Carballeda de Valdeorras
Concello da comarca de Valdeorras, situado na provincia de Ourense na fronteira oriental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Puente de Domingo Flórez (O Bierzo) e de Rubiá (Valdeorras), ao L co concello de Benuza (O Bierzo) e Encinedo (La Cabrera), ao S cos concellos de Porto (A Sanabria) e A Veiga (Valdeorras), e ao O coa Veiga e O Barco de Valdeorra (Valdeorras). Abrangue unha superficie de 222,7 km 2 cunha poboación de 1.947 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Candeda, Carballeda, Casaio, Casoio, Domiz, Lardeira, A Portela do Trigal, Pumares, Pusmazán, Riodolas, Robledo, San Xusto, Santa Cruz, Sobradelo, Soutadoiro, Vila e Viladequinta. A capital municipal é o lugar de Sobradelo, na parroquia de Sobradelo, situado a 42° 22’ 7’’ de latitude N e 6° 52’ 5’’ de lonxitude O, 212 km ao SL da capital de Galicia, Santiago de Compostela, e 129 km ao NL de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial do Barco de Valdeorras e á diocese de Astorga.
Xeografía física
O termo municipal, debido á súa situación xeográfica no interior e á gran variedade altitudinal que rexistra, dende o Val do Sil, a 300 m de altitude, ata os cumios de Pena Survia (2.095 m) e Pena Trevinca (2.124 m), presenta unha diversidade climática que varía progresivamente dende o dominio oceánico mediterráneo do Val do Sil ata o oceánico de montaña das terras máis elevadas do municipio, en plena Serra do Eixe. Neste contexto hai que entender as limitacións que impoñen os rexistros termopluviométricos dispoñibles, referidos á estación de Carballeda, situada por debaixo dos 600 m de altitude, que mostran unha temperatura media en xullo de 21,7°C e, xa que logo, veráns moi cálidos. Pola contra, os invernos son relativamente fríos, cunha media en xaneiro de 6,2°C, debido a unha certa continentalización que impón o afastamento destas terras da costa. Por iso, a oscilación anual é moi alta, de 15,5°C. Non obstante, tanto o total das precipitacións (que é a menor de Galicia con 594 mm anuais), como a súa distribución (cun 11,1% do total anual recollido no verán), son claros indicadores da mediterraneización climática. A este clima propio das terras baixas, de val, onde aparecen especies vexetais mediterráneas como a aciñeira ou a sobreira, contraponse un clima de características máis extremas, propio de áreas de montaña. Coa altitude, as temperaturas medias poden chegar a diminuír ata catro ou cinco graos centígrados, polo que se produce un aumento do total de precipitacións anuais e unha distribución destas ao longo do ano moito máis regular. Tamén hai que ter en conta a presenza de precipitacións en forma de neve entre novembro e abril, neve que permanece gran parte do ano nos cumes dos montes. O relevo do municipio articúlase en función desta dualidade val-serra. Dende o val do Sil o relevo, formado fundamentalmente sobre lousas e xistos, érguese cara ao S, ata acadar as máximas altitudes na serra do Eixe, que se estende en dirección NO-SL e conforma o límite meridional do termo municipal. As máximas altitudes acádanse en Pena Survia e en Pena Trevinca (2.124 m), o teito de Galicia. Nestas montañas do oriente galego desenvolvéronse no Würm glaciares de montaña que deixaron pegadas no modelado actual, como circos glaciares e moreas. Ademais, a rede fluvial actual formouse, sobre todo, no Cuaternario e está constituída por regos que nacen nos cumios da serra do Eixe e discorren en dirección S-N por vales encaixados ata desaugar no Sil; entre eles, destacan o río Casoio e o Rego de San Xil, onde está o Teixedal de Casaio, de interese bioxeográfico. Ao N do Sil, na parroquia de Vila, o relevo tamén ascende, aínda que non acada altitudes tan elevadas.
Xeografía humana
A poboación de Carballeda de Valdeorras experimentou dende 1887, data do primeiro censo de poboación, unha evolución semellante á doutros espazos do interior de Galicia, caracterizada polo saldo fortemente negativo. Pódense distinguir dúas etapas ben diferenciadas: unha primeira, que chega ata 1940, na que o concello gaña poboación (aínda que cunha evolución intercensual irregular); e unha segunda, dende 1940 ata a actualidade, caracterizada por unha perda progresiva de efectivos demográficos, coa particularidade de que o descenso comezou de xeito máis tardío ca no resto do territorio galego, concretamente na década dos sesenta, mentres que polo xeral noutros concellos do interior de Galicia comezara xa na década anterior. O descenso da poboación foi especialmente notable nos períodos intercensuais 1960-1970, cunhas taxas de crecemento anual medio do -1,4%, e na década dos oitenta, cando se rexistraron por termo medio unhas taxas do -1,9%, as menores de todo o século. A pesar da reactivación que supuxo para a economía da zona a localización de numerosas canteiras e industrias transformadoras da lousa, o volume demográfico de Carballeda de Valdeorras seguiu a descender entre 1991 e 1996, e pasouse de 2.615 h a 2.397 h. Nos inicios do s XXI o descenso continua e así, entre 2001 e 2007, a poboación pasou de 2.129 h a 1.947 h. Desde xeito o crecemento natural (2006) é de signo negativo (-10,2‰) froito dunha baixa taxa de natalidade (4,5‰) e unha elevada mortalidade (14,7‰). A poboación menor de 20 anos é o 12,7% mentres que a poboación superior aos 65 anos é o 29,1% a a poboación adulta é o 58,2%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,84% de mulleres e 49,15% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Carballeda de Valdeorras é do 46,6% (60,3% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,4% (56,2% a masculina e 28,8% a feminina) e a taxa de paro é do 9,1% (6,9% a masculina e 29,1% a feminina). A elevada porcentaxe de poboación activa empregada no sector secundario (74% en conxunto) é unha excepción dentro da Galicia interior, caracterizada dende o punto de vista económico pola ausencia de industrialización, localizada preferentemente na Galicia litoral e, máis concretamente, no Eixo Atlántico. A porcentaxe de poboación empregada no sector industrial é do 69,4% e correspóndese, case na súa totalidade, con traballadores da industria extractiva e transformadora da lousa que se estende por todo o municipio. O inicio da actividade industrial remóntase á década de 1950, aínda que tradicionalmente xa existira unha actividade extractiva a menor escala. Hoxe en día a lousa da comarca de Valdeorras ten unha grande aceptación nos mercados exteriores, xa que se exporta a Francia, aos Países Baixos, ao Xapón e, mesmo, a Australia. Cómpre mencionar, non obstante, o elevado impacto visual e ambiental que supoñen as canteiras de lousa nas montañas de Carballeda. A construción só emprega ao 4,6%. Polo que se refire ao sector primario, a súa importancia é moi cativa e só emprega o 2,9% dos activos. A dicotomía val-montaña faise de novo presente nas actividades agropecuarias, xa que é nas terras baixas do val do Sil onde ten maior presenza a agricultura. O cultivo máis importante tanto cualitativa como cuantitativamente é a vide, que ocupa 78 Ha das 1.489 Ha da superficie cultivada; a colleita de uvas dedícase á elaboración de viño acollido baixo a Denominación de Orixe Valdeorras. Tamén teñen certa importancia o cultivo da pataca e, nas terras de maior altitude, un cereal de inverno como é o centeo. Pola contra, nas áreas de maior altitude, onde as condicións climáticas son máis rigorosas, destaca a orientación gandeira das actividades primarias. Dentro da gandería teñen especial importancia o armentío ovino (con 164 cabezas, 1999), mentres que a certa distancia están a gandería bovina e cabalar, con 32 e 106 cabezas, respectivamente. A presenza do caprino e das aves de curral é practicamente irrelevante. O sector terciario dá traballo ao 23,1% da poboación ocupada. O concello de Carballeda de Valdeorras, situado no val do Sil, presenta unhas boas comunicacións co exterior tanto por estrada (nacional N-120, de Vigo a Logroño, N-536 no norte do concello) como por ferrocarril (A Coruña-Palencia). Polo que se refire á rede interior de estradas, teñen importancia, sobre todo, as dúas locais, Sobradelo-Casaio e Sobradelo-Casoio. A primeira delas sofre intensamente o deterioro causado pola circulación constante de vehículos pesados que transportan o cargamento de lousa extraída nas canteiras.
Historia
Os dolmens de Lombo das Arcas amosan a antigüidade do poboamento do concello. Os romanos buscaron o ouro no Sil e trazaron a Vía Nova ou vía militar romana XVIII da que se conservan pontes como a de Casaio, a de Sobradelo e a da Pontóriga. Os suevos poboaron o territorio e estableceron cecas onde cuñaron moeda. Durante a Idade Media, Carballeda pertenceu, entre outros señores, aos condes de Lemos e aos de Ribadavia. No Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello estiveron divididas entre a xurisdición señorial de Valdeorras (señorío do conde de Ribadavia) e a gobernación de La Cabrera. Co establecemento dos primeiros axuntamentos constitucionais en 1813, creouse o concello de Sobradelo, integrado na provincia de Galicia, que mantivo a súa vixencia ata 1814, data da primeira derrogación da Constitución de Cádiz. Restaurado en 1820, adscribiuse á provincia de Villafranca del Bierzo na división administrativa do ano 1822, situación que se mantivo ata o ano seguinte coa segunda derrogación da Constitución. En 1836 formouse o actual concello e, dende aquela, non se produciron variacións nos seus límites.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos do patrimonio do concello destacan as igrexas de Santa María de Casaio, con fachada plateresca, e a de San Xián de Casoio. No eido do patrimonio natural cómpre salientar os encoros de Casoio e de Pumares, así como o macizo de Peña Trevinca, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000, e O Teixadal, bosque de teixos no límite co concello da Veiga. Entre as festas que se celebran no concello sobresaen as romarías do Padre Eterno, en Lardeira, o día da Trindade; a de San Xil, en Casaio, en setembro; e a festa da Encarnación, en Sobradelo, en abril.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Valdeorras |
| Extensión | 222 Km2 |
| Poboación Total | 1947 h |
| Poboación Homes | 957 h |
| Poboación Mulleres | 990 h |
| Densidade de poboación | 8.77 h/Km2 |