capitalismo

capitalismo

(

  1. [ECON/SOCIOL]
    1. s m

      Sistema ou modo de produción caracterizado pola técnica avanzada debida á xeneralización das máquinas, á propiedade privada dos medios de produción e á procura do máximo beneficio (motor do sistema). A técnica avanzada esixe utilizar medios de produción de custo elevado, polo que a propiedade privada destes medios significa propiedade dalgúns e non propiedade do resto da poboación, que se ve forzada a vender aos primeiros a súa forza de traballo. Entre os trazos fundamentais que conforman este sistema cómpre citar: o carácter xuridicamente libre da man de obra, o control do capital da empresa por parte dos propietarios e, xa que logo, do destino dos produtos, e a orientación das decisións económicas polo mercado. Alá onde houbo un comercio dunha certa envergadura, desenvolvéronse capitais conectados coa compravenda e co préstamo, e por iso téndese a falar dunha primeira etapa chamada capitalismo comercial. O comercio a longa distancia, acompañado do incremento da produción de manufacturas de la destinadas ás cidades artesás, contribuíu decisivamente a estimular o uso produtivo do “excedente social”, factor inicial importante no proceso encamiñado ao modo de produción capitalista. O impacto da chegada dos metais americanos a Europa, a política comercial mercantilista, a revolución agraria a comezos do s XVIII, a distribución capitalista do traballo, a Revolución Industrial nas últimas décadas do s XVIII, así como o papel das innovacións técnicas, determinaron a aparición do modo de produción capitalista: o capitalismo industrial que se orixinou en Inglaterra no derradeiro terzo do s XVIII e que se estendeu por Europa e Norteamérica con intensidade e vigor diferentes e cronoloxías diferenciadas. Liberdades formais, garantía da propiedade, libre circulación das mercadorías, libre cambio internacional e participación no poder foron os obxectivos políticos da burguesía que instaurou o estado liberal, representativo e non intervencionista, como primeira superestrutura xurídico-política do modo de produción capitalista. Desde que o capitalismo, coa forma de capitalismo industrial, se converteu no modo de produción imperante en Reino Unido, Francia, Alemaña, EE UU e no resto dos países occidentais, unha serie de tendencias internas levárono cara á etapa denominada capitalismo financeiro, capitalismo monopolista ou imperialismo que se iniciou a finais do s XIX. A dinámica deste proceso caracterízase pola competencia, que afastou do mercado as empresas máis febles ou rutinarias, e polo incesante ritmo de innovación tecnolóxica que o mesmo capitalismo favoreceu e que esixiu instalacións, maquinaria e, polo tanto, capitais maiores. Esta necesidade de grandes capitais acentuou o papel da banca e dos grupos financeiros, e fixo que o sistema presentase a imaxe dunha oferta de poucos, entre os que eran posibles os acordos restritivos da competencia que se coñece co nome de prácticas monopolistas. Esta dinámica levou a unha expansión que traspasou as fronteiras: as potencias capitalistas repartíronse o resto de Asia e de África e os seus conflitos culminaron na Primeira Guerra Mundial. Co desenvolvemento das sociedades capitalistas, os conflitos de clase agraváronse. A clase traballadora organizouse sindicalmente e apareceron os primeiros partidos obreiros. Coa Revolución Rusa iniciouse unha nova e violenta onda de loitas obreiras en todo o mundo. O estado capitalista viuse obrigado a intervir internamente polas presións obreiras e cara ao exterior en beneficio dos intereses globais do capital nacional. Estas liñas de evolución desembocarían no capitalismo actual que, desde a saída da posguerra mundial, se configura como unha etapa do capitalismo financeiro ou monopolista cunha serie de condicionamentos: o aumento do nivel de vida da poboación traballadora nos países capitalistas avanzados, a intervención institucionalizada do goberno na economía, a cristalización nos países avanzados dunha democracia liberal, a desaparición dun ámbito económico socialista, o proceso de emancipación das antigas colonias, que transformou a modalidade de política de colonialismo en neocolonialismo, e a globalización da economía mundial, cunha crecente interdependencia entre países. As primeiras formulacións teóricas sobre o capitalismo contemplaban un sistema constituído por numerosas e pequenas empresas en dura competencia, e insistiron na existencia de leis naturais que rexían a vida económica: a oferta e a demanda axustábanse reciprocamente, os prezos tendían ao nivel dos custos, os sectores económicos autorregulábanse polo libre fluxo de capital e traballos, e os salarios e a poboación obreira mantiñan un equilibrio cíclico. Este paradigma, formulado por Adam Smith en The Wealth of Nations (A riqueza das nacións, 1776), foi sustentado por toda a escola clásica. Pero o propio Smith xa consideraba que a abundancia cada vez maior suporía a caída dos beneficios e, xa que logo, a entrada nun “estado estacionario”. Afondando criticamente na metodoloxía da escola clásica, Marx e Engels desenvolveron un estudo rigoroso do capitalismo e concluíron que a existencia dun límite no crecemento da taxa de plusvalía faría tender á baixa a taxa de ganancias e, en consecuencia, o capitalismo non só estaría en crise, senón que mesmo estaría condenado a desaparecer. O proletariado incidiría nesta crise obxectiva provocando o derrocamento do sistema, que sería substituído polo socialismo. Schumpeter presentou un modelo non marxista do prognóstico pesimista respecto ao capitalismo: diminuiría a importancia das funcións dos empresarios, destruiríanse os estratos e as institucións protectoras e crearíase unha atmosfera de hostilidade á vez que os móbiles burgueses se volverían inalcanzables. A fin do capitalismo daría paso ao socialismo. Hansen, dentro do keynesianismo, insistiu en que a insuficiencia do investimento para absorber o aforro levaría ao estancamento. Diversos autores atribuíron significacións profundas ás modificacións sufridas polo capitalismo nos últimos tempos. Así, Burham ou Means insistiron na separación entre capital e xestión; Galbraith, no marco do capitalismo americano, presentou a existencia de poderes compensatorios fronte aos monopolios; finalmente, tamén houbo investigadores que propuxeron que a planificación indicativa convertería o capitalismo actual nun sistema ben distinto do capitalismo clásico.

    2. capitalismo de Estado

      Expresión cuñada por Lenin para designar a fase intermedia de acceso ao socialismo. Nesta etapa o estado proletario apropiaríase dos medios de produción previa á súa desaparición definitiva.

    3. capitalismo do benestar

      Economías mixtas, establecidas en Europa occidental trala Segunda Guerra Mundial, nas que o Estado se comprometía a compaxinar o capitalismo de libre empresa cun amplo sistema de servicios e garantías sociais.

    4. capitalismo popular

      Conxunto de medidas, típicas dun estado avanzado do desenvolvemento capitalista, que teñen como finalidade a eliminación da loita de clases e a integración do proletariado no sistema. As máis frecuentes son o accionariado obreiro, a coxestión, a xeneralización dos seguros sociais, os convenios colectivos, etc, medidas que a miúdo van acompañadas dun control do dereito de folga.

  2. s m

    Conxunto de poder e influencia dos capitalistas.

Palabras veciñas

capital | capital, O | capitalidade | capitalismo | capitalista | capitalizable | capitalización