Carballedo

Carballedo


Concello da comarca de Chantada, situado na provincia de Lugo e no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Chantada, ao L co de Pantón (Terra de Lemos), ao S cos da Peroxa e Vilamarín (Ourense), e ao O cos de San Cristovo de Cea (O Carballiño) e Rodeiro (Deza). Abrangue unha superficie de 138,8 km 2 qunha poboación de 2.886 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Aguada, Buciños, Carballedo, Cartelos, Castro, Chouzán, A Cova, Erbedeiro, Furco, Lobelle, Lousada, Marzás, Milleirós, Oleiros, Pradeda, San Mamede de Lousada, San Romao de Campos, San Salvador de Búbal, Santa Baia de Búbal, Santa Cristina de Asma, Santa Mariña do Castro, Temes, Veascós e Vilaquinte. A capital municipal é a aldea da Barrela, na parroquia de Castro, situada a 42° 31’ 2’’ de latitude N e 7° 46’ 7’’ de lonxitude O, 107 km ao SL da capital de Galicia, Santiago de Compostela, 65 km ao SO de Lugo e 22 km ao N de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Chantada e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O clima de Carballedo está moi condicionado polo seu relevo e polas diferentes unidades xeomorfolóxicas que se poden distinguir. Así, a serra do Faro, situada no O do municipio, actúa como pantalla pluviométrica que provoca unhas menores precipitacións a sotavento. Por outra banda, no L, no val encaixado do Miño e a sotavento tamén dos ventos húmidos do O, diminúen as precipitacións e aumentan a insolación e as temperaturas. Na estación dos Peares rexistra unha temperatura media anual moi elevada, con 15,5°C, que se corresponden cunha media en xaneiro de 7,7°C (invernos suaves) e en de agosto de 23,8°C (veráns moi cálidos), cunha oscilación térmica anual de 16,1°C, producida sobre todo polos elevados valores que se rexistran no verán. Na estación de Belesar a media anual é de 12,7°C. Estes valores diminúen no sector central do municipio (onde se atopa a capital municipal, situada sobre a superficie de erosión de Chantada) e máis aínda nas áreas occidentais, na serra do Faro e nas súas inmediacións, por efecto da altitude. Algo semellante sucede coas precipitacións. Así, na estación dos Peares recóllense un total de 772 mm ao cabo do ano, mentres que este valor chega aos 904 mm en Belesar. O efecto do relevo sobre as precipitacións ponse de manifesto ao observar os 1.742 mm anuais que se recollen en Rodeiro, a barlovento (o efecto Foëhn provoca as precipitacións ao O da serra do Faro). A distribución estacional das precipitacións deixa entrever a magnitude da seca estival, xa que no verán só se recolle o 8,6% do total anual. A estación máis chuviosa é o inverno, no que se rexistra un 39,1% do total das precipitacións anuais, seguida polo outono, cun 31,2%. A primavera adopta neste aspecto pluviométrico un carácter de estación de transición, xa que nela se recolle o 20,8% do total das precipitacións. O relevo vén determinado por tres accidentes xeográficos moi ben definidos. Ao O do municipio érguese a serra do Faro, con alturas superiores aos 1.000 m (Penas Grandes, 1.106 m), que se corresponde cun horst ou bloque tectónico erguido no Terciario durante a Oroxenia Alpina. No sector central desenvólvese unha ampla penechaira, denominada Superficie de Erosión de Chantada, onde está a capital municipal e a maior parte dos asentamentos de poboación. Por último, cara ao L, o relevo descende cara ao val encaixado do Miño, onde se sitúan unhas fortes pendentes e unhas condicións climáticas especialmente benignas que teñen favorecido tradicionalmente o cultivo da vide, realizado mediante socalcos ou bancais. A rede hidrográfica de Carballedo articúlase ao redor do río Miño, que discorre polo límite oriental do termo municipal, e é represado no encoro dos Peares, o primeiro encalco construído en Galicia; entre este conxunto de ríos e regos afluentes, que nacen nas alturas da serra do Faro e descenden en dirección O-L ata unirse ao Miño, destaca o río Búbal. Os ríos máis significativos son o Búbal e o Fondós. A vexetación está composta por carballos, castiñeiros e outras especies autóctonas, que retroceden ante o avance das especies de repoboacion forestal de maior rendemento madeireiro, entre as que destaca o Pinus pinaster ou piñeiro bravo, ademais de plantas como o toxo, a carqueixa ou o piorno.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Carballedo nos últimos dous séculos insírese plenamente dentro das liñas que caracterizan a maior parte dos municipios rurais do interior de Galicia. Neste período pódense diferenciar dúas etapas. A primeira, dende 1887 (data do primeiro censo de poboación) ata o 1950, caracterízase polo lento e discontinuo crecemento demográfico (de 9.046 h en 1887 a 10.485 h en 1940, cando se acadou o máximo poboacional); a poboación diminuíu na década de 1910 a consecuencia do andazo de gripe de 1918, que provocou unha taxa media de crecemento anual no conxunto do período do -0,9%. En 1950 a poboación sobrepasaba a decena de milleiros de habitantes, aínda que diminuíra o seu número en 190 efectivos dende 1940. A segunda etapa, sitúase en 1960 e caracterízase por un novo descenso poboacional producido polos efectos do éxodo rural cara ás áreas urbanas e industriais da Galicia litoral, do resto de España e do estranxeiro. Pero foi na década dos cincuenta cando se produciu un éxodo rural masivo que adquiriu dimensións espectaculares, xa que a poboación pasou de 9.778 h a 5.450 h, o que supuxo unha taxa de crecemento anual medio do -4,4%, unha das máis altas de todos os concellos galegos neste período. A poboación seguiu a diminuír cun ritmo elevado na década seguinte, cunha taxa de crecemento anual do -1,7%; chegou aos 4.518 h e continuou o seu declive na década dos noventa, cando alcanzou os 4.145 h. En 1996 sitúase o mínimo poboacional absoluto de toda a serie censual, con 3.517 h, despois dun descenso anual moi elevado do 3%. O s XXI comezou cun descenso da poboación cifrado en -6,29% entre 2001 e 2007. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-12,6‰), froito dunha baixa natalidade (2,9‰) e unha alta mortalidade (15,5‰). A poboación maior de 65 anos supón o 37,7% fronte ao 8,5% dos menores de 20 anos. Os adultos representan o 53,8% do total dos efectivos demográficos. Por sexos a composición está equilibrada: 50,34% de mulleres e 49,65% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Carballedo é do 49,5% (54,4% a masculina e 45% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,5% (50,7% a masculina e 42,4% a feminina) e a taxa de paro é do 6,2% (6,7% a masculina e 5,6% a feminina). A base da economía do municipio céntrase nas actividades do sector primario, que malia ter experimentado un gran retroceso, aínda xera o 50,5% do emprego. A propiedade das explotacións agropecuarias permanece na esfera doméstica, en réxime de explotación directa polos seus titulares. Na maior parte dos casos combínase a agricultura e a gandería, aínda que a primeira das actividades está claramente subordinada á segunda. Das 5.903 Ha de superficie agraria útil, 3.856 dedícanse a prados e pastos. Dentro dos cultivos, as forraxes teñen unha importancia salientable, xa que representan o 54,7% da superficie cultivada; este feito evidencia o protagonismo da gandería cun armentío bovino de 7.934 cabezas (2007) ou o porcino con 708 cabezas reprodutoras e 3.668 cabezas de cebo (2005). A maior distancia sitúanse outras especies, como as aves de curral (57), mentres que outros animais teñen unha presenza testemuñal. Polo que respecta á agricultura, á marxe das forraxeiras, os cultivos que acadan unha maior importancia son cereais como o trigo, o millo, o centeo ou a vide. O sector secundario ten moi pouca importancia e limítase, case exclusivamente, a pequenos serradoiros de carácter familiar e aos empregos dos traballadores da central hidroeléctrica do encoro dos Peares; en conxunto, a industria acolle o 8,9% dos ocupados, mentres que a construción emprega o 8,7%. Dentro do sector terciario, que lle dá traballo ao 31,9% dos ocupados, destacan os postos xerados pola administación, seguidos en orde de importancia pola hostalería e o sector dos transportes e as comunicacións. Na rede viaria de Carballedo destaca a estrada nacional N-540, de Lugo a Portugal, que pasa pola capital do municipio. Ao seu redor articúlase o resto do territorio do municipio, constituído por unha tupida rede de estradas locais e pistas que comunican entre si e co exterior todos os lugares e entidades de poboación.
Historia
Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual territorio de Carballedo formaron parte das xurisdicións de Chantada, Chouzán, Oseira e Vilaquinte, e dos coutos redondos de Castelos, Castro e Oleiros de Chantada, representados pola antiga provincia de Lugo, e da xurisdición da Peroxa, representada pola antiga provincia de Ourense. Trala proclamación da Constitución de 1812 todas esas xurisdicións foron suprimidas e substituídas polo axuntamento de Chouzán. A derrogación da Constitución en 1814 tivo como consecuencia a rehabilitación da antiga administración señorial. Restaurada a Constitución en 1820, restableceuse o concello, que logo das reformas administrativas de 1822 (que supuxeron a desaparición da provincia de Galicia), adscribiuse á nova provincia de Ourense e perdeu varias parroquias que pasaron a pertencer a Chantada. En 1823 unha segunda derrogación da lei fundamental suprimiu, de novo, o concello. En 1833, restablecido definitivamente o municipalismo, o territorio do actual concello de Carballedo integrouse na nova provincia de Lugo, encargándose a súa Deputación dos traballos de delimitación e configuración municipal, que concluíron coa anexión das súas parroquias ao concello de Chantada, no que permaneceron ata a súa segregación en outubro de 1840, data do establecemento do concello de Carballedo. En 1890 creouse a parroquia de Erbedeiro, constituída a partir de lugares que pertencían ata entón á parroquia de Chouzán, polo que non afectou aos límites municipais.
Patrimonio cultural
O concello conserva as igrexas románicas de Aguada, do s XIII, e de Búbel, Lousada e Pradela, do s XII. Os mosteiros de Santo Estevo de Chouzán e de San Xoán de Cova, declarados BIC en 1950, foron trasladados dende as terras baixas para non quedar asolagados polo encoro dos Peares. No eido da arquitectura civil destacan as torres de San Román en Campos e da Grixoa en Chouzán, declaradas BIC en 1994, e o pazo de Cartelos do s XVIII que conserva un torreón de planta circular, a solaina e a capela. Entre o patrimonio natural destaca a ribeira do Búbal, o encoro dos Peares e as carballeiras de Cartelos. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Monte Faro declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran nas distintas parroquias do concello sobresaen a romaría de San Pexerto, en Buciños, ademais das festas de Santiago, na Barrela, e de San Roque, en Castro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Chantada
Extensión 138 Km2
Poboación Total 2886 h
Poboación Homes 1433 h
Poboación Mulleres 1453 h
Densidade de poboación 20.91 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias