de máximo crecemento correspóndense coas tres primeiras décadas do s XX (o crecemento anual foi do 3,5% para a primeira, do 2,49% para os anos dez, e do 1,19% para os vinte), e coas décadas máis recentes (crecemento anual do 2,18% para os setenta, do 1,42% para os oitenta e do 1,06% para os primeiros noventa). Como consecuencia, a poboación municipal pasou do 29,57% de 1887 ao 24,78% de 1996, debido á crecente dispersión da poboación. En 2007 o 27, 53% da poboación vive na capital. Unicamente nas primeiras décadas do s XX se pode falar dunha relativa concentración demográfica na capital, que acadou a máxima proporción de habitantes do concello en 1920 (sumaba daquela o 31,98% da poboación do municipio de Cangas). O crecemento natural (2006) é positivo (2,2‰) froito dunha alta natalidade (10,1‰) e unha mortalidade relativamente alta (7,9‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cangas é do 55,1% (66,2% a masculina e 44,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,3% (60,3% a masculina e 36,7% a feminina) e a taxa de paro é do 12,2% (8,8% a masculina e 17,1% a feminina). Cangas basea a súa economía na pesca, que acolle directamente o 19,5% da poboación ocupada. A riqueza pesqueira do concello non se asenta exclusivamente no seu porto, de menor relevancia có de Marín, senón tamén na man de obra embarcada na flota de altura do veciño porto de Vigo; ademais destaca a importancia do marisqueo e da acuicultura (bateas de mexillóns). Pola contra, a agricultura posúe unha importancia marxinal: dá traballo ao 2,3% dos traballadores e está vinculada na súa maior parte ao cultivo a tempo parcial por parte de unidades familiares con traballos noutros sectores; o uso primordial do solo é o forestal, especialmente as plantacións de coníferas e eucalipto, e os cultivos máis importantes son o millo e o viñedo, co 36,33% e o 30,23% da superficie cultivada respectivamente; a gandería é practicamente inexistente e está limitada a un número reducido de aves de curral para o autoabastecemento familiar, co que resulta case nula a presenza do gando bovino. O sector secundario industrial dá traballo só ao 17,8% da man de obra do concello, destacando as industrias vinculadas ao mar como as conserveiras (Conservas Iglesias, Conservas Lago Paganini, Pescados Marcelino e Conservas Curbera) e de elaboración de cordas e redes (Marina Hispánica) e outras como Construcciones Metálicas Lusomar (contedores de metal) e Distribuciones Cárnicas Rosada (industria cárnica); finalmente, no subsector mineiro, destaca Granitos Aldán, dedicada á explotación de canteiras de granito. A construción non é unha actividade relevante, só ocupa o 10,9% dos traballadores que desenvolven o seu labor en pequenas constructoras de ámbito local e, en menor medida, nas cidades próximas (Pontevedra ou Vigo). O sector máis importante é o dos servizos, onde traballa o 49,4% da poboación ocupada, fundamentalmente no comercio e nos servizos da vila de Cangas, amparados pola crecente importancia deste núcleo como principal centro da vertente meridional da península do Morrazo. A principal vía de comunicación é a estrada PO-551 que comunica Cangas con Moaña (e desde alí á autoestrada cara a Vigo), Bueu e Pontevedra. Outra estrada importante é a autonómica que enlaza con Bueu polo interior. É importante o transporte marítimo de ría, coa liña regular de viaxeiros que une a vila con Vigo e contribúe a estreitar as relacións metropolitanas entre os dous núcleos.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Cangas son os machados de tipoloxía acheulense (Paleolítico inferior) atopados en Coiro e no Hío, os fragmentos de cerámica do xacemento da Cunchosa (Cangas) datado no Neolítico e as mámoas de Chan de Arquiña, Chan da Cruz e Chan de Armada. O achado de numerosos gravados rupestres neste territorio durante a Idade do Bronce, como o de Outeiro do río Loureiro en Aldán e os de Moguelos, en Donón confirmou a presenza de poboación nesta etapa. Durante a Idade do Ferro, as terras entre o río Lérez e a ría de Vigo estaban poboadas pola tribo dos heleni, pertencentes á cultura castrexa. Habitaban en poboados situados en lugares altos e rodeados dunha muralla, característicos da época prerromana e romana, denominados castros. Dentro do concello están os castros de Liboeiro en Coiro, O Facho no Hío e o de Santa María do Castro en Tirán (vinculado aos cultos de fertilidade e curación). As informacións sobre a península do Morrazo son escasas ata finais do s X, cando foi ocupada polos árabes no transcurso da incursión de Almanzor cara a Santiago de Compostela no ano 997. O nome de Cangas atéstase por primeira vez nun documento do 1160, identificado cunha doazón do Rei Fernando II en favor dun cabaleiro coñecido como Varela. A finais do s XII na zona de Cangas coexisten os señoríos do arcebispo de Santiago e o de diversos nobres vinculados aos condes da casa de Soutomaior. Na primeira metade do s XV, a poboación das parroquias de Darbo e Coiro asentouse na costa e formou un incipiente núcleo urbano con dous barrios (Señal e Cosal) e unha igrexa. A mediados do s XVI a vila converteuse na cabeza da xurisdición do Morrazo e dotouse dun concello con xuíces, notarios e escribáns públicos, un hospital e a vella igrexa transformada en colexiata no 1545. Na segunda metade do s XVI a vila viviu unha etapa de expansión económica coa exportación de peixe salgado e a importación de viños andaluces e do Ribeiro con destino ao mercado interno e ao Cantábrico. A comezos do s XVII a economía de Cangas experimentou unha crise, agravada pola destrucción da vila polos piratas berberiscos no 1617 e polo rapto de boa parte dos veciños que morreron no cativerio en África. A vila sufriu unha decadencia durante o s XVII e a primeira metade do XVIII, e dependía da pesca e do millo para manter a poboación. Na segunda metade do s XVIII, as actividades de salgadura experimentaron diversas innovacións técnicas coa chegada dos empresarios cataláns que se instalaron en Bueu e Aldán favorecendo un auxe demográfico. No Antigo Réxime o concello pertencía á xurisdición de Cangas, rexida polo arcebispo de Santiago, coa excepción da parroquia de Aldán onde o arcebispo compartía o señorío coa marquesa de Vilar. O actual municipio de Cangas xurdiu a principios do s XIX pola reforma administrativa de 1835. En principio limitábase ás parroquias de Cangas, Coiro e Darbo, ao formar parte de Bueu as de Aldán e O Hío. O concello de Cangas acadou os seus límites actuais no ano 1873 ao reintegrar no seu territorio as parroquias de Aldán e do Hío. As industrias conserveiras protagonizaron a actividade industrial desde comezos do s XX, e na posguerra instalouse na vila o complexo conserveiro de Masso. Entrou en crise nos anos oitenta e desapareceu. Cangas permaneceu no partido xudicial de Pontevedra ata 1988 e conseguiu nese mesmo ano a condición de sede xurisdiccional.
Patrimonio cultural
O patrimonio artístico de Cangas, ademais dos restos arqueolóxicos que foron declarados BIC, está formado por un variado número de igrexas representativas dos estilos máis arraigados en Galicia. Mostra da arte románica é a igrexa parroquial de Santo Andrés do Hío que acolle no seu atrio un cruceiro, obra de Xosé Cerviño e tallado nun só bloque de pedra. A igrexa de Santiago de Cangas, antiga colexiata, foi construída en 1542 nun estilo que mestura o gótico oxival e o renacemento. Da época barroca cómpre salientar as igrexas de Santa María de Darbo e de San Salvador de Coiro. Entre as mostras da arquitectura civil destaca o pazo dos condes de Aldán. O patrimonio natural do concello está formado por un bo número de praias situadas na ría de Aldán, como Area Brava ou Menduíña, e na ría de Vigo, como Barra, Liméns e Rodeira. Ademais a orografía permitiu a existencia de miradoiros de gran beleza como o do monte Carrasco, o Facho de Donón ou o monte da Pena. A carballeira de Coiro e Cabo Home-Barra (Donón) son espazos protexidos. Do seu patrimonio natural destacan os espazos do Cabo Udra e da Costa da Vela, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as numerosas festas que teñen lugar no concello sobresaen a do Cristo de Cangas, a de San Salvador de Coiro, a romaría de san Roque do Monte, a festa do muiño na parroquia de Coiro e unha serie de festas nas que se recuperaron antigas danzas que se bailaban nas parroquias como a Danza e Contradanza de Darbo, a Danza dos Mozos de Aldán (orixinaria do s XVII) e unha danza datada en 1585 que se baila no Hío durante as festas de San Roque.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Morrazo, O |
| Extensión | 38 Km2 |
| Poboación Total | 25402 h |
| Poboación Homes | 12635 h |
| Poboación Mulleres | 12767 h |
| Densidade de poboación | 668.47 h/Km2 |