Cañiza, A
Municipio da comarca da Paradanta, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Melón (O Ribeiro), ao L cos de Crecente (A Paradanta) e Melón, ao S co de Arbo, Crecente (A Paradanta) e As Neves (O Condado), e ao O co de Covelo (A Paradanta), e Mondariz e Salvaterra de Miño (O Condado). Abrangue unha superficie de 107,5 km 2 , nos que se acolle unha poboación de 6.696 h (2007), distribuídos nas parroquias das Achas, A Cañiza, O Couto, A Franqueira, Luneda, Oroso, Parada das Achas, Petán e Valeixe. A capital é a vila da Cañiza, na parroquia da Cañiza, situada a 42° 12’ 30’’ de latitude N e 8° 16’ de lonxitude O, a 136 km de Santiago de Compostela e a 50 Km de Vigo. Está adscrito ao partido xudicial de Ponteareas e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O termo municipal da Cañiza está nunha área de transición entre o dominio climático oceánico húmido, con tendencia á aridez estival, e o oceánico de montaña. A súa localización entre as serras da Dorsal Galega e o val do Miño, dá lugar a unhas condicións climáticas caracterizadas por temperaturas frescas durante os meses comprendidos entre decembro e marzo, e por precipitacións moi elevadas. A temperatura media anual é de 11,8°C. A media de xaneiro é de 6,1°C, e a de xullo e agosto é de 17,8°C. A amplitude térmica extrema chega aos 20,4°C. A precipitación media anual é de 2.377 mm, cunha distribución estacional que amosa unha elevada seca estival e unhas precipitacións eminentemente invernais: 42,8% de precipitación recollida no inverno fronte ao 10,4% no verán, mentres que a primavera cun 16,2% e o outono cun 30,6%, quedan en valores intermedios como estacións de transición. O relevo do concello artículase sobre a base da alternancia entre as terras altas das serras da Dorsal Galega e os seus somontes, e unha serie de vales correspondentes aos tributarios do río Miño, que atopan neste concello os seus cursos medio e alto. Como consecuencia, pódese dividir en tres sectores: o segmento meridional da serra do Faro de Avión, integrante do núcleo central das serras da dorsal, seguindo unha orientación NO-SL con alturas superiores aos 800 m, que culmina no Monte Cruz (1.095 m) e no Pedroso (1.073 m), ambos na parroquia de Petán, e que descenden progresivamente cara ao S; os montes que parten da serra antes descrita, que contan cunha dirección NL-SO e delimitan o concello polo O, a súa altitude media oscila entre os 600 m e os 900 m, e preséntanse como unha aliñación con alturas homoxéneas, destacando o Coto de Galos (805 m) e o Montouto (948 m), os dous en Petán, e Chan do Rei (954 m), na parroquia de Luneda; e o resto do concello que corresponde aos vales dos ríos Deva, Ribadil e Uma, delimitados polas montañas antes descritas, cunha orientación fundamentalmente N-S e cunha altitude comprendida entre os 200 m e os 600 m, salpicada por elevacións como o Alto de Cota (611 m), nas inmediacións da Cañiza, e A Coutada (640 m), na parroquia de Couto. A rede fluvial, na súa totalidade da conca do río Miño, articúlase a partir dos ríos Deva e Ribadil. O primeiro, o máis importante, nace na serra do Faro de Avión e tras percorrer de N a S o concello, abandónao pola parroquia de Valeixe. Durante este percorrido recibe pola esquerda os regos de Aguillón e Ponte das Achas, pola dereita os de Oule e río Calvo, ademais dos regos Luneda e Cortegaza, nados no concello pero que desembocan fóra dos límites municipais. Menos importante é o Ribadil, que nace na parroquia de Oroso e que tras drenar o SL do termo municipal, abandónao pola parroquia de Couto. O río Uma soamente conta coa cabeceira, localizada na parroquia da Franqueira, que despois de servir de límite co concello das Neves abandona o termo municipal para desembocar no Tea, xa en terras do Condado.
Xeografía humana
Os efectivos demográficos da Cañiza permanecen en valores semellantes aos mantidos a finais do s XIX, sufrindo unha evolución caracterizada por unha sucesión de oscilacións de escasa contía. A pesar disto, pódense distinguir grosso modo dúas grandes etapas cun punto de inflexión en 1940. Ata ese ano a poboación non medrou uniformemente: nunha primeira etapa, entre 1887 e 1910, houbo un incremento do 0,11% anual, nunha segunda fase de descenso moderado, entre 1910 e 1930, cun -0,2% de media anual e, finalmente, un súbito incremento nos anos trinta arredor do 1,42% cada ano. Esta evolución está condicionada pola emigración, o forte incremento dos anos trinta veu propiciado pola drástica detención da corrente emigratoria causada pola crise económica xeneralizada do 1929 e a Guerra Civil 1936-1939. A partir de 1940 a situación, dentro do moderado dinamismo do concello, mudou de signo e tendeu en liñas xerais a un descenso matizado pola alternancia de décadas de retroceso e de crecemento. Entre as primeiras, os anos corenta (-0,64% de media anual), os sesenta (-0,9%) e os oitenta (-0,54%); entre as segundas, os cincuenta (cun feble incremento do 0,04% anual, permaneceu a poboación practicamente estancada), os setenta (0,45%) e os primeiros noventa (0,83%). Estas cifras pódense explicar por diversos motivos: houbo un primeiro momento localizado entre 1940 e 1970 no que predominaron as perdas demográficas, debido á emigración cara a Sudamérica (Arxentina ou Venezuela, principalmente) nos anos corenta e cincuenta, e cara a Europa, ás áreas máis desenvolvidas do Estado español e á cidade de Vigo nos sesenta. Un segundo período da evolución produciríase a partir de 1970, cando a poboación se recuperou pola detención do fluxo emigratorio, pola volta de antigos emigrantes e por certa capacidade de atracción da vila sobre veciños dos concellos limítrofes. O s XXI comezou cun descenso de poboación do 6,92% entre 2001 e 2007. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-6,2‰) froito dunha baixa natalidade (5,8‰) e unha alta mortalidade (12‰). O resultado desta evolución é unha poboación avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 13,9% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que constitúen o 27,2%; o grupo intermedio representa o 59,7%. A distribución por sexos amosa un claro desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,82% da poboación fronte ao 48,11%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Cañiza é do 42,6% (57,8% a masculina e 29,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,5% (51,3% a masculina e 25,4% a feminina) e a taxa de paro é do 12% (11,4% a masculina e 13,2% a feminina). As actividades do sector agropecuario non son excesivamente representativas na vida económica municipal e só dan emprego ao 6,2% dos ocupados (o 0,4% do total nas actividades pesqueiras); aínda así, débeselle engadir a agricultura a tempo parcial, complemento dos recursos de moitos traballadores noutros sectores. A gandería posúe unha relevancia modesta, conta cun total de 957 reses de vacún (1999) destinadas case totalmente á produción de carne. A superficie dedicada a prados e pastos non é moi significativa (6,4 % da total), ao igual cós cultivos forraxeiros (só o 6,2% da superficie cultivada). O armentío porcino (596 cabezas), asentado en explotacións familiares, é importante por ser a base do coñecido xamón da Cañiza. Finalmente, o ovino e o caprino constitúen especies gandeiras de pequena importancia. Boa parte do territorio aprovéitase para usos forestais, que se estenden polo 83,4% da superficie, repartido entre o mato dos cumios máis elevados e os piñeirais e eucaliptais das cotas inferiores. O cultivo máis importante é o millo, ao que se lle dedica o 61,8% da superficie cultivada, seguido a distancia pola pataca (12,5%), o centeo (9,7%) e a vide (8,4%), difundida na parte baixa do concello, no val do Deva. As superficies dedicadas á horta, froiteiras e trigo son moi reducidas. A industria que dá traballo ao 23,6% dos residentes no concello; neste sector destaca a presenza de empresas dedicadas á transformación do aluminio (Galimetal S A), á extracción de granito (Minera de Rocas SL), e outras empresas de modesta dimensión entre as que sobresaen as factorías de embutidos (embutidos A Flor da Cañiza), nadas ao abeiro da sona dos xamóns locais. A construción ten unha forte incidencia, ao supoñer o 17,8% dos empregos, centrada en obras locais ou nas de concellos próximos como Ponteareas ou Ribadavia, ou mesmo Vigo e Ourense. Ao sector terciario correspóndelle a hexemonía no tocante a emprego, cun 52,3% da man de obra. A importancia da Cañiza como principal centro de relación para a comarca da Paradanta, fai que conte cunha importante dotación comercial e de servizos, tanto privados coma públicos. Entre os primeiros destaca a hostalería, cun gran número de xamonerías e restaurantes xurdidos para dar servizo ao elevado tránsito de viaxeiros na estrada nacional N-120 de Vigo a Ourense; sen embargo, a entrada en servizo da Autovía das Rías Baixas (A-52), que reduciu a duración do traxecto entre as dúas cidades a menos dunha hora e circunvalou a vila, supuxo unha sensible reducción dos ingresos do sector. Con respecto aos organismos públicos, o carácter de cabeceira comarcal da Paradanta fai que radiquen na vila os servizos de extensión agraria, o instituto de ensino secundario e profesional, a sede da Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da Paradanta, o xulgado de distrito, etc. As principais vías de comunicación do concello son a estrada N-120, de Logroño a Vigo, e a autovía das Rías Baixas A-52, de Vigo a Benavente, ademais doutras estradas menos importantes como a comarcal C-531 de Pontevedra a Xinzo de Limia ou as locais que a unen con Crecente e As Neves.
Historia
Os restos máis antigos do poboamento da Cañiza atópanse en Castro e Cavada, na citania de Chan de Bouzas, e tamén nalgunhas inscricións rupestres aparecidas en distintos puntos do concello. A primeira noticia escrita deste territorio remóntase á expedición de Décimo Xunio Bruto no 138 a C. Durante a Guerra da Independencia, os seus veciños opuxéronse activamente ás tropas francesas. No Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello da Cañiza repartíanse entre as xurisdicións de Achas, Albeos, Crecente, Parada e Petán, baixo o señorío do conde de Salvaterra (xurisdición das Achas), do marqués de Sierra (Albeos), do duque de Soutomaior (Crecente), do marqués de Castelmoncayo (Parada) e da familia Sarmiento (Petán). Coa proclamación da Constitución en 1812, o réxime señorial substituíuse polo municipalismo e establecéronse os concellos das Achas, o de Parada e Luneda e o de Petán e Deva. En 1820 quedou dividido nos concellos da Cañiza, Oroso, Parada e Valeixe, unificados en 1835 no municipio actual. Dende entón, o concello só sufriu unha modificación, en 1842, cando a parroquia de Prado de Canda se segregou e pasou ao veciño municipio de Covelo. Foi cabeceira de partido xudicial ata 1965, ano no que perdeu tal condición e no que pasou a formar parte do de Ponteareas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destaca o santuario da Virxe da Franqueira, antigo cenobio beneditino do s XI do que tan só se conserva a igrexa. Actualmente, é un importante santuario de peregrinación. No eido da arquitectura civil destacan o pazo de Valeixe e o do Conde de Cervellón, en Parada das Achas. Entre as festas que se celebran no concello, ademais da romaría da Virxe da Franqueira que ten lugar en setembro, destacan a da Nosa Señora de Pena de Francia, en Parada das Achas, tamén setembro, a das Pascuiñas en maio, a de san Roque de Valeixe, en setembro, e a de santa Teresa en outubro. No eido das festas gastronómicas destacan a do Xamón e a sardiñada da carballeira de Cacharada, ambas as dúas en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Paradanta, A |
| Extensión | 107 Km2 |
| Poboación Total | 6696 h |
| Poboación Homes | 3222 h |
| Poboación Mulleres | 3474 h |
| Densidade de poboación | 62.58 h/Km2 |