canibalismo

canibalismo

(< caníbal)

  1. s m [ANTROP/CULT]

    Antropofaxia habitual como característica etnolóxica dunha sociedade determinada. Prevaleceu ata tempos recentes en diversos pobos de África, Australia, Nova Zelanda, Polinesia, Insulindia e América. Distínguese entre o canibalismo practicado entre membros da propia tribo e a necrofaxia, practicada en defuntos non sacrificados como víctimas, xunto cos casos máis xeneralizados dos que son obxecto os corpos dos inimigos mortos e as víctimas de sacrificios. No tocante á finalidade, a carne humana pode ser un suplemento alimentario habitual ou puntual pero, xeralmente, inclúe algunha significación ligada coa crenza da adquisición, mediante a súa inxestión, da vitalidade ou das características especiais do morto.

  2. s m [ECOL]

    Depredación exercida entre individuos da mesma especie, normalmente entre clases de idade distinta, e, especialmente, a posta en práctica por individuos adultos sobre ovos ou primeiras fases larvarias. Ten un papel de autorregulación da especie e a súa influencia sobre a mortalidade está directamente relacionada coa densidade. Faise especialmente patente en poboacións que viven nun medio de pequenas dimensións, como son moitas das augas continentais, e con escasas posibilidades de dispersión. Tamén pode ter lugar entre larvas, caso dalgúns anfibios, onde algún deles se tranforma en caníbal ao pasar a alimentarse case de xeito exclusivo das outras larvas, o que asegura a súa metamorfose e lle permite completar o seu ciclo antes de que desapareza o medio temporal onde viven.

  3. s m [COMUN]

    Acción que acontece cando un produto “come” mercado a outro de moi similares características e do mesmo fabricante.

Palabras veciñas

Cangzhou | caníbal | canibalesco -ca | canibalismo | caniche* | canicie | Canicouva, A