Carabobo
Estado de Venezuela (4.650 km2; 1.807.542 h [1995]). A capital é Valencia (1.034.033 h [1992]). Comprende parte da cordilleira da Costa e da chaira aluvial do Orinoco, e a parte occidental da depresión do lago de Valencia. A área que envolve este lago é unha conca endorreica, o que fai que os solos sexan moi fértiles e intensamente cultivados. A progresiva industrialización invadiu as súas terras. O clima presenta variacións entre a costa e o interior. No litoral, a temperatura media anual é de 26,5°C, cunhas precipitacións de 850 mm. Nas terras altas interiores, a temperatura descende aos 22,9°C e as precipitacións aumentan ata os 1.400 mm anuais. En todo o estado están claramente marcadas as épocas de chuvia e as de seca. Porto Cabello é o porto máis importante e ocupa o terceiro lugar no país. A súa poboación incrementouse nos últimos anos principalmente pola instalación da industria petroquímica e papeleira. Tamén ten importancia o comercio, que dá traballo ao 20% da poboación. É un importante centro de comunicacións que une o occidente do país co centro-norte, e o litoral coas chairas. A rexión central do estado, o Campo de Carabobo, foi escenario de dúas batallas vitoriosas de Simón Bolivar contra os realistas (1814 e 1821); a segunda delas foi decisiva para a independencia de Venezuela.