capitulación

capitulación

(

  1. s f

    Acción e efecto de capitular.

  2. [DER]
    1. s f

      Convenio militar que pon fin á resistencia dunha tropa sitiada nunha praza fortificada ou rodeada en campo aberto, polo que se establece, segundo as regras de honor militar, o trato que teñen que recibir oficiais e soldados. Posto que non concerne á constitución administrativa ou política do territorio, non precisa confirmación do xefe de estado e entra en vigor de forma inmediata.

    2. capitulación incondicional

      Capitulación na que as forzas gañadoras se consideran libres de calquera compromiso de tipo xurídico respecto aos vencidos. Foi aplicada durante a Segunda Guerra Mundial polas forzas aliadas a Alemaña e a Xapón.

  3. s f [HIST]

    Na Península Ibérica, durante o proceso de expansión territorial dos reinos cristiáns cara ao sur, era unha rendición pactada entre os reis cristiáns e os musulmáns, pola que estes conservaban determinados dereitos e propiedades. Era similar ao sulh musulmán. Tiña como finalidade evitar a despoboación do territorio conquistado. Afonso VI de Castela pactou a capitulación de Toledo (1085), Afonso I de Aragón a rendición de Zaragoza (1118) e Xaime I de Aragón a de València (1238).

  4. s f [HIST]

    Desde o s XV, contrato establecido entre a monarquía e uns particulares para levar a cabo unha empresa xeralmente político-militar. O custo da empresa achegábao a monarquía, aínda que en ocasións tiña que recorrer a empréstitos de mercadores ou á outra parte contratante. O obxectivo xeral era a exploración e conquista dun territorio, pero tamén se firmaban outras capitulacións nas que o estado confiaba a un particular a construción de obras públicas, a explotación dos recursos naturais ou a tramitación de relacións comerciais cos pobos indíxenas. Adoitábase conceder aos asinantes o goberno civil e militar e a impartición de xustiza con cargos como os de adiantado, gobernador ou capitán xeneral. As capitulacións asinadas para a conquista das Canarias foron un significativo precedente e, no caso do continente americano, estas inicíaronse coas capitulacións de Santa Fe (17.4.1492) entre os Reis Católicos e Colón.

  5. capitulación imperial [HIST]

    Cada unha das disposicións que o emperador do Sacro Imperio xuraba, unha vez elixido, confirmando as soberanías dos príncipes electores.

  6. capitulacións matrimoniais [DER]

    Contrato ou condicións relativas ao matrimonio que se estipulan por escrito entre as partes. A súa función principal é a de lles permitir aos cónxuxes o pacto do réxime económico familiar que máis se adapte ás súas necesidades e conveniencias. Tamén poden servir para regular a sucesión mortis causa, pactando nelas a institución de herdeiro, crear unha comunidade familiar que obrige os seus membros a unir esforzos e achegar os seus ingresos para auxiliar as necesidades familiares e establecer beneficios de viuvez ao conxuxe sobrevivente. As capitulacións matrimoniais están admitidas no dereito español e tamén noutros países como Francia, Bélxica e Suíza co nome de contrat de mariage. Presentan moitas variantes, pero é fundamental en case todos a existencia da herdanza que os pais fan a favor dos fillos que casan (herencia); nelas figuran tamén moitos outros pactos, tales como a reserva de cantidades ou de propiedades para dotar os outros fillos, reserva do dereito a vender e empeñar por parte dos pais doadores, entre outros.

  7. réxime das capitulacións [HIST]

    Convenio polo que se establecía o estatuto xurídico dos súbditos dos estados occidentais nos países non cristiáns. Utilizouse no Imperio Otomano e, posteriormente, nos estados do norte de África e nos países baixo ocupación colonial, protectorados, etc. Iniciado no s XV por acordo entre o Sultán Muhammad II e Xénova e Venecia, xeneralizouse a partir do pacto entre Francisco I de Francia e Sulaymān II.