Caramiñal, O

Caramiñal, O

Antigo concello da comarca do Barbanza integrado dende 1841 no da Pobra do Caramiñal. Xurisdición señorial do marqués de Parga durante o Antigo Réxime, xurdiu como municipio en 1813, ao establecerse os primeiros axuntamentos constitucionais. Abranguía entón a parroquia de Xobre e a vila do Caramiñal. A vixencia deste primeiro concello rematou en 1814, data da derrogación por parte do Rei Fernando VII da Constitución de Cádiz. En 1821, tralo golpe do tenente coronel Riego, restableceuse o concello e, en xullo de 1822, uniuse co da Pobra do Deán. En 1823 derrogouse de novo a Constitución e suprimiuse con ela o municipalismo, ata que en 1835 foi definitivamente restaurado, e, en xuño de 1836, se constituíu o concello do Caramiñal, formado polas parroquias do Caramiñal, Lesón e Xobre. O 10 de xuño de 1841 acordouse a fusión dos concellos do Caramiñal e da Pobra do Deán, que deron lugar ao da Pobra do Caramiñal.

Palabras veciñas

caramida | caramiña | Caramiñal, O | Caramiñal, O | Caramiñal, o | caramiñeira | caramolar