Canterbury Tales
Conxunto de narracións escritas por Geoffrey Chaucer entre os anos 1380 e 1400. Trátase dunha obra inacabada que consta de 23 narracións en verso, a maioría dispostas en pareados heroicos, e dúas en prosa, que teñen como marco unitario unha peregrinación a Canterbury. O procedemento condutor escollido formúlase nun prólogo xeral onde se describe unha congregación de viaxeiros, camiño da tumba de san Thomas Becket, que deciden amenizar a marcha contando relatos. Á volta, o mellor narrador será obsequiado cunha cea na pousada na que coincidiron fortuitamente. Este artificio integra os relatos nun mesmo fío narrativo, e contribúe a dotar a obra dun ton unitario dentro da súa diversidade. Os narradores presentados e descritos individualmente no prólogo xeral aparecen ao longo da obra nos enlaces entre os contos, a miúdo caracterizados por medio de diálogos dramáticos. A función destes enlaces é manter a ilación da trama, perfilar os retratos dos personaxes e introducir o asunto dos diversos relatos. O máis coñecido é o discurso da comadre de Bath, que constitúe unha sátira contra as mulleres. Influído polo Decameron de Boccacio, polo Roman de la Rose e por diversos autores clásicos, ofrece unha ampla panorámica da sociedade do s XIV, na que aparecen representados os distintos estamentos e oficios da época, agás a nobreza; entre eles, o clero é o grupo social caracterizado con maior detalle. Nos relatos altérnase o nobre co vulgar, o serio co cómico, o romántico co realista e mesmo co groseiro ou escabroso. A maioría das narracións son fabliaux, isto é, adaptacións ao inglés dun tipo de narración breve popularizado en Francia dous séculos atrás, na que se facía unha crítica social máis ou menos satírica cunha linguaxe desenfadada. Xunto a elas, intercálanse outras onde emula os libros de cabalería (“Knight’s tale”), outras nas que conta diversas historias como a de Griselda (“Clerk’s tale”) e as que contan historias de santos, das Escrituras ou do ciclo clásico. Por último, o conto do párroco configúrase como o epílogo da colección no seu tratamento da retractación e da penitencia como preparación para a chegada á tumba do santo.