capelo

capelo

(< ital capello ‘chapeo’)

  1. s m [INDUM/RELIX]

    Chapeo de abas largas e copa pequena, provisto dun alamar con cordóns e borlas a cada lado e empregado polos eclesiásticos da Igrexa Católica como distintivo da súa dignidade. O Papa Pío X fixou en 1905 o uso dos diversos tipos de capelo: o capelo vermello con quince borlas verdes para os arcebispos; o capelo verde con seis borlas verdes para os bispos e abades con xurisdición; o capelo violeta con borlas vermellas para os administradores apostólicos; o capelo negro con borlas negras para os abades e confrades maiores mitrados, para os xerais de congregacións monásticas, abades en xeral, superiores xerais e provinciais, vicarios xerais e capitulares, e algúns cóengos; e o capelo negro cunha borla negra para os sacerdotes. Utilízase na heráldica eclesiástica como timbre en lugar do helmo.

  2. s m [RELIX]

    Dignidade de cardeal da Igrexa de Roma.

  3. s m [INDUM]

    Capa feita de palla ou xuncos, acompañada dunha capucha normalmente, que serve para gorecerse da choiva e do frío.

    Sinónimos: coroza.
  4. s m [INDUM]

    Peza de roupa a xeito de chal que as mulleres levaban ao redor da cara e que se ve nas imaxes da Virxe e dalgunhas santas.

  5. s m

    Parte superior do palleiro.

    Sinónimos: caparucha, caparucho, carapucha, carapucho, carrapucha, carrapucho.
  6. s m

    Néboa ou nubes que adoitan cubrir ou ocultar os outeiros ou os cumios das montañas. Na tradición popular recóllense ditos como: “Cando o pico Sacro pon capelo, meniñas do Ulla, poñede o mantelo”.

  7. s m

    Especie de cápsula que recobre os grans dalgúns cereais como o trigo.

  8. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe oceánico de ata 50 cm, de corpo moi comprimido e de cor escura a excepción dunha media lúa branca na aleta caudal, cunha única aleta dorsal. A cabeza preséntase moderadamente comprimida e de perfil puntiagudo. É unha especie presente en todos os océanos, realiza movementos migratorios estacionais, sempre en hábitats peláxicos e augas cálidas e temperadas afastadas da costa, e desova nas áreas subtropicais. O capelo é raro nas augas europeas, onde normalmente se captura de xeito accidental cos anzois de pesca oceánica de túnidos, aínda que ten presenza dende Madeira ata Islandia e norte de Noruega. Non penetra no Mediterráneo, polo que só aparece na costa atlántica e cantábrica da Península Ibérica.

  9. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave da familia dos aláudidos de listas superciliares patentes e, ás veces, pequenas curupelas.

  10. s m [PLANTA]

    correola.

  11. s m [PLANTA]

    couselo.

  12. s m [HERÁLD]

    Figura que timbra o exterior do escudo dos prelados: o do cardeal, forrado de goles e gornecido con dous cordóns, da mesma cor, con cadansúas quince borlas penduradas, tamén da mesma cor, empezando por unha e seguindo progresivamente ata acabar en cinco; entre os forrados de sinople, están o do arcebispo ou primado, con dez borlas da mesma cor a cada lado; o do bispo con seis borlas e o de abade con tres borlas.