Carballos, laxe dos
Gravado rupestre do III milenio a C localizado nas proximidades do Outeiro dos Cogoludos no lugar de Paredes da parroquia de Moimenta (Campo Lameiro). Atopado en 1981, escavouno Antonio de la Peña Santos en 1982 e descubriuse un panel de forte inclinación con varias combinacións de círculos concéntricos e numerosas figuras de cérvidos que, no seu conxunto, representan unha grea que se despraza pola ladeira dun monte de esquerda á dereita do espectador. Os cervos están debuxados cun estilo esquemático, aínda que reflicte certo dinamismo, e os diferentes tamaños suxiren un intento de dotar de perspectiva á composición. Destaca o de maior tamaño, de esaxerada cornamenta e provisto dunha serie de detalles anatómicos pouco comúns no foco galaico de arte rupestre (orellas, boca e ollos), que ten cravadas no seu lombo varias lanzas. O feito de permanecer cubertos de terra permitiu que os sucos mostrasen un perfecto estado de conservación con indicios aínda sen borrar da técnica de gravado orixinal.