Carballido

Carballido
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica. O topónimo homónimo é un abundancial formado sobre carballo, co significado de ‘lugar poboado de carballos’. Documéntase no s XIII: “Johannes Johanni de Carvalido” (doc ano 1234 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 538).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe natural do lugar homónimo pertencente ao concello de Alfoz. Asentou casas nos arredores de Santiago de Compostela e no lugar leonés de Cacabelos. Espalláronse por Castela, Andalucía e unha rama pasou mesmo a Portugal. As súas armas levan, en campo de ouro, unha árbore de sinople. Algúns traen, en campo de ouro, dúas bandas de goles. Algúns representan un brazo armado de prata cun ramallete de flores. Outros ostentan, en campo de ouro, unha árbore de sinople, arrincada, e un brazo armado de goles, cunha espada na man, saíndo da capa.