Cantares Gallegos
Obra de Rosalía de Castro, considerada como o primeiro gran título da literatura galega contemporánea e o libro fundacional do Rexurdimento en Galicia, ao ser o primeiro escrito integramente en lingua galega. Na súa elaboración influíu a pegada da música popular, a recuperación romántica da tradición, as culturas autóctonas e as manifestacións populares, e a obra de Antonio Trueba Libro de los cantares (1852). O libro publicouse grazas ao empeño do seu home, Manuel Murguía, quen considerou o seu valor como difusor do sentimento galeguista. A primeira edición, impresa nos obradoiros tipográficos de Xoán Compañel en Vigo, data de 1863, e a segunda fíxose en Madrid (1872), con catro composicións novas. Rosalía foi consciente de que escribía dende un país marxinado e esta obra reflite, a pesar do seu manto folclorista e costumista, unha ideoloxía de defensa e exaltación dos valores específicos de Galicia, ao tempo que denuncia as inxustizas que sufría. Estruturalmente, conta cunha dedicatoria dirixida a Fernán Caballero na que Rosalía deixa entrever a súa oposición á discriminación e marxinación da muller. A continuación, aparece un prólogo onde expón o desexo de dignificar a súa terra e a súa lingua fronte aos que a vituperan inxustamente, xustifica a súa decisión de escribir en galego e deixa ver nidiamente a oposición Galicia/España cun gran sentimento de indignación. Tanto a dedicatoria como o prólogo teñen unha singular importancia porque neles mostra a conciencia de escribir dende unha tripla marxinalidade: a condición de muller, a de muller escritora e a de escribir dende un país marxinado. Logo inclúense 35 poemas onde a autora renuncia á súa propia voz para deixar paso a unha protagonista popular a quen se lle pide que cante (“Has de cantar / meniña gaiteira / has de cantar / que me morro de pena”). A moza acepta o encargo e faino na súa propia lingua (“Cantarte hei Galicia / na lingua galega / consolo dos males / alivio das penas”). Isto permítelle a Rosalía desfilar por un escenario galego de costumes, festas e tipos populares. O poemario péchase coa voz da moza dando por cumprida a súa misión (“Eu cantar cantar cantei / a grasia non era moita”) e afianzando o carácter circular da obra. Son composicións sinxelas e obxectivas, aínda que hai poemas de denuncia, inxustiza e opresión. O libro péchase cun glosario asinado por M. (Manuel Murguía). Hai 31 poemas que aparecen sen título e marcados con numeración arábiga. Entre o 25 e o 26 inclúese unha composición sen numerar co título “A gaita gallega”, resposta de Rosalía ao poema “La gaita gallega”, de Ventura Ruiz Aguilera, que tamén se transcribe no libro antecedendo a resposta. Rosalía achégase a temas de corte popular: costumistas, amorosos, sátiras político-sociais, sentimento relixioso de resignación, crenzas supersticiosas e folclore. Paralelamente, aparece o intimismo, o tema da fermosura e o sentimento da propia terra, acompañando a denuncia da emigración, brutalidade e incomprensión que os casteláns amosaban cara a Galicia, representada na migración anual dos segadores ás terras da meseta. Compara a beleza de Galicia co resto da Península; a aridez, o sol implacable e a monotonía destas terras, contrasta coa variedade, a espontaneidade cambiante da orografía e a exuberante vexetación galega. Tamén aparecen certos temas que, sen desenvolverse totalmente, conforman o máis peculiar da ideoloxía rosaliana, como o tema dos seres predestinados á dor, chamados os tristes (“Campanas de Bastavales”), xunto co ton melancólico dos poemas centrados na contemplación da paisaxe de Padrón ou as evocacións íntimas como recordos da infancia ou de seres queridos desaparecidos. A protesta social ou a dor pola emigración só aparecen en catro ocasións, aínda que o cadro de costumes representado constata unha situación que fala por si mesma. A crítica social faise evidente onde aparecen referencias a Castela e ao tema da emigración (“Castellana de Castilla”, “Castellanos de Castilla” ou “A gaita gallega”). Na métrica predominan os trazos da poesía popular, polo que proliferan modelos irregulares, baseados máis na acentuación ca en estrictos cómputos silábicos. Predominan versos de arte menor, rimas asonantes e formas tradicionais baseadas no ritmo, como muiñeiras ou alboradas, así como coplas octosilábicas ou romances ao lado de estrofas e técnicas da poesía culta como espinelas, cuartetas ou oitavas reais. O folclore materialízase na abundancia de recursos de repetición, reiteracións fónicas, casos de aliteracións, onomatopeas ou paralelismos. Abundan as imaxes tópicas e hai un predominio da comparación sobre a metáfora, en correspondencia coa sinxeleza e a claridade. A obra acadou grande éxito e Rosalía foi convidada a asistir aos Xogos Florais de Barcelona en 1867. En 1868 Víctor Balaguer traduciu ao catalán dous poemas do libro. Entre as edicións posteriores destacan as de Xavier R. Baixeras (1990) e Aurora López e Andrés Pociña (1992).