Carballeda de Avia

Carballeda de Avia


Municipio da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita óao N co concello de Leiro, ao L co de Beade, ao S cos de Melón e Ribadavia, e ao O con Avión. Abrangue unha superficie de 47 km 2 cunha poboación de 1.600 h (2007), distribuídos nas parroquias de Abelenda das Penas, Balde, Beiro, Carballeda, Faramontaos, Muimenta, Santo Estevo de Nóvoa e Vilar de Condes. A capital é o lugar de Carballeda de Avia, na parroquia de Carballeda, situada a 42° 19’ de latitude N e 8° 9’ 50’’ de lonxitude O; dista 114 km de Santiago de Compostela e 36 km de Ourense. Está adscrito á xurisdición do partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Carballeda de Avia localízase nunha área de transición entre os dominios climáticos oceánico-mediterráneo e oceánico de montaña. Situado entre as montañas da Dorsal Meridiana e os vales dos afluentes do río Avia, os rexistros térmicos vense matizados por estes factores topográficos e propician unhas temperaturas relativamente baixas entre decembro e febreiro. A temperatura media anual é de 11,1°C. A temperatura media do mes máis frío (decembro) é de 5,1°C, mentres que a do máis cálido (xullo) é de 18,2°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,7°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 147. A precipitación anual media é de 1.424 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 36,7% das precipitacións recóllense nos meses do inverno, fronte ao 9,6% do verán; constitúen a primavera e mailo outono estacións de transición con valores medios (20,7% e 33%, respectivamente). No tocante ao relevo, o territorio do concello de Carballeda de Avia pódese dividir en dúas partes: a primeira é unha estreita orla montañosa que delimita o concello polo O con altitudes entre os 500 m e 1.000 m; forma parte dos somontes orientais do Faro de Avión e culmina na Portela de Pau (1.044 m de altitude), na parroquia de Vilar de Condes (nos lindes co concello de Avión), e no Alto da Rasa, con 829 m, entre as de Muimenta e Abelenda; a segunda esténdese polo centro e L do concello e configura unha accidentada sucesión de vales e outeiros entre os 300 m e os 500 m de altitude media. A rede fluvial articúlase ao redor do río Avia, constituída por unha serie de pequenos ríos tributarios pola dereita. De N a S sitúase o rego de Serra que, despois de drenar a parroquia de Balde, abandona o concello seguindo unha dirección S-N; o Irexe, que recibe pola esquerda os regos Carocedo e Penso, e, despois de drenar as parroquias de Faramontaos e Abelenda cunha dirección O-L, abandona o municipio e serve, en todo o seu percorrido, de límite co veciño municipio de Leiro; e o rego das Signadas que marca o linde co concello de Beade e recibe pola dereita o Puntillón, nacido nas proximidades da capital municipal. Con todo, o principal río do concello é o Carballeda; cunha dirección NO-SL, a súa conca drena o S e o centro do municipio (parroquias de Carballeda, a maior parte da de Abelenda, Muimenta, Vilar de Condes e Santo Estevo de Nóvoa). Entre os seus afluentes están, en primeiro lugar, a sucesión de pequenos regos que conforman a súa cabeceira (Bullor, Covadesil), todos eles pola esquerda e na parroquia de Abelenda, mentres que máis abaixo recibe pola dereita o rego de Vales, na parroquia de Santo Estevo de Nóvoa, que, á súa vez, recolle as augas do rego de Saa, xa na freguesía de Vilar de Condes, lugar onde abandona o territorio municipal cara a Ribadavia. Como espazo natural destaca Pena Corneira, complexo rochoso con microrrelevos derivados da erosión do substrato granítico estendido pola parte meridional dese macizo nas parroquias de Balde e Faramontaos.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Carballeda de Avia ao longo dos últimos dous séculos os foi claramente negativa. Desde o primeiro censo de 1887 sucedéronse etapas alternas de crecemento e retroceso demográfico en función, principalmente, da incidencia da emigración e dunha dinámica natural xa negativa. De 1887 a 1910 a poboación creceu a un ritmo medio do 0,49% anual, mais este incremento non durou moito tempo ao perder poboación na década de 1910 nun 0,4% de media cada ano. Non obstante , nos anos vinte e trinta o crecemento foi continuado; cada ano sumou un 0,31% e acadou en 1940 o máximo continxente de poboación do s XX, debido á ruptura da tendencia emigratoria que provocaran na década anterior a crise económica mundial e a Guerra Civil. Os anos posteriores volveron ser de depresión poboacional, pois perdeu ata 1970 unha media do 1,02% anual. Despois dunha circunstancial recuperación nos anos setenta (1,2% de crecemento anual medio), as perdas demográficas pasaron de ser moderadas a moi fortes (-2,43% de media cada ano), especialmente durante os anos oitenta. Os inicios do s XXI foron de signo positivo, pois entre 2001 e 2007 aumentou nun 0,69%.
En 2006 o crecemento natural foi de signo negativo (-13,2‰), froito dunha taxa de natalidade moi baixa (3,9‰) e unha elevada mortalidade (17,1‰). O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 9,6% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que constitúen o 35,9%; o grupo intermedio representa o 54,5%. A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,18% da poboación fronte ao 47,81% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Carballeda de Avia é do 34,1% (52,8% a masculina e 17,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 27,3% (41,9% a masculina e 14% a feminina) e a taxa de paro é do 20,1% (20,7% a masculina e 18,3% a feminina). O sector agropecuario dá traballo ao 8m5% da poboación ocupada. A superficie cultivada esténdese polo 15,2% do territorio municipal. Os principais cultivos son o millo e o viñedo, que abranguen, menor importancia ten a pataca. Aos pastos dedícaselles 35 Ha, feito que está en relación coa escasas explotacións gandeiras: 55 cabezas de gando bovino (2007), predominantemente con orientación cárnica. Maior importancia posúe o gando porcino no que se contabilizan 350 cabezas reprodutoras e 520 de cebo (2005) nas moitas granxas existentes, afiliadas en gran parte á cooperativa COREN. A industria dá traballo ao 29,1% dos traballadores. A construción emprega o 25,1% da poboación ocupada, que atopa traballo na actividade do sector no Carballiño e en Ribadavia. O sector terciario é a primeira fonte de emprego ao ocupar ao 37,2% dos traballadores, malia o limitado equipamento comercial e de servizos do concello; sen embargo, a maior parte dos integrantes do sector traballan nas cabeceiras comarcais máis cercanas. A principal vía de comunicación do concello é a estrada que comunica Ribadavia con Avión; o SL do concello está atravesado pola A-52.
Historia
A historia do concello está ligada á das terras do Ribeiro. Foi escenario das Guerras Irmandiñas e das disputas entre diversas casas señoriais como a dos condes de Lemos, Monterrei ou Ribadavia, e mosteiros como os de Celanova, Melón ou Oseira. No Antigo Réxime estaba dividido entre xurisdicións dependentes destes mosteiros, as xurisdicións señoriais de Ribadavia e a de Veiga e Carballeda, baixo o dominio do conde de Ribadavia, e o couto redondo de Beiro, responsabilidade do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. En 1820 xurdiu o concello de Carballeda, que tivo a efémera vida do réxime constitucional durante o trienio liberal, ata 1823. Restaurada a Constitución en 1835, as parroquias que integran o actual concello foron repartidas entre os de Beade e Ribadavia. Esta situación cambiou en 1858 ao segregárense unha serie de parroquias de Ribadavia que materializan a primeira configuración do concello de Carballeda, municipio ampliado en 1861 e 1864 en prexuízo do de Beade. Xudicialmente, desde 1820 dependeu sempre de Ribadavia.
Patrimonio cultural
O concello conserva restos arqueolóxicos no Castro de Barcia ou no Couto da Moura, e tumbas antropomórficas no Outeiro da Espulla. A arquitectura relixiosa está representada polas igrexas románicas de San Xoán de Muimenta e Santo Andrés de Abelenda das Penas (esta última pertenceu á Encomenda de Beade da Orde dos Hospitaleiros de San Xoán e conserva un tímpano con figuras xeométricas e vexetais); a ermida da Virxe de Lodairo ou Orarlo, románica de transición ao gótico, que sobresae pola súa portada con dúas arquivoltas, tímpano con decoración xeométrica e rosca decorada cun axadrezado; a igrexa de San Pedro de Beiro, renovada no s XVIII, que pertenceu ao mosteiro de San Martiño Pinario; e, por último, a igrexa barroca de San Miguel de Carballeda de Avia, declarada BIC en 1982. No eido da arquitectura civil destaca a Torre Nova de Carballeda, declarada BIC en 1994. Dentro da arquitectura popular sobresaen os hórreos e as casas de pedra de Muimenta. Entre as festas que se celebran no concello destacan a romaría de Lodairo no mes de xuño; a Cerimonia dos Manueis, as festas de San Sebastián en Abelenda das Penas en xaneiro, a da Candeloria en Faramontaos en febreiro, a do Bon Xesús en Moimenta, a de San Roque en Vilar de Condes e a de San Lourenzo en Veronza, as tres últimas en agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ribeiro, O
Extensión 47 Km2
Poboación Total 1600 h
Poboación Homes 765 h
Poboación Mulleres 835 h
Densidade de poboación 34.04 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias