carápido -da
(< lat Carapus, xénero depeixes)
-
adx
Relativo ou pertencente aos carápidos.
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Peixe da familia dos carápidos.
-
s
m pl
[ANIMAL/ICT]
Familia de peixes da suborde dos ofidioideos, de corpo angüiforme, comprimido ou cilíndrico, que vai estreitando ata unha cola delgada. Teñen a aleta anal máis longa ca a dorsal, normalmente presentan aleta peitoral e carecen de aletas pelvianas. O corpo non presenta de escamas; ten un bico curto, cun orificio nasal posterior aberto en media lúa, preto do ollo; a boca dispón de dentes delgados nas mandíbulas e padal, ás veces con dentes grandes similares a caninos. O ano localízase debaixo, por detrás ou inmediatamente diante da base da aleta peitoral. As especies dos xéneros Echiodon, Pyramodon e Snyderidia son peixes que non viven en cardumes e habitan tanto en augas superficiais como profundas (ata polo menos os 500 m); os adultos dos restantes xéneros, entre eles Carapus, viven en augas máis superficiais, incluso litorais, xa que son hóspedes das cavidades corporais de equinodermos (holoturias e estrelas) e de grandes moluscos bivalvos. Algunhas especies mostran parasitismo, pois comen os órganos internos do hóspede (que acaban por se rexenerar), aínda que en ocasións remata nunha auténtica predación. Descritos sete xéneros en todo o mundo, a maior parte localízanse en augas dos océanos Índico e Pacífico. Non existen en Galicia, aínda que aparecen tres especies en augas próximas: E. drummondi, arredor das Illas Británicas e Irlanda; e E. Dentatus e Carapus acus, no Mediterráneo, todas elas de menos de 25 cm.